SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Dende o mar da Arousa, recoñecemento ao Fervedoiro
Mar 18th, 2010 by ofervedoiro

Arousáns do anoFoi o sábado 13 de marzo cando no auditorio de Vilagarcía, e de mans do xornal Diario de Arousa, agasallaron ao noso colectivo como un dos Arousáns do Ano 2010. Mercé das opinións dos/as lectores/as dese rotativo e do xurado que o mesmo convocou, ao Fervedoiro concedéuselle esta honra por mor do seu traballo a prol da recuperación das marxes do Gallo e, por extensión, todo o que afecta á conservación do medio ambiente, desenvolvendo unha continua campaña de concienciación social, de denuncia e de actividades “simbólicas” en colaboración con outros colectivos. 

Dende O Fervedoiro queremos agradecer este recoñecemento que se nos dá, e afirmar con rotundidade que de seguro que hai moitos máis colectivos galegos merecentes desta honra. Grazas polo tanto ao Diario de Arousa e os seus lectores e lectoras e grazas tamén por serdes os transmisores da nosa voz.

Queremos dedicar esta nosa teima e loita a todos os desempregadas e desempregados galegos –ao proletariado e ao subproletariado–, ás mulleres que acotío son víctimas da violencia de xénero, e a todos aqueles que loitan pola conservación dos recursos naturais e públicos (oxalá algún día as burgas de Cuntis volvan ser de todos/as os/as cidadáns/ás).

Queremos Galego! concentración 15.03.10, A Estrada.

Mais, por mor dos tambores de desprezo que resoan na nosa nación, queremos traer un respiro de compromiso dende os Ventos Ábregos do benquerido amigo e compatriota Avelino Abuín de Tembra:

¿Está a mocidade de Galicia interesada na sacratísima lingua do seu país, Galicia? ¿Está a mocidade intranquila e desacougada pola mesma existencia, difusa, incongrua, cinsenta, do propio país? (…). Ten que haber en Galicia unha mocidade liberal, xenerosa, magnánima e pródiga coa súa nación (…)”.

Agora e aquí, respondemos ao mestre: Velaquí nos tes irmán, velaquí ficamos, que xa somos e seremos moitos máis os que degoramos vivir e soñar o futuro en Galego.

Para ver, Ken Keirades, ao Xohán Xesús na Estrada
Mar 16th, 2010 by ofervedoiro

Xohán Xesús no C.S. SetestreloNo noso particular Tren da Memoria, que está a levar a exposición Xohán Xesús González: Porta dun Futuro Proletario (realizada polo Fervedoiro para dar a coñecer a figura deste nacionalista, nado en Sebil no ano 1895), a parada máis recente aconteceu nos apeadoiros das xeografías de Tabeirós-Terra de Montes, e máis concretamente na cerna urbana da Estrada, no Centro Social Setestrelo.

O venres 12 de marzo inaugurouse esta mostra por interese da Asociación Cultural Ken Keirades, a cal durante todo este mes se poderá visitar no devandito centro social. Porque, alén de achegar a biografía deste fusilado no Golpe Militar Fascista de 1936, é igual de interesante estabelecer lazos de amizade entre os colectivos sensibilizados con este tema, co propósito de recuperarmos memoria e servindo de medios sensibilizadores da sociedade, para coñecermos e revisarmos a nosa historia, para construírmos un futuro de libre opinión e respecto a todos/as aqueles/as que loitaron pola LIBERDADE.

vista da mostra

Pero non só resultan necesarios estes lazos no eido da consciencia do que é e foi o noso pobo, senón tamén en outros moitos aspectos, por ser necesario, positivo e interesante xunguir esforzos para triunfarmos en
IRMANDADE!



XOHÁN XESÚS GONZÁLEZ NA ESTRADA (DA VIDA)
Mar 9th, 2010 by ofervedoiro

Será este venres, 12 de marzo, ás 20:30h., da man da Asociación Ken Keirades, cando sexa inaugurada na “Estrada da Vida” a mostra biográfica que sobre Xohán Xesús González realizou O Fervedoiro. Alí, no centro social Setestrelo do colectivo estradense, ficará a exposición ao longo de medio mes. E falarase do canteiro de Sebil (Cequeril – Cuntis) que chega a avogado na cidade compostelá e que acada os cumios da cultura galega anterior ao Golpe Militar Fascista de 1936. Mestre en moitas materias (ensaio e novela, fundamentalmente), achegarase no acto de presentación desta mostra non só a faceta cultural de Xohán Xesús (proxectos e publicacións) senón tamén a faceta política dun arghina construtor de partidos, creador de realidades políticas únicas até aquel entón, e particularmente da USG (Unión Socialista Galega), que aglutina as ideas marxista e socialista ao redor dunha cerna nacionalista.

Velaí varios dos temas que se tratarán e que han servir para comezar un posterior debate e confronto de ideas. Hase opinar –xa tarda o día– sobre a vida do mestre, e outrosí da obra e realidades que fixeron que a súa pegada fose irrepetíbel na nación galega. Mais albiscaremos a un Xohán Xesús do rural e da vila, próximo ás terras da Estrada, onde radicaba parte da súa actividade cultural mercé dos rotativos nos que alí escribe, e mercé tamén dos amigos que colaboraban canda el nos xornais que funda e edita na urbe compostelá.

Ken Keirades leva até o seu paraíso as paisaxes vitais e humanas dun mártir do 36, para colaborar así na Recuperación da Memoria Histórica, e para entregar a todos/as os/as estradenses un anaco próximo e heroico da historia contemporánea. Amais disto, e por mor da proximidade dese 12 de marzo co Día Internacional das Mulleres, traerase, así mesmo, a un canteiro feminista, a un canteiro que loita polos dereitos da muller e a unha persoa, precursora en moitos asuntos, que viu na muller non só un motivo de inspiración das súas novelas, senón unha meta pola que loitar: a igualdade. Por iso, o Xohán Xesús dese día ha ser o sindicalista que non fica mudo ante as desigualdades de xénero, porque a súa voz, que aínda hoxe ecoa, foi transmisora do que realmente debía ser e non foi: o equilibrio, o respecto e a igualdade dos xéneros.

Álen disto, toda esta mestura de ideas estará adobiada co mellor dos prebes posíbeis: o verso, o poema que recorda e homenaxea ao mestre fusilado ao pé dos panteóns de Boisaca, aquel setembro cheo de fume, ateigado de pólvora no aire e que privou de luz a toda a nación galega durante varias décadas, por mor de Atila e os seus fillos (netos dos da desmemoria). Cómpre escorrentar os cheiros e as tebras para triunfarmos e recuperarmos o furtado, entre todos e todas, e conquistarmos ademais definitivamente TERRA, REPÚBLICA E NACIÓN!

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa