SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Circular de Cuntis
Abr 27th, 2011 by ofervedoiro

cartaz roteiroEste vindeiro sábado, 30 de abril, chega a cita coa segunda das sendas previstas dentro da nosa programación Vén de Roterios!  

Esta nova saída terá como protagonista a auga dos ríos Umia e Gallo que atoparemos en varias ocasións ao longo do percorrido, facéndonos desfrutar das distintas formas naturais que teñen de manifestarse  (pozas, fervenzas …) , pasaremos tamén por vellos camiños de pedra que aínda se conservan en zonas coma Vilar de Mato e gozaremos, máis unha vez, coas vistas panorámicas que nos ofrecen as alturas.

A Circular de Cuntis é o roteiro máis longo (24 kms) que percorre o noso concello, aínda que non o de maior dificultade, esa honra correspóndelle o ascenso ao Xesteiras que realizamos fai un par semanas. Desta volta nos primeiros 5 kms xa percorreremos as rampas máis compricadas, que forman parte do tramo que nos dirixe até o Alto de Forxadoiro a 500 metros de altura, o punto máis elevado deste roteiro.

perfil roteiro

Ante as previsións meteorolóxicas que prevén unha fin de semana de inestabilidade atmosférica, para o sábado concretamente na nosa zona os chubascos serán máis probábeis na tarde, recomendámosvos que traiades roupa preparada para facer fronte a estas condicións climatolóxicas anunciadas. E non vos esquezades da comida, pois faremos un alto no camiño para xantar. 

  • Saída:  Pavillón Municipal dos Deportes de Cuntis
  • Hora: 9 am
  • Lonxitude: 24 kms
  • Tempo estimado: 6/7 horas
  • Tipo: circular
  • Itinerario:Pavillón Municipal – O Pazo – Mesego – Vilar de Mato – Cequeril – Fontecova – Rogadío – Pavillón Municipal . 
Dende Xesteiras para o mundo
Abr 19th, 2011 by ofervedoiro

Foi o punto máis alto do noso concello dende onde quixemos mandar o noso berro; un S.O.S. para salvar o monte galego. Para que as mans sempre aniquiladoras do capital non sigan a estragar a nosa terra, dicimos NON ao avance destructivo das suas toneladoras, do seu pan para hoxe e fame para mañán. Pola defensa e preservación dos nosos montes, porque queremos contar e explicar o que temos e conservamos e non o que un día puidemos ver cos nosos ollos e chegar a tocar coas nosas mans. De aí a mensaxe enviada dende o Xesteiras, que quixo dicir basta xa! en palabras maiúsculas:

S.O.S. monte galego

PAREMOS O EXPOLIO AMBIENTAL!

“Porque tinha paxaros
na cabeça
e bolboretas no estómago,
e lobos na gorja
e cavalos nos braços
e formigas nos pés
e rás nas costelas
e vacas nas pernas
e grilos nos ombros
e corços nos olhos
e umha truita no coraçom…
nom podia permitir que instalassem
umha canteira no seu peito
nem muinhos eólicos
nos seus pulmons.
Por isso incendiou,
em defensa própria,
a máquina escavadora
que se achegava
ao seu coraçom
.” 

— Séchu Sende

monte arriba Practicamente seguimos ao pé da letra o horario e trazado previstos, a iso das 10.20 a.m. partimos dende a Praza das Árbores cara o monte, logo dunha hora e corenta minutos de camiño alcanzábamos o cumio. Atrás foi quedando o Gallo ao seu paso polo casco urbano da vila do Baño, a Ponte dos Albariños e a súa área recreativa, a Igrexa de San Mamede e a partir de aí o camiño comezou a picar cara arriba até alcanzar a cima do Xesteiras. Agradécese a primeira parte da ascensión, na que aínda perdura o camiño natural, rodeada de árbores que crean unha átmosfera perfecta para camiñar salvagardándonos do sol. Unha vez que entramos no camiño creado polas escavadoras, aniquilando ao seu paso o de antano,  as cousas comprícanse de máis; dificúltase a camiñata debido a gran cantidade de pedras soltas que contén por mor do paso de camións e outra maquinaria pesada que durante estes últimos meses acudiron a cima do monte para a construcción do radar atmosférico alí espetado. O último tramo baleiro de árbores, que transformen a súa presenza en sombras, sumado as compricadas rampas finais pragadas de máis pedras soltas que en ningún outro convérteno no máis duro desta senda.

lume no Xiabre Á volta, e logo dun par de paradas para xantar e deleitarse coas diferentes vistas que ofrecen as alturas (cumio do Xesteiras e Pedra da Águia), voltamos por Gontade, pasando por Montesandeu, O Noval e Piñeiros para chegar ao redor das 16.10 horas de novo a Praza das Árbores. Compretando así o percorrido nas 6 horas nas que estaba calculado. Foi no descenso cando puidemos observar un incendio que visualmente semellaba máis perto do Xiabre do que finalmente resultou ser, no que por certo na tarde do venres xa se propagou o primeiro lume de certa importancia da tempada. Segundo recolleu a prensa, o do sábado tratábase dun incendio que tivo lugar na estrada de Caldas de Reis a Catoira, no lugar de Paradela en Bemil.  Hoxe, coma onte e coma mañá, Lume Nunca Máis!!

 Cumprimos así co primeiro dos roteiros previstos para este mes de abril. O vindeiro sábado 30 teremos a segunda das saídas, desta volta e como xa vos adiantamos días atrás percorreremos a pé a Circular de Cuntis para visitar entre outros lugares, sitios coma Mesego, Cequeril ou a Ponte Taboada, que une os municipios de Cuntis e Moraña.

 

Axenda fin de semana
Abr 14th, 2011 by ofervedoiro

O noso colectivo ten dúas citas para esta fin de semana que se aveciña:

cartaz presentación n´A ReviraA primeira delas será mañán na cidade do Lérez. Onde a exposición itinerante sobre Xohán Xesús González, que vira a luz en xuño do 2009, ten previsto realizar unha nova parada no camiño.

 E xa vai polo séptimo apeadoiro, atrás foron quedando: 

  • A Gentalha do Pichel en Compostela.
  • Calo, a onde foi levada da man da asociación A Oliveira de Teo.
  • Ordes, solicitada pola asociaçom Foucelhas.
  • A Estrada, no C.S. Ken Keirades.
  • C.S. A Revolta en Vigo.
  • Cuntis, no C.P.I don Aurelio.

 Agora tócalle repousar no C.S. A Revira (R/ Gonzalo Gallas, 4. Pontevedra), onde ficará durante quince días. Alí mesmo será presentada públicamente este venres, 15 de abril, a partir das 22h.

cartaz subida ao XesteirasA segunda das citas, como xa informamos o luns, será o sábado coa subida ao Xesteiras e todo semella indicar, segundo apuntan as predicións meteorolóxicas, que imos contar cunhas condicións inmellorábeis para a camiñata (ceos pouco anubrados ou despexados, con máximas o redor dos 25º) o que nos permitirá poder desfrutar das inmensas vistas panorámicas da ría de Arousa, así como tamén das dos vales creados polos ríos Gallo e Vea.

Non vos esquezades de traer roupa e calzados cómodos, ademáis de comida pois pararemos a xantar polo camiño. Recordade que partimos ás 10 a.m. dende a Praza das  Árbores da vila do Baño (Cuntis).

Vén de Roteiros!
Abr 11th, 2011 by ofervedoiro

arrieir@sO Fervedoiro pon en marcha unha programación de saídas a pé para as vindeiras datas por diferentes sendas do concello de Cuntis.

Esta nova actividade argallada dende o noso colectivo e orientada dende o punto de vista educativo e reivindicativo procura, máis unha vez, pór en valor a riqueza natural, paisaxística e etnográfica da nosa contorna, fomentar a participación cidadá, así como tamén dar a coñecer e denunciar as desfeitas coas que nos poida “agasallar” o camiño.

 O primeiro dos roteiros que imos realizar será a subida ao Xesteiras que faremos este vindeiro sábado, 16 de abril, con saida e chegada no mesmo punto: 

  • Saída:  Praza das Árbores (vila do Baño – Cuntis)
  • Hora: 10 am
  • Lonxitude: 8 kms
  • Tempo estimado: 5 horas
  • Tipo: circular
  • Itinerario: Praza das Árbores – Contorna do Rio Gallo- Igrexa de San Mamede- Castro de San Mamede- Pedra da Águia- Cume do Monte Xesteiras- Montesandeu- Piñeiros- Praza das Árbores. 

cartaz roteiro

 A segunda das saídas virá no último sábado do mes de abril, será momento para percorrer a Circular de Cuntis. Porén xa daremos cumprida información cando nos vaiamos achegando a data.

  “Caminhei a pé monte arriba sem mais pausas que as que existem no caminho dun arrieiro ao percorrer a mesta corredoira da liberdade onde a loita cotiá descobre estrelas vermelhas.” Skarnio, Sombras – O nosso caminho.

 

 
   
   
   
   
   
   

 

Coida ata o último recanto desta terra
Abr 4th, 2011 by ofervedoiro

aplícate  o conto!O domingo 3 de abril, representantes das asociacións Xesús González Aboi (de Caldas de Reis), O Arrieiro (Moraña) e O Fervedoiro (Cuntis), xunto con algunha que outra persoa da freguesía de Troáns, realizaron un roteiro polas zonas forestais e bosques de ribeira dos lugares da Carreira Ancha, Lornés, Barcia e A Pena de Vilabar, na devandita parroquia… Púidose comprobar o importante valor paisaxístico, natural e de biodiversidade da contorna, identificar diversas especies vexetais (milenrama, meta brava, salgueiros, abeneiros, carballos, piñeiros) e fauna (roedores diversos, cobregóns, paxaros que aniñan nas matogueiras…). Realmente chegouse á conclusión de que existen “manchas forestais” de elevado valor natural que comunican incluso coa carballeira do Santo Ildefonso e que –alén de producir un determinado microclima, dar acubillo a diversos animais e servir de recreo visual do amante da natureza– hogano están sendo case arrasadas pola empresa que acomete o proxecto de trazar novas pistas por esa zona, curiosamente, en concentración parcelaria.

carballeira

O dito popular achega que “ollos que non ven, corazón que non sinte”, e abofé que é así. Podemos asegurar que centos de carballos e outras especies foron taladas –ás veces con pouca lóxica– co obxecto de realizar ese “macro proxecto” e comunicar zonas de poboación con recunchos antano case virxes. Algúns camiños foron agrandados nas súas marxes, outros trazáronse de novo, e en toda esa arañeira de intereses, grandes viais –de 6 a 8 metros de anchura, con gabias polos laterais– provenlle ás masas arbóreas de comunicacións axeitadas para grandes vilas e cidades. Seguramente isto sexa debido á intención de lle dar comodidade aos futuros amos das pistas e das fragas –aos quads e motos de trial– e para lle facilitaren así os adiantamentos e reduciren os accidentes con perigo de morte… Mais tamén lle ofrece maiores comodidades aos cazadores do xabarín ou do raposo. Aínda que o ideal sería que os amantes da bala e do balote, do chumbo e do cartucho, executasen as súas capturas logo de premer un mando a distancia. Velaquí unha idea que hai que ter en conta para comprender o que pode ser o progreso.

Xa que ao fin e o cabo o progreso e só para algúns, sobre todo para certas empresas públicas: gastar o máximo diñeiro posíbel –no mellor dos casos do erario público. E aínda que Tragsa anda polo medio, o goberno local do concello de Cuntis traga e está caladiño, non di un chío.

panorámica

Esta é a era do cemento, da eiruga mecánica, da toupa que mete tubaxes por onde guste á “intelixencia humana”. Este é o tempo dos silencios administrativos (recordamos o encoro da Ermida), das administracións cómplices co capitalismo e da especulación con todo o que sexa posíbel. E iso que dende a consellaría de turno se nos intenta embebedar con slogans tan hipócritas como aquel que di: “Coida ata o último recanto desta terra”… Hipócrita xa que o dito debera ter unha continuación, que puidera ser esta: “Porque as administracións encargaranse de estragalo”. Supervisa a Xunta de Galiza as obras que se están a realizar? E a Concellaría de Medio Ambiente de Cuntis? E que conste que as concentracións parcelarias son necesarias, na maior parte dos casos, como pode ser este. Por iso, os colectivos abaixo asinantes denunciamos publicamente o pouco seguimento que fan destas obras os políticos tanto do goberno municipal de Cuntis como da Xunta de Galiza, amén da cegueira que sofren cando teñen que velar pola protección e conservación do Medio Ambiente.

Asociación Xesús González Aboi

Asociación O Arrieiro

Asociación O Fervedoiro

ROTEIRO POLA BEIRA DO UMIA AFECTADA POLA PARCELARIA
Abr 1st, 2011 by ofervedoiro

pista do bosqueAs asociacións Xesús González Aboi de Caldas, O Arrieiro de Moraña e O Fervedoiro convocan un roteiro pola contorna de Lornés e Barcia, xunto ao río Umia, co fin de reivindicar e dar a coñecer os valores naturais e culturais de esta contorna fronte a construción das pistas da concentración parcelaria que xa están afectando as carballeiras e ribeiras do Umia, cun forte impacto ambiental e paisaxístico.

O Roteiro terá lugar no Concello de Cuntis (Pontevedra). A saída farémola o domingo día 3 de abril de 2011 ás 10:00 h dende a Carballeira de Santo Ildefonso, no alto de Troáns (estrada Cuntis-Caldas) xunto o bar Marqués e dende alí percorreremos os lugares de O Sequelo, A Pena de Arriba, A Carreira Ancha, Barcia e Lornés, nun roteiro circular que atravesará carballeiras e corredoiras afectadas pola parcelaria. Amais disto visitaranse muíños e pontes coma as de Brións, vellos serradoiros coma o de Barcia e o camiño Barcia-Lornes xunto as ribeiras do Umia e do río da Cova.

pista da parcelaria

Porque temos que protexer cada recuncho da nosa terra, aínda que isto soe ao tan contraditorio anuncio publicitario da Xunta de Galiza.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa