Festidoiro O8´
Xa está pechado o cartel para o segundo aniversario do Fervedoiro, que desta volta levará o nome de: FESTIDOIRO 08. O esforzo deste ano centrouse en formar un cartel con grupos cen por cen en galego, grazas a iso contaremos coa presenza musical de Skárnio (ska - Vigo), Nao (metal hardcore- A Estrada), Motor Perkins (punkfolk - Lalín), Sem Resposta (hardcore - Vigo) e Sacaquedoe & Friend (sesión disco). A cita será o venres 22 de agosto na Feira da vila do Baño.

Para esta nova edición crearase, nas vindeiras datas, un myspace para que poidades ir degustando a música que soará ao vivo o vindeiro venres 22 de agosto. Tentamos que esta sexa unha festa na que se recolla a música de variados estilos para festexar o segundo aniversario da nosa activa presenza na vida sociocultural dende terras de Cuntis sen nunca perder nas nosas miras ao país galego.
A nosa intención segue a ser a de entregar o noso grao de area na laboura de destapar e ofrecer sen miramentos unha cultura sepultada por cascallos coloniais, como forma de combater aos falsificadores de identidades. Por iso sempre nos atoparemos con aqueles/-as que se senten incómodos coa nosa presenza, tan só dicirlles que non lles imos pedir desculpas polas molestias que lles causamos, máis ben avisarlles de que faremos o posíbel por afondar nelas. Boa mostra das nosas intencións é o cartel no que estamos a traballar, fronte a música comercial coa nos abafan todos os días o noso festival respostará coa feita dende Galiza nun único berro a favor da LINGUA!
Os diferentes estilos musicais servirán coma reflexo dunha verdade negada por ser un país, o noso, ao que só lle concederon atraso e referencias culturais importadas dende latitudes que nunca quixeron saber nada da nosa propia vida coma pobo. A súa indiferenza e mesmo rexeitamento cara a nosa cultura é produto da ignorancia prestada pola realidade que nos ofrecen todos os días dende as variadas vías de información empregadas a modo de novo toque de corneta do século vinteún.
O noso traballo unha vez máis irá da man co compromiso que acadamos, hai camiño de dous anos, cos principios que nos unen neste colectivo. Lingua e Cultura do noso país foron desta volta as referencias polas que nos guiamos para ofrecer este cartel, e todo isto como non podía ser doutra maneira ofrecerémolo completamente de balde. Ao longo destes dous meses que faltan para o Festidoiro 08´ iremos informándovos de diferentes aspectos nos que aínda estamos a traballar arreo para que este sexa un festival de referencia no noso país, o que si podemos ir adiantando é que haberá zona de acampada. Agardamos poder contar coa vosa presenza e apoio!
chúzame -