Dereito a competir
Foi a cidade de Ourense un balbordo de actividades a carón das I Xornadas lúdico-deportivas: teatro na rúa, charla-coloquio, xantar popular, torneo de fútbol praia, amigábel siareir@s-persoeir@s, música ao vivo... E todo xirando ao redor dunha única reivindicación popular: OFICIALIDADE!

Logo do xantar popular celebrado nos arredores do pavillón dos Remedios, posterior ao torneo de fútbol praia, foi a quenda da charla-coloquio sobre a Oficialidade na que participaron representantes de Esait (membros da plataforma vasca que traballa a prol da oficialidade) xunto con compañeiros de Siareir@s Galeg@s e un representante da Dirección Xeral para o deporte da Xunta de Galiza. Alí compartíronse experiencias e proxectos que afondan no obxetivo común: a consecución das seleccións oficiais para as nosas nacións.
Déronse a coñecer datos como que xa existen 36 nacións sen estado que contan con federacións recoñecidas internacionalmente, vinte delas de fútbol. Tamén se nos informou sobre o punto de vista e as novas miras que se propón a Dirección Xeral para o deporte para avanzar neste camiño. Dende aquí queremos mandar unha forte aperta aos compañeiros vascos cos que compartimos boa parte das Xornadas.
Máis avanzada a tarde foi tempo para o partido entre siareir@s e persoeir@s, o mercado con material de diversos colectivos do país, xogos populares e o teatro na rúa das Esmorganas. A diversidade de actividades enriqueceu unhas Xornadas artelladas polos compañeiros e compañeiras de Siareir@s Galeg@s e o centro social A Esmorga, aos que hai que agradecer o seu esforzo e compromiso para sacar adiante unhas Xornadas que agardamos consigan asentar nos vindeiros calendarios anuais.

Para pór o peche a este día tan intenso, a música ao vivo dos Ultraqans, Suspenders, Guezos e Betagarri foi a encargada de encher de festa a noite ourensá.
chúzame -