Na honra de Xohán Xesús González
O vindeiro 13 de xuño a Asociación O Fervedoiro desenvolverá unha serie de actos en homenaxe ao canteiro e escritor cuntiense Xohán Xesús González.
O primeiro deles, que ha ter lugar no cemiterio parroquial de Sta. María de Cequeril (Cuntis) ás 12:00h., consistirá nunha ofrenda floral e un breve recital poético ao pé da campa sepulcral do devandito escritor fusilado no 36.

Seguidamente, e trasladándonos até a Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, a iso da 13:00h. inaugurarase a mostra biográfica Xohán Xesús González: Porta dun futuro proletario. Esta exposición –que percorre a vida, obra literaria e política, labor sindical e activismo cultural do ilustre canteiro de Sebil– será itinerante por distintos lugares da Galiza.
Participan nestes actos:
· Xosé Vázquez Pintor (Escritor e membro fundador d’A Nosa Terra),
· Uxío Breogán Diéguez Cequiel (Director do Centro de Documentación Alexandre Bóveda) e
· Un membro da Comissom da Memoria Histórica da Gentalha do Pichel (Compostela)
O día 13 tamén se aproveitará para participarmos dun xantar en homenaxe a Xohán Xesús González, polo que cómpre reservar prato antes do mércores 10 de xuño, o cal terá un custo aproximado de 20€. As persoas que queiran asistir deberán contactar connosco no teléfono 678178973 ou ben no seguinte enderezo electrónico: ofervedoiro@hotmail.com
A EXPOSICIÓN
Dentro do conxunto de actividades que a Asociación O Fervedoiro leva a desenvolver a prol da recuperación da figura do egrexio escritor Xohán Xesús González (Sebil-Cuntis 1895, Boisaca-Compostela 1936) é esta exposición a que maior esforzo supuxo. Este colectivo propuxéralle á Real Academia Galega, concretamente no 2007, que considerasen a posibilidade de lle dedicar un Día das Letras Galegas ao escritor cuntiense fusilado polos fascistas. E nese mesmo ano, O Fervedoiro consegue, mercé do seu labor divulgador, que lle puxesen o nome de Xohán Xesús González a dúas rúas galegas, unha na súa vila natal (O Baño, Cuntis) e outra na capital galega (Compostela).
Baixo o título Xohán Xesús González: Porta dun Futuro Proletario, e adaptando os versos que Xosé Luís Méndez Ferrín escribe sobre este persoeiro dende o poemario Con Pólvora e Magnolias (1976), ábrese unha mostra que percorre as múltiple facetas culturais e políticas do escritor nela biografado, cun propósito paralelo –evidentemente– de colaborar na Recuperación da Memoria Histórica.
A nivel técnico e nun primeiro momento, considerouse oportuno crear unha exposición con 14 paneis, mais debido a gran cantidade de información que se dispuña optouse por engadir outro máis. Así as cousas, e cunhas dimensións de 85 x 200 cm. (en ancho e alto, respectivamente), deseñáronse 15 lonas a toda cor, provistas de cadanseu display (sistema portátil de exposición) co obxecto de facilitar o seu traslado e a súa almacenaxe. Isto é debido ao carácter itinerante que ha ter esta mostra por diversos lugares e vilas de Galiza.
Con respecto ao deseño decidiuse elaboralo en gamas cromáticas sepias e torradas, para lle ofrecer un certo aire histórico, non sen iso renunciar a outras cores para resaltar momentos actuais e/ou estampas costumistas, pictóricas ou políticas. Para este último cometido botouse man da fotografía en cor (en diversos espazos composteláns, cuntienses ou doutros lugares) e na reprodución dun bo número de libros daquela época (de Antón Villar Ponte, Castelao, Cotarelo Valledor, de Álvarez Limeses, Cabanillas, dos Boletíns da Real Academia Galega e da prensa galega, estatal e dos centros galegos da emigración). Con respecto ás pinturas sociais, políticas e costumistas que decoran as lonas, existen cadros de varios artistas contemporáneos a Xohán Xesús, entre outros: Luís Seoane (1910-1979), Ovidio Murguía (1871-1900), Xoán Luís López (1894-1979), Afonso Rodríguez Castelao (1886-1950), Camilo Díaz Valiño (1889-1936) e Carlos Sobrino Buhigas (1885-1978).

