Homenaxe popular
Pequena quedou a Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, de Cuntis. Persoas de distintos lugares chegaron até ela: dende Cerceda (Ordes), a Illa de Arousa, Campo Lameiro, Moraña, Caldas de Reis, A Estrada, Pontevedra, Silleda, Compostela...

Alén dos participantes nos actos, entre outros/as escritores/as estiveron presentes Fernando González Graña, Alfonso Álvarez Caccamo e a xenial poeta Elvira Riveiro Tobío; mais, sobre todo, os actos estiveron cheos dunha numerosa mocidade desexosa de recuperar memoria. Representantes de asociacións culturais non se esqueceron da cita que tiñan en Cuntis, na vila do Baño, xa que ese día, o 13 de xuño, era o sábado escollido para lle render homenaxe a Xohán Xesús González dende o fogar do Fervedoiro.
Os actos comezaron ás 12 horas, pouco máis ou menos, na devandita casa da cultura, entre a emoción do momento e os nervios. Logo de recibirmos a todos os asistentes, as intervencións comezaron co historiador André Seoane, membro da Comissom da Memória Histórica da Gentalha do Pichel, que sinalou cales eran as características polas que Xohán Xesús é un personaxe único dentro da cultura galega. Seguidamente falaría Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, que se introduciu na historia das Irmandades, no nacionalismo galego, na II República, O Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza, o golpe militar do 36, a soberanía do pobo galego... A última intervención foi a de Xosé Vázquez Pintor, que alén de falar sobre a Memoria Histórica, de rescatar a memoria que nos é usurpada, recitou un poema seu creado para ese día e na honra de Xohán Xesús: “O Xílgaro de Sebil”.
Este acto, polo cal se inauguraba a exposición antolóxica sobre Xohán Xesús González (baixo o subtítulo “Porta dun Futuro Proletario”), contou cun faiscante broche de oro, tallado por dous artesáns do verso e da música galega: Mini e Mero (da “Quenlla”), que nos deleitaron con dous poemas musicados, un de Marica Campo e outro de Manuel María.
Aínda que as emocicións xa se percibían no ambiente, estas irían in crecendo ao chegarmos ao cemiterio de Cequeril, cando os poemas se deixaron sentir dende aos beizos de cada orador. O primeiro poeta foi Ramón Vilar Landereira, director do xornal Vieiros, que nos deleitou cuns versos creados para o canteiro de Sebil ao tempo que depositaba unha estrela enriba da campa de Xohán Xesús; logo viría Martina Vieites Ferro, representando a Campo Lameiro e, particularmente, á Asociación Cultural O Costado, que recitou versos de Darío Xohán Cabana e pousou unha maceta de canteiro enriba do lousa de granito; a continuación chegaría, dende Moraña, César Caramés (que recordou a Xosé Luís Méndez Ferrín e deixou un fouciño sobre a campa sepulcral). A seguinte poeta foi Nieves Soutelo (que ofrendaría auga do río Ulla no instante en que recita uns versos da súa autoría) e, seguindamente, Xosé Manuel Abalo Torres –en representación da Asociación Cultural “Xesús González Aboy”- pousaría os seus versos e unha pedra do río Umia. A continuación Maka Arca (Técnica do MUPEGA), le un sentido poema inspirado no canteiro de Sebil e entrega un libro de Xohán Xesús González; e Olimpio Arca Caldas, representando ao Concello de Cuntis, recita igualmente uns versos propios e pousa, silandeiro, unha vela acesa, como símbolo do facho que alumea a nosa cultura. A última persoa en intervir foi David Otero, que logo de alzar a emoción na declamación do poema por el escolleito para este día, coloca con agarimo sobre a humilde sepultura, xunto con Xosé Vázquez Pintor, Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias (“Mini e Mero”) a bandeira nacional da nación galega. A continuación, unha representante da familia de Xohán Xesús González, deposita unha ducia de rosas vermellas (como símbolo “de esperanza, da solidariedade entre os pobos e da compromiso coa Nosa Terra Galega, a Nosa Nación”. Mentres, os alí asistentes, entoan o himno galego baixo o son das grileiras de varios gaiteiros de Calo.

Realmente, foi un día moi completo, abondoso en emocións, e que continuou con toda intensidade no xantar, onde intercambiamos verbas cos asistentes e lle abrimos as portas do Fervedoiro a todos eles.
Mostraron adhesión aos actos os escritores e intelectuais galegos: Xosé Luís Méndez Ferrín, Vicente Araguas, Xosé Lois García, Xosé Luna Sanmartín, Xoán Xosé Fernández Abella, e o egrexio galeguista e padriño do Fervedoiro Avelino Pousa Antelo.

