SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
A patria que quedou sen pedais
Out 1st, 2010 by ofervedoiro

Vai camiño de tres anos, aló polo mes de decembro do 2007, tivemos o pracer de contar nun dos nosos actos coa presenza de Ezequiel Mosquera. O bravo corredor galego, que endexamais se rendeu sobre a súa bicicleta, estivo canda nós na presentación do dvd de SS.GG. falándonos do importante que foi para el e os seus compañeiros a formación da escadra galega de ciclismo. Tres anos máis tarde aí están os éxitos tanto individuais coma colectivos que puideron recoller, o rendemento do Xacobeo Galiza é incuestionábel, como tamén o é o rédito que deu en publicidade. Esta mesma semana na aínda radio pública do noso país aseguraban que a publicidade que xerou o equipo está valorada xa en 100 millóns de euros. É por cousas coma estas que nos resulta moi pouco críbel a versión oficial do porqué da desaparición da formación ciclista galega.

co Ezequiel

 Nos días de viño e rosas deste pasado mes de setembro, nos que Ezequiel loitaba por ser o vencedor da Vuelta, tod@s puidemos ver o affair do goberno galego sacando fotos ao carón do equipo ciclista mentres aseguraba a súa continuidade para, como mínimo, dous anos máis. Unha vez rematada a función do circo mediático eses mesmos, que saían días atrás cun inmenso sorriso de orella a orella, mentíndonos (unha outra máis!), asinan agora a defunción do equipo ciclista galego coa “satisfacción” do deber cumprido (xa podemos estarricar os tirantes e darnos palmadiñas no lombo). Porque a estes “nosos representantes” (?), como xa nos teñen acostumad@s, non lles treme o pulso á hora de combater todo o que cheire a identidade galega e abofé que o Xacobeo Galiza forma parte dela. Porque, tal e como afirmaba a lenda dunha dos centos de pancartas que a afección galega amosou na etapa da Bola do Mundo que venceu o de Teo, fíxonos sentir aínda máis orgullosos de sermos galeg@s!!!

 Ezequiel Mosquera Porén, quedarán para sempre todas as grandes xestas coas que nos fixeron gozar ao longo destes anos os nosos ciclistas e que resumimos coas verbas que o mesmo Ezequiel lle dixo ao presidente da Xunta cando llo puxeron ao teléfono na mesma liña de meta tras vencer a penúltima etapa da Volta e quedarse as portas de ser o vencedor da rolda española:

Non gañamos a guerra, pero si a batalla!

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa