SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Xohán Xesús segue o seu camiño
Mai 26th, 2010 by ofervedoiro

A mostra itinerante sobre a vida, obra e labor sociopolítico de Xohán Xesús González que ten realizado O Fervedoiro, pasiño a pasiño continúa a súa andaina polas terras galegas. O día 24 de abril trasladouse á cidade olívica, da man do Centro Social A Revolta, e alí ficou até o 8 do mes de maio para que todos/as aqueles/as que se quixesen reencontrar con este persoeiro, pioneiro en moitas disciplinas, visen na exposición un bo resumo do que foi o canteiro, o político, o sindicalista, o creador de partidos, o xornalista… este fillo do proletariado que acada os cumios da cultura e política galegas.

E dicimos reencontrarse co pedreiro de Sebil, posto que é ben sabido que outrora foi correspondente por Compostela no xornal vigués El Pueblo Gallego, dende a súa creación (27 de xaneiro de 1924) até decembro de 1929. Nesta publicación, que dirixiu Ramón Fernández Mato, Xohán Xesús transfigúrase en Carmen de Ginzal, camufla a súa persoa na efixie dunha muller que escribe “Prosas” compostelás, de ambientes costumistas, femininos e tamén proletarios, travístese literariamente para crear nel mesmo unha outra faciana. Como diferente foi aquela que se agocha detrás do Marqués del Gundisal, pseudónimo co que tamén asina nas mesmas páxinas deste rotativo.

Retornada de novo a mostra ás terras de Cuntis, e máis concretamente á vila dos Baños, o C.P.I. Don Aurelio Marcelino Rey serve de canle difusora para estender a biografía de Xohán Xesús González. Alí permanece dende o día 10 do corrente, e alí estará até que chegue o solpor deste Mes Novoneyrián das Letras Galegas. Interesado por temas que teñen que ver coa Memoria Histórica, a Liberdade de Expresión e sobre todo a cultura e lingua galegas, o profesor de Historia dese centro de ensino, Eladio Anxo gustou de solicitar esta exposición, como outrora deu testemuño de se ter interesado, abofé, pola figura deste fillo das xeografías de Cuntis, candidato para un Día, un Mes, un Ano das Letras Galegas (que oxalá chegue para que toda Galiza lle renda homenaxe). Agora resta espertar o interese dos/as alumnos/as do C.P.I., posto que coa descuberta do Xohán Xesús verán plasmada a mesma personificación do traballo, da constancia e do afán de superación do CANTEIRO DE SEBIL. Aínda se lle ouve bater na pedra, escoitamos o cicel que rabuña a laxe da desmemoria.

 

Homenaxe a Uxío Novoneyra
Mai 4th, 2010 by ofervedoiro

Uxío NovoneyraEste vindeiro domingo, 9 de maio, terá lugar en Parada do Courel unha homenaxe nacional a Uxío Novoneyra (1930-1999), escritor galego o que este ano se lle adica o Día das Letras.

A homenaxe está organizada pola plataforma Queremos Galego, e colaboran diversas entidades da contorna, entre elas está o noso colectivo ademáis de: “O Arrieiro” de Moraña, “Xesús González Aboi” de Caldas de Reis, “Vagalumes” e “C.S. Setestrelo” de A Estrada ou “O Meigallo” de Cuntis.

Os buses, totalmente gratuitos, farán parada en diversos lugares e no noso concello será no pavillón municipal ás 7.45h. da mañán. Haberá que aboar 5 euros para o xantar. Para anotarse facilitouse o seguinte número de teléfono: 981 570 030. Tamén o podedes facer na concellaría de cultura do concello de Cuntis.

A continuación reproducimos o programa da homenaxe:

cartaz da homenaxe

  • Concentración na Ferrería de Seoane do Courel antes das 11 h., onde se estacionarán os autos.
  • 11 h. Camiñada desde a Ferrería con destino a Parada (lugar natal de Uxío Novoneyra) en que se fará un percorrido de 3 quilómetros de encosta. Calculamos chegar sobre as 13 h. Durante esta camiñada faranse paradas para recitar poemas de Novoneyra que as persoas que o desexen poderán escoller os poemas preferidos de Novoneyra e recitalos, entre outras actuacións. Este itinerario farase a pé. Os autos ficarán na Ferrería, dado que Parada non ten capacidade para estacionar mais de dez coches que son dos veciños. Por tanto pedimos que se estimen as recomendacións que faga Protección Civil do Courel que estará na Ferrería para organizar os estacionamentos.
  • 13 h. Comezo do acto de homenaxe, xunto a casa natal do poeta, que consistirá en evocar a Uxío Novoneyra e ao seu espazo natural que é o Courel. Neste acto intervirán músicos e cantautores entre outras aportacións que faga o público neste aspecto. Para este acto central, reiteramos, debemos contar previamente cunha nómina de solicitantes para as palestras. Para o recital itinerante, desde a Ferrería até Parada, non é preciso previo aviso.
  • 15 h. Rematará o acto de evocación e homenaxe cunha ofrenda floral diante da casa de Uxío Novoneyra que fará un grupo de escolares do Courel. A partir dese momento daremos por finalizado o acto.   
»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa