Premios Na Nosa Lingua

O venres, día 20 de xuño, ás 12:30 da mañá, o noso colectivo entregou os premios do I Concurso de Normalización Lingüística Na Nosa Lingua.

Autocolantes 

É para nós unha tremenda honra, para o Fervedoiro, ter podido contar coa colaboración do Colexio Aurelio M. Rey García para a realización desta actividade, pola cal se pretende concienciar entre as xeración máis mozas o valor do noso idioma, e así comprometérmonos de cheo cunha verba que nos liga a unhas raíces ancestrais e nos une tamén a rexacións enteiras de galeguistas, de activistas da palabra, de irmáns que loitaron pacificamente pola conservación e difusión dos nosos elementos de identidade, que nos distinguen do resto do mundo, pero que nos igualan no respecto a calquera outra cultura ou realidade social.

Por iso, Na Nosa Lingua, na lingua de todos e de todas, na lingua que nos abraza cos devanceiros, é un proxecto no rescate do que é noso, e un proxecto que non se podería levar a cabo -velaí fica o esforzo- se non contásemos co Equipo de Normalización Lingüística do devandito centro de ensinaza.

O Fervedoiro decidiu premiar cun MP-3 ao gañador do debuxo que máis nos impactou, que máis latexou na nosa vista e no noso peito. Seleccionamos, logo así, o traballo de Lorena Tato.

Por outra banda, imprimíronse marcapáxinas con todos os debuxos que se entregaron así como tamén autocolantes co que resultou gañador, os cales procedemos a repartir por entre os/as alumnos/as do Colexio e tamén entre os/as mestres/as.

entrega de premiosAgradecemos a colaboración de todos e de todas e animamos aos/ás profesores/as, alumnos/as, a participar nunha nova convocatoria deste Concurso, Na Nosa Lingua, para que o ano que vén aconteza en Cuntis a Revolución do Idioma e a evolución das palabras.

O C.P.I. Aurelio Rey considerou oportuno editar a súa revista, titulada A Nosa Voz, coa imaxe do debuxo gañador deste concurso, e entre as súas páxinas fica a reprodución de varias obras presentadas e o anuncio dunha vindeira actividade do noso colectivo, o Festidoiro 08. Verbo do que nesta revista se declara, o consello de redacción tivo a ben facer un chamamento á colaboración co noso colectivo, xesto que agradecemos plenamente: "Dende o CPI don Aurelio queremos agradecer o traballo a prol do galego do Fervedoiro e a súa vontade de crear dinámicas de colaboración con outras entidades e institucións deste Concello. Iniciativas coma estas que nacen do tecido asociativo do país son fundamentais para recuperar a tensión social arredor da lingua porque o galego é cousa de todos/as".

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.