SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Comeza o camiño
Out 15th, 2009 by ofervedoiro

O pasado xoves, día 8 de outubro, a exposición que realizou o noso colectivo sobre a figura de Xohán Xesús González facía a súa primeira escala. A Gentalha do Pichel, que dende a súa comissom da memoria histórica leva anos reivindicando tamén a figura do canteiro de Sebil, converteuse no primeiro Local Social que acolle a mostra. Damos comezo así ao longo percorrido que queremos que faga polo país este noso traballo, para lle achegar ao maior número de persoas esta importante figura, que coma moitos outros, foron afastados da vida e silenciados (moitos/as aínda desexan que sexa para sempre) polos golpistas do 36.

mesa de presentaciónO acto de presentación da exposición, que estará na Gentalha durante quince días, foi aberto por André Seoane, representante da comissom de memória histórica da Gentalha do Pichel, e que xa nos acompañou cando presentamos na vila do Baño este traballo. Logo dou paso ao noso compañeiro Héitor Picallo que fixo un repaso pola vida e obra do Xohán Xesús, e apuntou entre outras moitas cousas que esta é unha persoa na que queda moito por afondar a pesar dos escasos, porén tremendamente aproveitados, dezaseis anos de activismo nos que chegou a crear ate 4 partidos políticos, traballar en non menos de 25 publicacións periódicas e publicar en vida 8 libros. A presentación rematou cun coloquio entre os/-as asistentes ao acto.

Queremos agradecer o trato recibido polos/as compañeiros/as da Gentalha do Pichel. E  animamos a todos aqueles locais sociais e asociacións a que se mergullen a través desta exposición na vida e obra dun dos moitos persoaxes da nosa terra que as balas dos fascistas quixeron borrar da historia e que ninguén máis que o pobo logrou e logrará que perdure! 

vista da mostra “Guerra civil é o nome do baño de sangue que o golpe de estado desata. A linguaxe pon, así, o signo de igualdade entre a democracia que se defende e o cuartelazo que ataca, entre os milicianos e os militares, entre o goberno elixido polo voto popular e o caudillo elixido pola graza de Deus.” Eduardo Galeano.

Xohán Xesús de novo en Compostela…
Out 7th, 2009 by ofervedoiro

O vindeiro 8 de outubro, ás 20:00 h., o C.S. A Gentalha do Pichel (R/ Santa Clara, 21. Compostela) inaugura a exposición elaborada pola Asociación O Fervedoiro que leva por título Xohán Xesús González: Porta dun futuro proletario. Durante 15 días os/as composteláns/ás poderán ver esta mostra monográfica sobre o canteiro de Sebil que acadou un posto na historia da cultura, política e dignidade galegas, xa que logo dunha intensa vida de sacrificios e proxectos foi fusilado polos fascistas no cemiterio de Boisaca o 12 de setembro de 1936.

Panel presentación da mostraXohán Xesús González foi unha persoa polifacética, que dominou todos os xéneros literarios (poesía, ensaio, teatro e narrativa), que se introduciu no mundo do xornalismo galego, do estado e da Galiza exterior sendo considerado unha pluma moi destacada por aqueles tempos nos que a República brillaba con forza e comezaba a verse un horizonte prometedor para o país galego.

Fundou varias agrupacións políticas (Agrupación Nazonalista de Compostela, USG, Agrupación al servicio de la autonomía, VIR…), varios xornais (El País Gallego, Amañecer e Trabajo), empresas do mundo editorial (como Niké, en colaboración con Arturo Cuadrado) e, sobre todo, moveuse polo terreo da dignidade e lealdade a Galiza.

A partir das 20:30h está previsto que Héitor Picallo, en representación do Fervedoiro, dea unha pequena conferencia sobre Xohán Xesús González, aínda que a idea tamén é que se abra unha exposición de ideas, opinións e debate entre o público asistente.

A Gentalha do Pichel é un colectivo que ten bourado moito na recuperación da figura de Xohán Xesús González polas terras de Compostela, non sen atrancos de cando en vez, polo que é de aplaudir a súa achega na dignificación deste persoeiro esquecido dende o Golpe Militar de 1936 e prolongada esta omisión (consciente as máis das veces) ao longo da ditadura. Ben certo é que o de Sebil se mantivo firme en varios puntos do seu ideario político. Era socialista, nacionalista de base e marxista, de aí que houbese persoas (sobre todo aos do círculo de Ramón Piñeiro) aos que lles molestase non só a figura, senón incluso tales ideas.

Dentro do nacionalismo buscaba unha España confederada, na que cada estado ibérico fose quen de decidir o seu futuro; porén, no caso de non conseguir esta autonomía para Galiza, Xohán Xesús apostaba pola independencia plena.

Todo isto reflíctese nos quince paneis que a partir do 8 de outubro se poderán ver na cidade compostelá.

Inauguración da ruta de sendeirismo da Ponte do Ramo
Out 2nd, 2009 by ofervedoiro

A asociación veciñal d´O Portavezal vai inaugurar o vindeiro sábado 10 de outubro a senda peonil da Ponte do Ramo. Xunto con eles colaboran nesta activadade unha serie de entidades entre as cales se atopa a nosa asociación.

Read the rest of this entry »

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa