Nas ferventes augas da amizade

David Otero fáinos chegar parabens para os/-as membros/-as do Fervedoiro "polas vosas atencións para comigo póis lográstedes que o día dezasete de maio fose moi importante na miña vida. Grazas. Buxo, beleza e liberdade amigos".

Xosé Luna e David Otero

De seguido reproducimos as palabras que o noso compañeiro Héitor Picallo, en representación do Fervedoiro, empregou no emotivo acto de homenaxe do pasado dezasete de maio na Estrada.

"Boa noite a todas e a todos.

Primeiramente quero dar as grazas a todos os organizadores deste acto -e principalmente a Edicións Fervenza- por teren a idea brillante de realizar un acto tan emotivo e emocionante, e sobre todo por ter pensado en que xa era hora de que David Otero tivese un recoñecemento público -chámese homenaxe- mercé do seu labor para, por, de e dende Galiza: Galiza Sempre!

Hoxe évos un día moi especial para o irmán David posto que sempre ha levar este recordo na súa mente e no seu peito; pero tamén habitará en moitos de nós posto que recordaremos este día por moitas e fondas razóns que nos ligan en amizade e compromiso con David.

Vista xeral dos/-as asistentes ao acto de homenaxeDende O Fervedoiro, colectivo que presido e hoxe aquí represento, así como particularmente da sección lingüística ACUDE ALÍ: Acción CUltural na DEfensa dA LIngua, queremos felicitarlle este día -de letras e orballo- a David, así como agradecerlle, particularmente, o seu compromiso coa estrela da Rebeldía, o compromiso cos cinco raios dun soño para o país: lingua, cultura, ensino, sociedade e nación. David Otero, un dos nosos padriños culturais, bautizou coas súas laicas palabras que recenden a país a realidade social do FERVEDOIRO. Velaí vai par de anos, cando na vila do Baño (nas terras de Cuntis) medio cento de rapaces e rapazas berramos aos nosos aires a palabra Galiza. E alí, acompañándonos na cerimonia, estaban igual que hoxe os irmáns Avelino Pousa Antelo, Xoán Xosé Fernández Abella, Lois Bóveda e David Otero. Eles dixeron si á nacenza do noso colectivo, e dende aquí, dende este atril da palabra, dende este horizonte de todos e todas, grazas por terdes crido en nós.

Agasallo do Fervedoiro a David OteroDavid Otero, como dixen, é compromiso manifesto, rebeldía, palabra estrelecente, activador de movementos sociais, mais sobre todo, e por enriba de todo, é lingua, na palabra. E como a palabra é a alma do pobo, e como é Galiza, David é un anaco da alma do pais. Porque, como dixen noutra ocasión, creo no compromiso de David Otero, deposito as miñas esperanzas nos que me ouvides e en tres millóns de galegos e galegas máis para sermos sempre GALIZA SEMPRE, SEMPRE EN GALIZA, lingua e Nación de Breogán,..."

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.