SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Festidoiro 2010
Xul 31st, 2010 by ofervedoiro

Xa vén aí o Festidoiro, o ambiente comeza a se encher de música, percibimos na proximidade os harmoniosos sons da diversidade polifónica da nosa Galiza. E este encontro lúdico-musical cae no 27 de agosto, un venres que agardamos estea ateigado de emocións. Como en edicións vindeiras, celebrarase no Campo da Feira (alias Praza da Constitución), ás 22:30 horas, a entrada é de balde ao igual que a zona de acampada (reservada na área das piscinas municipais). Ademais poderán dispor das duchas e os baños da propia piscina.

Van catro anos de Festidoiro e agardamos que veñan moitísimos máis, pretendendo que a boa música galega se coñeza, se difunda e nos faga sentir, aínda que as subvencións cada vez sexan menores. Este ano, a Consellería de Cultura, maila termos todos os datos ben e a documentación entregada en tempo e forma, non nos da ren para este evento que pouco a pouco se vai consagrando na comarca. Razóns terán que nós descoñecemos, o Xacobeo vale moito e o que non xira ao redor disto de non existir non ten importancia. Malos tempos para estoutra lírica.

Alén de todo isto, son cinco as agrupacións musicais que nos farán choutar, brincar, asubiar, cantar e, loxicamente, pasalo ben neste ocasión. Elas son: Os Tres Trebóns, Medomedá, Kastomä, Raiba e Leo i Arremecaghona.

Tal e como comezamos seguimos, defendendo o noso idioma nacional. O ano pasado o slogan era “Lingua proletaria do meu pobo… eu canto porque si”; neste “Cento % en galego”. Porque realmente debemos estar si con Galiza, como dixo o homenaxeado co día das Letras Galegas deste ano, Uxío Novoneyra.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa