O “negocio eólico” bica Cuntis.
O pasado 31 de xullo, no salón de plenos do Concello de Cuntis, a corporación municipal tomou a decisión de rexeitar a alegación presentada pola Asociación do Fervedoiro no tocante á ocupación de terras para a instalación dun aeroxerador no monte do Caeiro (Arcos de Furcos), que formará parte do “Parque Eólico Monte Arca Fase 1”. Foron 8 os votos favorábeis (3 do BNG e 5 do PSOE), así como 5 as abstencións do PP.

Recordemos que O Fervedoiro criticaba (e critica) a súa instalación por diversos motivos, fundamentalmente, porque o proxecto non ten nada de “política social” e si de favorecemento de empresas privadas alleas á nosa terra, e que buscan nos recursos naturais do noso país (por certo públicos) un activo para a seu lucro económico, baixo o paraugas do déficit enerxético. O Fervedoiro, antes e agora, cuestiónase se isto non é “unha forma máis de contribuír no avance do colonialismo empresarial e a explotación dos nosos recursos por mans alleas?”. Por outra banda, cómpre non esquecer, que a administración pública subvenciona ás empresas (privadas, por certo) que van realizar este tipo de “negocio” eólico.
Amais disto, o Conselleiro de Industria pregoa que para paliar a crise haberá que investir no “Camiño de Santiago” e nos “parques eólicos”: u-la creación de empresa pública? Velaí que se pretendan conseguir 2.325 megavatios de potencia en futuros parques eólicos, o que levará un investimento de 5.500 millóns de euros.
O noso colectivo, anunciou o seu rexeitamento frontal ao Parque Eólico Monte de Arca I, “onde xa está aceptada a súa execución e a administración pública por medio da Consellaría de Industria non fixo ren para a súa paralización, realizando así políticas continuístas ás das anteriores lexislaturas e, cando menos, igual de abusivas”.
E, á parte, solicitamos:
1. Se incrementen as compensacións económicas –chámese canon– porque son totalmente ridículas,
2. Que se poña en valor, e cuestión, a verdadeira calidade de vida que temos en Cuntis no tocante a sermos terras sobreprodutoras de electricidade cun subministro eléctrico deficitario,
3. Que se protexa, celosamente, todo o patrimonio arqueolóxico e histórico-artístico das zonas afectadas,
4. Que na realización das obras existan os medios de inspección oportunos para velar pola conservación do noso medio, entorno, accesos e patrimonio,
5. Que non se taxe previamente a desfeita medioambiental antes de que esta aconteza, a cal xa se nos manifesta,
6. Que non se caia en hipocrisías tan grandes como facer unha ruta de sendeirismo por zonas de interese natural cando a natureza vai estar basicamente estragada, cos ruídos que producirá o aeroxenerador e coas desfeitas que a instalación do mesmo ha provocar.
7. Que non se volva a estragar máis natureza e patrimonio do noso, posto que o panfleto turístico non nos rescata da crúa realidade.
Logo de non se ter en conta a nosa alegación, “posto que O Fervedoiro consideraba poucas as compensacións económicas”, púidose escoitar unha proposta do grupo municipal do BNG para debater a exención do IVE naqueles concellos afectados por encoros, minicentrais e parques eólicos, do que Cuntis é un claro exemplo. A votación foi unánime, todos dixeron amén, incluso o voceiro do PSOE, Manuel Campos Velay comentou que, xa que se explotan os nosos recursos naturais, isto era algo máis para podermos “rexenerar” os estragos medioambientais.
Que curioso, ao final a natureza si sofre! Quizais, un pouquiño, pero aínda non é suficiente: xa se escoitan as aspas de novos muíños polos montes de Cequeril e de Mesego, polo Xesteiras e San Mamede: ouviranos xa na Casa do Concello? Non será que o deterioro do medio é un estímulo para acadar investimentos para as arcas públicas, ante o modesto financiamento municipal?
Unha ampla representación do Fervedoiro asistiu á sesión plenaria, entre incerteza e incredulidade, para levantar o seu berro cívico erguendo cartaces con lemas como: Galiza non se vende; Cuntis non se vende; STOP á destrución do territorio,...
Non hai máis cego que o que non quere ver, nin xordo que o que non quere ouvir.

