SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Entrega de premios Na Nosa Língua
Xuñ 9th, 2010 by ofervedoiro

Na Nosa Lingua, concurso convocado pola Asociación O Fervedoiro, co obxecto de dinamizar e dignificar o uso do Idioma Galego, entregou hoxe, 9 de xuño de 2010, os seus premios.

Aínda que inicialmente estaba previsto que fosen 3 os galardóns, desta volta son 4 as persoas ás que expresamente se lles vai valorar a súa creatividade artística e o seu cariño e defensa ao noso idioma e cultura galegos. Consideramos oportuno crear un accésit para podermos recoñecer a orixinalidade dun dos traballos entregados. Porén, hai que dicilo, foron moitos e moi bos os que nos chegaron, e a tarefa de selección dos gañadores estivo tremendamente complicada.

Para a realización deste concurso contamos coa colaboración do Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do C.P.I. “Don Aurelio Marcelino Rey” de Cuntis (centro de ensino para o que foi convocada tal actividade), que dende un principio se implicou activamente. Tampouco nos debemos esquecer dos profesores de plástica por mor da súa actitude e compromiso.

Queremos deixar aquí reflectido o noso agradecemento a outras entidades colaboradoras. Primeiramente, a Edicións Fervenza, que puxo ao noso dispor os moitos exemplares dos seus últimos cadernos de Teatro (pertencentes á colección A Pinguela). As obras teatrais coas que queren agasallar aos/ás premiados/as deste concurso son:

  1. Mirafentos, de Xosé Lois García

  2. O Máxico e Tolo Camiño a Compostela, do escritor cuntiense Fernando González Graña

  3. Repetimos Acción!, de Concha Blanco

  4. O Misterio da Sombra, de Teresa González

  5. Que lle pasou a Coelliño?, da recentemente falecida Anisia Miranda, e

  6. Un bencon outro ben, da mesma autora.

Quixéronse sumar, así mesmo, a este certame en calidade de colaboradores os grupos de música galega Machina, Nao, Kastomä e Skarnio, que nos enviaron varios dos seus discos así como algún que outro vídeoclip.

Os/as galardoados/as foron os/as seguintes:

 

premiad@s

O Accésit vai para IVÁN SENÍN PEREIRA, porque na súa obra recoñécese que o galego é a simbiose entre a tradición e a modernidade. Velaí o seu lema “Mola máis que o Reaggeton”.

Pola seu traballo titulado Únicos, o 3º premio vai para SAMER ABDULKADER SANDE. Nel englóbase toda a autenticidade do noso país: o galego é único, como única é Galiza. E todos e todas debemos centrarnos e esforzarmos por ela, pola nosa terra.

O 2º Premio resalta a sonoridade do noso idioma e da nosa cultura, velaí o seu lema: “Sintoniza co galego”. A nosa cultura é tremendamente musical, agarimosa, e o noso idioma válido para a arte, para a creación… O galardón recae en AITOR CAMPOS RAMOS

E o 1º Premio recae en SARA DANIELA CARRASQUEL IGLESIAS. Un mapa de Galiza serve de berce dunha crianza, que dorme cuberta por unha mantiña de cadros. Co lema é “Arroupados polo galego” entrégasenos esa sensación maternal de Galiza como nai, que nos dá calor, que se preocupa por nós, que nos coida… pero que tamén nós nos debemos interesar por ela. O galego, son, polo tanto, orixes, raíces e, sobre todo, o sentimento máis entrañábel do noso pobo.

Agradecidos a todos e a todas pola activa participación, agradecidos por terdes amosado o voso incondicional amor polo noso propio idioma.

A partir de agora, dende O Fervedoiro, encargarémonos de colocar varias reproducións do cartel gañador en varios lugares do noso concello, así como repartir entre vós, os marcapáxinas cos traballos seleccionados, os cales tamén levan citas de Castelao, Xohán Xesús González, Uxío Novoneyra e Xoán Xosé Fernández Abella, que fan alusión á conservación do noso idioma e á nosa identidade.

Parabéns, saúde e longa vida ás nosas letras!

I xornadas de cultura e mocidade
Xuñ 3rd, 2010 by ofervedoiro

O pasado sábado, día 29 de maio, participamos nas I xornadas de cultura e mocidade que tiveron lugar na sala de exposicións de Caixanova na Estrada. Organizadas por Galiza Nova e coa colaboración dos colectivos O Arrieiro e Verbo Xido desenvolveuse unha programación que tivo como eixo central as experiencias e proxectos desenvoltos por diferentes colectivos da contorna.

cartaz das xornadas

Xunto A Fervenza de Ouzande, As nosas músicas de Couso, Ken Keirades de A Estrada ou Os Penancos de Valga, entre outros, tivemos a ocasión de expoñer os traballos realizados dende os nosos ámbitos de actuación e aproveitar a ocasión para coñecer mellor aos colectivos, que aínda actuando nunha zona xeográfica aparentemente próxima, as máis das veces como cidadáns non temos coñecemento das suas loitas grazas a esa desinformación interesada da que nos fan ser partícipes. 

Para pór o peche a esta primeira xornada participamos dun debate sobre as perspectivas de futuro nas que se espuxeron os diferentes puntos de vista marcados polas particulares loitas e experiencias de cadaquén. Quedando ben patente, iso si, que os/as alí presentes temos en común que seguimos a crer que o camiño é un desafío que agarda e que desfacer e enmendar agravios é un disparate que paga a pena.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa