SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Inspección do Gallo
Xuñ 27th, 2012 by ofervedoiro

A xornada do sábado foi a nosa primeira experiencia no recoñecemento da vida que forma parte do río, máis tamén sirveu para facer unha valoración actualizada do estado da auga. Todo isto vai ligado ao proxecto no que estamos mergullados e que abrangue a recuperación e protección das contruccións de pedra que se atopan no interior do Gallo (lavadoiros, pasos…).

Armados con lápis e fichas, elaboradas por Adega, fomos cumplimentando os datos que nos ofrecía o conxunto do río, as súas beiras e o seu cauce. Identificando así a fauna e flora que habita neste medio natural.

Botando man de varias mostras de auga reparamos na gran cantidade de vida que se pode chegar a atopar nunha pequena proporción de río. E tomamos nota do caudal que levaba nese momento, máis alto do normal para esta época do ano debido as choivas que houbo días atrás.

Polo que respeta a calidade da auga nese preciso intre non advertimos ningunha anomalía, algo que por desgraza non é habitual. Pois, como xa temos denunciado en varias ocasións, dende algunha das moitas saidas que hai cara o Gallo “dáselle por botar”, de cando en vez, algún tipo de elemento que lle dá outra cor as augas fluviais e da que a día de hoxe aínda non se sabe a súa procedencia (¿?).

Cada seis meses, aproximadamente, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza realiza campañas en todo o país para que este tipo de controis teñan certa periodicidade. Próximamente porán en marcha un apartado web no que aparecerán os datos recollidos alí onde se realice a devandita actividade e no que por suposto haberá un oco para as inspeccións que fagamos no río Gallo.

Baixada ao río con Adega
Xuñ 21st, 2012 by ofervedoiro

Aula didáctica
Xuñ 19th, 2012 by ofervedoiro

O vindeiro sábado, día 23 de xuño –coincidindo co 51 aniversario da entrada en vigor do Tratado do Antártico, no que se reserva todo o continente xeado para a libre investigación científica e non política– dende O Fervedoiro queremos ofrecer a posibilidade de que toda persoa interesada poida participar nunha aula didáctica e formativa, impartida por membros de Adega, sobre o río Gallo, o seu estado,…

Neste acto, ao aire libre, e no que se percorrerán as marxes deste río nas proximidades da vila das augas quentes, darase conta de distintos indicadores biolóxicos que nos poden axudar a saber a calidade das nosas augas, identificaranse a flora autóctona das ribeiras e –outrosí- a invasora. A fauna tamén será obxecto de estudo, in situ, aínda que tamén se fale da existencia de certos mamíferos, como a rata de río ou rata augadeira (Arvícola sapidus) que, ao contrario do que se cre, é un animal sumamente limpo, ao que non lle serve calquera zona fluvial e que resulta moi beneficioso para estas áreas. Que conste que este animal era cazado durante épocas de fame, incluso durante a guerra, para teren que comer algúns fogares deprimidos pola pobreza. Este animal está catalogado como vulnerábel –Categoría IUCN (2001): Vulnerable (VU) B2c.

Un dos seus depredadores naturais é a lontra (Lutra lutra), da que tamén se ha falar, posibelmente nesta interesantísima aula, que se enmarca dende o Proxecto Ríos (de ADEGA) e dunha actividade que O Fervedoiro está a desenvolver esta tempada Arredor da Auga (que se basea na catalogación de patrimonio etnográfico fluvial do río Gallo así como da fauna e flora típicas).

Alén disto, tamén se tratará sobre macroinvertebrados (anélidos, insectos e moluscos), entre os que están as efémeras (existentes no Gallo como en tantos ríos galegos), os tricópteros,… e que son grandes indicadores biolóxicos da calidade das nosas augas fluviais.

Como vimos facendo dende que comezamos a nosa andaina como colectivo social, animamos aos/ás cuntienses e interesados da bisbarra ou outros lugares a que participen neste tipo de actividades que, amais de seren dirixidas á conservación dos espazos naturais, sempre teñen un obxectivo de concienciación social. A cita é este sábado, ás 10 horas na Praza das Árbores (vila do Baño, Cuntis), para logo tomar dirección río Gallo.

Exitosas Olimpiadas
Xuñ 18th, 2012 by ofervedoiro

Moi bo estreo da nosa asociación nas II Olimpiadas Populares Galegas celebradas esta fin de semana pasada en terras de Vea. Sendo os nosos resultados máis salientábeis: dous primeiros postos (Lonxitude e 5000 metros), subcampionato en Pentasalto e terceiros en lanzamento de Sacho.
Máis alá do éxito deportivo destacamos o gran ambiente vivido na vila olímpica e os lazos de irmandade creados ao redor deste convivio entre os diferentes movimentos sociais do país.

Parabéns a tod@s @s atletas e organizador@s!

Ponte Vea 2012
Xuñ 14th, 2012 by ofervedoiro

O Fervedoiro participará por vez primeira nas Olimpiadas Populares Galegas, as Olimpiadas dos movementos sociais, que xa van pola súa segunda entrega.

Seremos un dos 17 equipos que tomarán parte da competición que esta fin de semana terá lugar na veciña Ponte Vea (concello de Teo). Comezará o sábado, 9.00- 9.30 coa Inauguración, e durará ate o domingo ás 17.30, hora na que está prevista a sua Clausura.

Preto de 200 atletas competirán nas 14 disciplinas coas que conta a presente edición: salto de Lonxitude, Pentasalto, Triatlón, Tiro de Corda, Chave, 5000 metros, Loita Galega, Brilé, Tiro con Fisga, Billarda, Voleibol, Tiro de Sacho, 100 metros e 4 x 100 metros.

Esta iniciativa social e deportiva procura xuntar aos movimentos sociais do noso país nunha fin de semana de convivencia, xogo e deporte.

Alá imos, a desfrutar da experiencia e a loitar ate vencer!

Unha noite de Ruada
Xuñ 13th, 2012 by ofervedoiro

Alá foi a segunda edición da Rúa de Cuntis. Queremos agradecer dende aquí a participación e compromiso coa festa de todas aquelas persoas que vos achegastes e que coa vosa presenza quixestes formar parte do evento. De xeito especial  a todos os bailadores e bailadoras e aos que puxestes a música e a voz para acompañar o baile.
Grazas aos membros das agrupacións que aquí estiveron canda nós a noite do 8 de xuño: Seixebra, Piconas D’o Irixo, ás Pontraghas, a Quinta Feira Chinguilipé. A xente de Couso, aos de Bueu, Rianxo, do Son, Vedra, Moraña, Compostela, Cuntis…
Tamén á Tenda da Ponte e a toda a xente que colaborou na organización desta edición, facendo así posíbel que este proxecto se manteña vivo.
Quedades tod@s convidad@s pra o ano que ven!

 

A última hora da Rúa de Cuntis
Xuñ 7th, 2012 by ofervedoiro

Por mor do mal tempo vémonos na obriga de trasladar a Rúa de Cuntis de lugar de celebración.

A Tenda da Ponte, situada na Rúa Bernardo Sagasta da vila do Baño, a carón do Río Gallo, será o sitio onde finalmente realizaremos a Ruada.

Vémonos alí, mañá venres dende ás 22 horas da noitiña, ao son de gaitas e pandeiretas e con petiscos de balde!!

Bótalle un agharradiño!
Xuñ 5th, 2012 by ofervedoiro

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa