Emotiva e intensa foi a presentación en Calo (Teo) da mostra Xohán Xesús González: porta dun futuro proletario, elaborada polo noso colectivo e levada (moi ben levada) até as devanditas terras pola Asociación A Oliveira (colectivo pola Recuperación da Memoria Histórica). Á parte da representación consabida do Fervedoiro, compartiron mesa Xosé Luís Santos (como membro da Oliveira) e a poeta Elvira Riveiro Tobío (residente dende hai uns meses na freguesía cuntiense de Cequeril, non moi lonxe da campa na que repousan os restos de Xohán Xesús).
Primeiramente interviu o propio Xosé Luís e tratou sobre a vinculación do canteiro de Cuntis coa xeografía de Teo, dende o labor do sindicalismo, o oficio de labrar a pedra, a dinamización política da USG e a configuración do Terzo de Calo canda o levantamento fascista e golpe de estado de 1936. A continuación toma a palabra O Fervedoiro, na persoa de Héitor Picallo, e dá unhas ciceladas na biografía de Xohán Xesús, tanto no eido político como dentro do labor cultural nos círculos compostelán, vigués, cuntiense… Achegouse nova información, inédita nalgún eido deste político fusilado en Boisaca en setembro do 36, e de seguido alzou o verso Elvira Riveiro, que declamou un poema inédito (titulado “Escarificación”) que formará parte do poemario que está a elaborar O Fervedoiro na honra de Xohán Xesús González, e no que haberá varias ducias de composicións líricas creadas por unha manchea de poetas galegos. Erguendo a súa voz, Elvira volveu reivindicar un Día das Letras Galegas para Xohán Xesús González, porque ben merecente é deste recoñecemento, porque loitou pola conservación da nosa cultura e idioma (hogano tan mancadas por algúns roedores do hórreo) e por ser coherente e defensor dos dereitos da muller, do traballador e do pobo galego.

Presente estivo Carme Hermida (membro do Instituto da Lingua Galega e Concelleira de Cultura de Teo) e Francisco Fernández Rei (numerario da Real Academia Galega e así mesmo de esoutra institución). Varias persoas (as que gustaron) compartiron conversa ao final do acto, nun intercambio de opinións e reflexións, pero sobre todo observouse unha cidadanía consciente da situación que nos toca vivir e crítica con aqueles tempos de loito e sangue.
Emotiva, entre outras, foi a intervención de Eduardo Liste (sobriño de Enrique Lister e fillo de Constante, tenente alcalde de Teo canda a República, fusilado polos fascistas), e que nos informou sobre a morte de varios dos seus familiares e do momento no que, os da súa casa, foron recoller os restos mortais de Faustino Liste no cemiterio de Boisaca. Este último persoeiro, membro do Terzo de Calo, amigo de Xohán Xesús e fusilado canda el, asasinado polos fascistas (alias “falanxistas, franquistas, criminais, racistas…”) e testemuña das últimas vontades do canteiro de Cuntis, apareceu nun foxo do devandito camposanto. E alí mesmo comprobaron “os de Liste”, na mutilación dos dedos das mans do seu parente, as torturas que padeceron os republicanos (leais á Democracia) antes de recibiren o tiro de graza e o peso do chumbo.
Días como estes fannos reflexionar e non esquecer que a memoria deixará de ser un obxecto prohibido porque aínda fican sobre nós sombras que están presentes, e que só serán disipadas cando se reescriba a historia e se diga en pública voz o nome dos culpábeis, cando se revisen os xuízos sumarísimos e cando algúns (incluída a empresa e institución da igrexa católica, cómplice e ramera do réxime) pidan un sincero perdón.
Reencontrarase o cuntiense, político e canteiro, coas xeografías e paisaxes polas que el tanto andou, dende o seu labor sindicalista e polos seus lazos afectivos, baterá de novo con diversos persoeiros desa terra: Enrique Líster que formou parte do exército soviético que loitou contra a Alemaña nazi na II Guerra Mundial, acadando a graduación militar de Xeneral. Foi parte da cúpula do PCE onde tivo importantes disputas con Santiago Carrillo e acabaría fundando o PCOE, Constante Liste tenente alcalde republicano de Teo asasinado vilmente polos golpista en 1936, Bernardo Mato mestre na escola de Campos-Teo, tamén asasinado, Salgado Uribe teense que foi nomeado alcalde de Carbia, actual Vila de Cruces, trala victoria da Frente Popular, logo do golpe escóndese en Compostela e máis tarde en Arzúa onde morrería de tuberculose catro anos despois de ser indultado dun delito de rebelión militar. Xa se reorganiza de novo o recordado Terzo de Calo!

Entradas (RSS)