SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Reflexións sobre o Umia
Nov 23rd, 2010 by ofervedoiro

O sábado 20 de novembro, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, celebrouse unha mesa informativa en relación á situación na que se atopa o río Umia.

Mesa da Xornada

Cinco foron os puntos que se trataron sobre esta problemática: sociopolítico e económico, turístico-cultural, medio ambiental, legal e sanitario… E dende estas cinco perspectivas sacouse como conclusión que o mellor que lle pode acontecer ao Umia, un río enfermo e ferido de morte, é a derruba da presa da Baxe. Que fauna queda agora pola contorna do Umia? Que rutas de sendeirismo se poden realizar? Que infraestrutura de lecer temos? Cantos de serea veñen cara a nós dende as administracións para que batamos contra a realidade, contra os cantís da sen razón, contra o encoro da Baxe: o maior monumento á prepotencia endexamais construído. Roubáronnos o horizonte, roubáronnos o medio ambiente, roubáronnos o patrimonio popular, roubáronnos espazos de lecer que outrora tiñamos, roubáronnos xustiza e tranquilidade… Queremos o que era e é noso: un río san e público!!

vista xeral do públicoOs colectivos e, en particular as persoas (conferenciantes e público), non acreditamos en que sexa o labor agropecuario que se realiza nas beiras deste río un dos factores que inflúen no estado das súas augas: este tipo de actividades, fundamentalmente, son hogano inexistentes na contorna do encoro –en contradición co que se achega dende a administración pública. Si é certo que o mantemento e estado das depuradoras e decantadoras municipais inflúe en certo grao no estado das augas putrefactas mais –de non realizarmos un xuízo tan superficial–, saberemos que as condicións climatolóxicas, os estados do fondo e a descomposición orgánica que acontece no mesmo, a desosixenación e eutrofización da auga, a acidez dese tramo do río, a humidade e a cantidade lumínica… son puntos tamén a ter en conta, mais non son os únicos.

Existindo a microcystina no Umia é tremendamente difícil combatela, e os métodos de depuración que se están a implantar, alén de custosísimos, non aseguran –para nada– que non quede unha porcentaxe de células daniñas sen eliminar. O ozono non é a solución, a solución é a demolición.

Ou, acaso, nos podemos permitir estar destinando continuamente fondos públicos para sanear un río que de non existir o encoro estaría basicamente san? Por que seguir cunha explotación hidroeléctrica cando o obxectivo fundamental polo que se construíu o encoro –o abastecemento de auga– non se está a cumprir? Por que hai que traer camións cisterna con auga potábel doutros lados? Por que o pobo ten que pagar os males que el non provocou? Por que o pobo está intranquilo ao beber ou se duchar coa auga que sae da billa? Por que gastar tanto diñeiro nisto cando sería máis económico derrubar o encoro? Canto custaría a derruba da central hidroeléctrica da Baxe? Cando lle custa manter en pé á Xunta de Galiza o problemiña ese que hai en Caldas, Cuntis e Moraña? Saúde e tranquilidade pública ou explotación hidroeléctrica? Pobo ou empresa privada?

A Organización Mundial da Saúde achega que a microcystina emite unha toxina que, ademais de se acumular progresivamente no organismo, pode ocasionar complicacións moi serias para o ser humano. Xa que, alén de traer consecuencias hoxe por hoxe impredecíbeis, sábese que pode producir non só erupcións cutáneas, alerxias e fortes diarreas, senón incluso problemas importantes no sistema nervioso central, insuficiencias hepáticas e cancro…

E se iso o di a OMS, a máxima institución en materia de saúde a nivel mundial, os nosos gobernantes han seguir coas inxeccións de diñeiro (aviso: procedente do erario público) e coas inxeccións de ozono?

Se diante de nós, se diante dos nosos fociños, se diante da nosa billa existe un problema, existe algo que todos os anos crea alarma social, se diante de nós está o monstro que asusta as nosas vidas, cómpre eliminalo. A administración é a responsábel, non os veciños e veciñas que conscientemente demandan saúde e tranquilidade para as súa vidas.

TRANQUILIDADE E SAUDE OU ENCORO DA BAXE? QUE BAIXE A AUGA E QUE CAIA O ENCORO…

Arredor do Umia
Nov 18th, 2010 by ofervedoiro

Cartaz O vindeiro sábado día 20, da man da Asociación O Fervedoiro, vivirase na vila do Baño (Cuntis) un día totalmente vinculado coa defensa dos nosos ríos, das nosas augas e, en xeral do medio ambiente.

(LIMPEZA do RÍO GALLO) Comezarase pola mañá, a iso das 10:30 horas, no río Gallo ao seu paso pola contorna da rúa Xohán Xesús González (zona do Espadenal) para, un outro ano máis, poñérmonos as botas e colaborar na limpeza do cauce deste afluente do Umia. Até alí dirixiranse varios/as voluntarios/as e extraerán residuos sólidos contaminantes ou que deban ser retirados, de acordo co protocolo de actuación que se recomenda realizar dende o Proxecto Ríos. Colabora para este fin o Núcleo de Sostibilidade do Concello de Cuntis, da man do seu responsábel Jorge.

(MESA INFORMATIVA SOBRE O UMIA) Xa que agora diversas agrupacións políticas da administración caldense xa se posicionaron sobre a problemática da situación do Umia, como así mesmo paralelamente o fixeron no Parlamento Galego, O Fervedoiro quer colaborar coa realización dun acto referido a este asunto que a todos/as nos debera preocupar, ou cando menos ser de interese. Así logo, ese mesmo día e pola tarde, a Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, acollerá a partir das 19:30 horas unha mesa informativa e de opinión sobre a situación na que se atopa, arestora, o río Umia. Organizado polo Fervedoiro, contará este acto coa participación de diversos colectivos e persoas que explorarán, dende diversas ópticas, o estado das augas deste río mercé da construción do Encoro da Baxe hai xa anos e a proliferación da cianobacteria microcystis areuginosa. A repercusión social e económica da construción desta presa; a existencia de augas moi contaminadas –non só pola acción da devandita bacteria–; os saneamentos e depuracións municipais da bisbarra de Caldas; a fraude e ilegalidade da construción do Encoro da Baxe; a fauna e flora que se nos está a roubar; e as “potencialidades turísticas” da contorna do devandito río serán varias da materias aquí a tratar.

  • Dende o colectivo Naturgalicia (www.naturgalicia.com) amosarásenos, por medio dun audiovisual, diversas especies animais e vexetais existentes nas beiras do Umia e ameazadas de desaparición, cando non desaparecidas algunhas delas en diversos tramos fluviais. Esta comunicación será pronunciada por Damián Porto Rico, que xunto con Antonio Barbeito e Francisco Azurmendi, teñen colaborado por medio de artigos e fotografías en prestixiosas revistas como Quercus.
  • Da man dun veciño do lugar da Hervés (Troáns – Cuntis) falarásenos do día a día ao lado da presa, e da repercusión social e económica que supuxo para a toda a comarca.
  • A Coordinadora Anti-Encoro de Caldas, Cuntis, Moraña, representada por Paloma Fernández –unha das persoas que máis se ten implicado e sabe sobre este asunto– abordará os aspectos legais que tivo a présa, aínda en pé, da Baxe. É dicir, farase memoria deses anos nos que unha comarca dixo non e un goberno dixo “encoro si”.
  • Daniel López Vispo, en representación de ADEGA, achegaranos todo o que coadxuva a existencia da bacteria fecal que invade a zona do encoro e que se propaga río abaixo. Falarase da depuración destas augas para logo seren consumidas e do mantemento de tantas e tantas decantadoras, filtradoras e estacións depuradoras da zona que colaboran na proliferación deste organismo perigoso en maior ou menor medida para os seres vivos e, en particular, para os seres humanos.
  • Por último será Eva Villaverde, voceira da Asociación O Arrieiro quen nos dea conta da situación paisaxística, patrimonial e turística das zonas do Umia que pasan polos concellos de Caldas, Cuntis e Moraña. Dende esta óptica verase, así mesmo, todo ese espazo morto existente no río inviábel para a realización de roteiros de sendeirismo, visitas a muíños e outras construcións etnográficas e para a valoración do medio ambiente.

O acto busca espertar a conciencia social dos nosos ecosistemas, tantas veces degradados pola man corrosiva do home inconsciente, polo axente nocivo da aldraxe económica e polo incumprimento sistemático de normativas e lexislacións aprobadas por diversas administracións públicas. A hipocrisía que nos trae tantas veces o panfleto turístico é o resultado de diversas fraudes: maioritariamente políticas.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa