SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Billarda sempre!!
Mai 30th, 2011 by ofervedoiro

A serpe multicor da Liga Nacional de Billarda (LNB) amosou a sua perigosa língua envelenada por vez primeira no noso concello, dando así orixe o I Aberto de Billarda de Cuntis desputado na Área dos Albariños. Vinte e nove palanadores e palanadoras ofreceron un fermoso campionato, definido no blogue oficial da LNB coma “exitazo sen precedentes nun Aberto en territorio virxe como é Cuntis“, que se acabou levando Luis (Bateas), de Sanxenxo.

vari@s d@s participantes

Para moit@s era a primeira toma de contacto con esta disciplina e trala boa experiencia deste pasado fin de semana a bo seguro que non vai ser a última. Entre @s moit@s principiantes tamén se colou algunha que outra estrela do universo do Varal, que remataba tempada onte domingo cos play offs de Conxo, coma Iván dos Bateas que na tarde do sábado caeu derrotado na final dos Albariños e que ao día seguinte saía coroado Coroceiro Nacional logo de vencer na final absoluta en Compostela.

encontro amigábelA xornada tal e como estaba planificada dou comezo ás 12 horas co encontro amigábel de fútbol-7 desputado no campo d´A Ran entre Siareir@s Galeg@s Umia – Tabeirós e un combinado de asociacións da comarca, que tamén reservou un oco para o apartado reivindicativo. Ambas escadras ofreceron un entretido partido que rematou en táboas (3 – 3). Nen uns nen outros foron quen de impoñer o seu ritmo baixo unha intensa calor.

A partir das 14.30, medio cento de persoas participaron do xantar de confraternidade que tivo lugar na Área dos Albariños (Guimarei) e que contou tamén con música tradicional pa acompañar a dixestión logo dunha boa inxesta de calorias.

xantar de confraternidade

Unha vez repousado o corpo comezou o quecemento no terreo de xogo preparado para a ocasión sobre o verde dos Albariños. Logo de tomar contacto cos paláns e as billardas afiadas foron preto de trinta persoas as que se decidiron a participar no Aberto, que estivo rodeado dunha gran expectación e fantástico ambiente. Dividid@s  en catro grupos, pasaron @s mellores catro de cada un deles que se foron enfrontando en eliminatorias até chegar a gran final. Poríase fin a estancia nos Albariños coa protocolaria entrega do trofeo ao campión e as fotos de rigor no podio.

no ChiortaA noite rematou na taberna O´Chiorta da Anllada xunto cos Comando Robalisa, Locust and Orchids, os John Deeres e Morula que ofeceron os seus repertorios para desfrute dun ateigado Chiorta.

Queremos agradecer dende aquí a tódalas persoas que a título individual (que foron moitas) dunha ou outra maneira colaboraron canda nós para que esta xornada resultase todo un éxito de participación e organización ao longo do día e da noite. Grazas tamén a xente do Varal, especialmente a Luis e Iván, aos membros dos catro grupos musicais, a SS.GG. Umia-Tabeirós e a Xavier do Chiorta.

Billarda sempre! … é un xogo si, mais tamén un amor alebrestrado!!

3, 2, 1 ¡Acción!
Mai 27th, 2011 by ofervedoiro

Billarda Cuntiense

Por historia e tradición
Mai 25th, 2011 by ofervedoiro

A billarda é xogo, xa digo, antiquísimo e contra do que se poidera pensar non o deron varrido os tempos modernos, de chilindradas electrónicas…” Vicente Araguas. Billarda, Diario de Ferrol.

cartaz do Aberto de CuntisAsí é, débe salientarse a antigüidade da billarda, pois houbo diferentes variedades no mundo exipcio, Idade Media, Renacemento…  A billarda prohibiuse e desapareceu no século XIX e principios do XX, sendo a versión máis arcaica dos chamados xogos de bate e golpeo estendidos por todo o mundo.

Na Galiza o xogo ten infinidade de nomes, por exemplo: estornela, pinchapau, xarabato, chona, canícula e pinca; A billarda é produto da comunidade rural, pois era o xogo favorito entre @s moz@s que sacaban as facendas ao monte.

Dun tempo a esta parte está de volta e contan que faino coa pretensión de que sexa pra sempre. Porén as cousas, neste país, ocorren porque hai quen as procura. E desta volta debémosllo á Liga Nacional de Billarda (LNB), unha entidade deportivo-cultural que non só está a recuperar o vizoso pasado do xogo tradicional da billarda ou estornela senón que implica esa laboura nun contexto de defensa do noso idioma, da nosa cultura e da dignidade de nación.

Dende hai varios anos a LNB tenta espallar este tradicional deporte galego. Dende un recuncho do noreste, n´A Mariña lucense, un grupo de dez xóvenes comezaron, fai xa uns nove anos, a recuperación actualizada do máis parecido ao béisbol que inventaron os primeiros poboadores da nosa terra. Grazas ao traballo da LNB logrouse popularizar de novo o xogo en pleno século XXI. Hoxe compiten equipos dunhas cinco persoas en cinco conferencias, cada unha delas formada por cinco ou seis escadras.

logo Aberto Cuntis

Os palanadores da actualidade non se preocupan de agardar pola axuda institucional, a pesar de que a Xunta lles outorgara o galardón a mellor iniciativa de deporte tradicional nos Premios do Deporte Galego no ano 2007. Aínda que reparan, iso si, na necesidade do recoñecemento oficial a Selección Nacional Galega de billarda que xa ten desputados partidos internacionais contra seleccións coma Alemaña ou Catalunya.

REGRAS

O material necesario son dous paus de madeira; un deles chámase billarda, mide 20 cm e está afiado polos extremos; o outro chámase palán e mide 60 cm. Enfróntanse dous xogadores, chamados palanadores, que tentarán levar a billarda até o outro extremo do campo e introducila nunha meta chamada varal. Para levala hai que golpear un extremo da billarda co palán, para que a primeira se eleve no ar e antes de que caia hai que volver a golpeala en dirección ao varal. Unha vez que o primeiro palanador realiza o seu lanzamento, irá o segundo, que tentará facer o mesmo. O xogo desénvolvese por turnos, e gañará o primeiro que introduza a billarda no varal (pódese empatar se os dous palanadores tardan en chegar á meta o mesmo número de turnos).

prepárate que veñen…
Mai 18th, 2011 by ofervedoiro

Avisamos a toda a poboación: a Liga Nacional de Billarda (LNB) ten previsto o seu desembarco en terras cuntienses para o último sábado deste maio-longo, concretamente o día 28, na previa do agardadísimo play off final 2011 que terá lugar no barrio compostelá de Conxo. E chegará ca sua tropa da man d´O Fervedoiro para organizar así o I Aberto de Billarda/Estornela de Cuntis.

armamento billardeiro

Porén o día estará cargado de actos tal e como ordea o protocolo da LNB:

cartaz do I Aberto de Billarda de Cuntis

  • Ao mediodía (12 h.) e grazas a colaboración de Siareir@s Galeg@s comarca Umia-Tabeirós desputarase un encontro de fútbol 7 no campo d´A Ran entre SS.GG. e un combinado de asociacións da comarca.
  • Para ás 14.30 horas está fixado o xantar de confraternidade na Área recreativa dos Albariños (Guimarei, Cuntis), onde ademáis do churrasco e empanadas que degustaremos tamén imos contar con música tradicional. O bono para o xantar xa o podes adquirir por 12 euros, o prazo remata o xoves 26. Pódeste facer con él a través do correo: ofervedoiro@hotmail.com ou ben chamando ao 678.187.973.
  • A partir das 18h., e sen movernos de onde xantaremos, dará comezo o I Aberto de Billarda de Cuntis, o prazo de inscrición pecharase intres antes de que dé comezo e o/a vencedor/-a levará consigo unha botella de Likor do neghro café. A duración do aberto non se prolongará máis alá de duas horas.
  • E para cando caia o sol, ao redor das 23h., será momento de concertos na taberna O´Chiorta da Anllada. Catro grupos son os encargados de completar esta xornada lúdico-festiva: os cuntienses Morula e Locust and Orchids, nova formación esta última, entre outros, dos ex-Knell Cristian Trenco e Alberto Torres “Vaki”, xunto co grupo estradense Os John Deeres e os rapaces de Noia Comando Robalisa teñen a encomenda de enchernos a noite de festa!

Vén connosco participar desta xornada billardeira e recorda que tódolos nosos actos son de carácter aberto, para que poida participar quen quixer, iso sí requírese vir equipado/-a para a ocasión!

De andar camiño
Mai 13th, 2011 by ofervedoiro

O reencontro cos roteiros un par de semanas máis tarde continuou a revelarnos o que gardan eses espazos tan pouco frecuentados, dun tempo a esta parte, e que din moito do desenvolvemento do rural arestora. Grandes extensións afectadas por plantacións de eucaliptos, minicentrais que se apoderan da auga dos nosos rios ou os nunca extinguidos basureiros incontrolábeis fan que reparemos en se verdadeiramente esta é a mellor forma que temos de coidar e preservar o medio que nos rodea. E iso que aínda non desembarcaron os muiños de vento proxectados nas zonas que tivemos ocasión de visitar.

O Umia

Porén gustarianos amosar as imaxes que nos foi deixando o camiño, que foron moitas, sobre a cantidade de zonas e cousas que abraiaron aos nosos ollos o longo do percorrido, que por outra banda non deixou indeferente a ningunha/ningún das/-os participantes. Velaí unha pequena escolma que recollemos neste vídeo:

PREME AQUÍ

 Xa por último aproveitamos para chamar a atención sobre o estado da sinalización no concello de Cuntis, alí onde no seu día tiveron a fortuna de chegar a tela o seu estado adoita ser tan lamentábel como amosa a imaxe inferior esquerda, aínda que o máis “normal” é toparnos con lugares sen identificar por medio dalgún tipo de sinal que indique por onde estamos a pasar algo que é tratado de forma ben distinta, sen ir máis lonxe, nos concellos limítrofes de Moraña e A Estrada, polos que tamén nos foron levando as sendas:

sinal na aldea de Gontade (Cuntis)                sinal en Arca (A Estrada)

Contra o saqueo socioambiental da nosa terra
Mai 3rd, 2011 by ofervedoiro

A rede Galiza Non Se Vende convoca manifestación para este vindeiro domingo, 8 de maio, en Compostela ás 12 na Alameda. Vente expresar con nós por unha Galiza mellor!

Loitar, resistir, traballar, arelar, formular, construír, informar, concienciar a favor da nosa terra e procurar a dignidade e equidade: contra o saqueo mediomabiental!

cartaz manifa

E xa pola tarde a partir das 17 horas celebrarase na Sala Nasa o último concerto da III Caravana de GNSV, onde actuarán os grupos Guintervan e GalegoZ, presentados polo grupo de teatro Berrobamban. Terra viva e vida digna para tod@s :

CONTRA O SAQUEO SOCIOAMBIENTAL DA NOSA TERRA!!!

Por unha utilización racional dos recursos naturais

Pola protección do patrimonio natural e histórico

Por unhas rías limpas

Por uns ríos vivos

Pola defensa da nosa soberanía alimentaria

Por un litoral público e natural

Por un urbanismo integrado na natureza e na nosa cultura

Por uns montes ben xestionados

Pola participación da cidadanía na xestión do noso

Por unha xustiza incorruptible

Polo respecto ás outras especies e a protección real da natureza

Por un transporte colectivo eficaz

Por unhas alternativas enerxéticas públicas e conscientes

Por unha xestión responsable dos residuos

Polo fortalecemento do rural e a economía social na Galiza!

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa