Todo está ben, nada vai mal; pero o río ben manchadiño
A partir das 3 da tarde do día de onte, 10 de xuño, un membro do Fervedoiro alertou ao colectivo dun novo vertido ao carón da pasarela de madeira onde temos ergueita unha pancarta na defensa das nosas augas.
Vén a ser o mesmo lugar de sempre, e o mesmo tipo de restos, fundamentalmente celulosas e toalliñas de man que inzaron o leito do río coa coloración branca de sempre, así como tamén da consabida capa de graxa.

O problema esta vez é que alí se puido percibir un peixe morto, aínda no fondo do río, e diversos máis que saían á superficie por ausencia de osíxeno.
Ese punto de saída de augas, son unicamente pluviais como de xeito repetido se nos asegura dende a administración local? Dubidamos diso. Está xa todo resolto con respecto á rexeneración do Gallo? Dubidamos diso. Non hai máis saídas incontroladas? Abofé que si.
Que nos expliquen logo o porqué destas fotos, polas que demostra a presenza de canalizacións ocultas (camufladas) no río Gallo.

Esta, en cuestión, é unha saída que se localiza xusto na ponte de pedra que comunica as rúas Convento e Bernardo Sagasta coa praza de Galiza, e nela, como se observa, un residuo tamén leitoso avisa da presenza dunha tubaxe que verte cara ao río. Cal é a procedencia desta canalización? Que finalidade ten? De onde procede? Que tipo de residuos son estes, que de cando en vez, asexan e nos alertan de que non está todo resolto?
Algún día, quen sabe cando, teremos respostas e, quizais, se resolvan todos estes atentado contra a natureza.
chúzame -