Xohán Xesús González: Porta dun futuro proletario
O vindeiro sábado 13 de xuño, a partir das 12:00h., celebraranse en Cuntis varios actos na honra de Xohán Xesús González, mártir nacionalista fusilado o 12 de setembro de 1936 no cemiterio compostelán de Boisaca.

O programa previsto para este día ten lixeiras modificacións, xa que o primeiro dos actos terá lugar na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, a iso das 12:00, onde se procederá a inauguración da mostra biográfica sobre o homenaxeado: Xohán Xesús González. Porta dun futuro proletario. Neste acto, como xa se anunciou, falarán:
- Un membro da Comissom Histórica da Gentalha do Pichel (Compostela),
- O historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel (Presidente da Asociación de Historiadores Galegos, Director da Revista Murguía e Presidente do Centro de Documentación Alexandre Bóveda) e, así mesmo,
- O escritor Xosé Vázquez Pintor (membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e un dos fundadores d’A Nosa Terra, Premio da Crítica Española 2002, Premio Esquío de Poesía 1989...).
Estarán presentes, asemade, os artistas Mini e Mero: Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio (escritores, cofundadores de Fuxan Os Ventos e d’A Quenlla, recentemente galardoados co Pedrón de Ouro 2009). Estes músicos, dos máis sobranceiros do país e coas voces máis comprometidas na defensa da nosa cultura e idioma, deleitarannos con varias pezas de seu para pechar esta parte da homenaxe.
Xa no camposanto de Cequeril e ao pé da sepultura de Xohán Xesús González varios poetas recitarán versos ao canteiro e político de Sebil. Contaremos coa presenza de Maka Arca Camba (Técnica do Museo Pedagóxico de Galicia), Nieves Soutelo (historiadora e escritora), Martina Vieites Ferro (Bióloga, activista cultural e presidenta da Asociación de veciños de Couso – Campo Lameiro), César Caramés (filólogo), David Otero (escritor, Secretario do Pedrón de Ouro e membro das fundacións Castelao e Alexandre Bóveda), Olimpio Arca Caldas (escritor e profesor cuntiense), Ramón Vilar Landeira (poeta e director do xornal dixital Vieiros), varios animadores sociais e culturais de distintos concellos da contorna, e veciños e veciñas de Cuntis e dos arredores. Este acto, que comezará despois de rematar a inauguración da exposición, terá como broche de ouro a música de varios gaiteiros de Calo (Teo), terra coruñesa –curiosamente– na que Xohán Xesús fundou, canda o levantamento militar de 1936, o famoso Terzo de Calo, do que formaron parte varios irmáns de Enrique Lister.
Logo da ofrenda poética, aproveitarase este intre para depositar enriba da campa do nacionalista cuntiense, e na compaña dos seus familiares, un ramo de flores (como símbolo do recordo, do amor e da esperanza).
De volta na vila do Baño (Cuntis), xantarase nun local hostaleiro moi céntrico polo módico prezo de 15 euros. As persoas que queiran asistir deberán contactar connosco no teléfono 678178973 ou ben no seguinte enderezo electrónico ofervedoiro@hotmail.com, tendo de prazo ate as 20h. de mañá mércores .
Estes días, a Asociación O Fervedoiro está a recibir continuas felicitacións pola iniciativa, e persoas da talla dos escritores/escritoras de Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei (os catro membros da Real Academia Galega), Emma Lazare, Antía Otero, Olimpio Arca Caldas, Xoán Xosé Fernández Abella, Francisco Pillado Maior, Xosé Luna Sanmartín, Alexandre Nerium, Xosé Lois García, Vicente Araguas e Miro Villar, entre outros e outras, xa nolas teñen transmitido.

