SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Vello amigo, mestre loitador
Ago 24th, 2012 by ofervedoiro

Facemos pública a carta que entregamos a familia de Avelino Pousa Antelo no día da súa despedida.

20 de agosto de 2012, no Baño-Cuntis

Dende a Galiza aterecida

Hoxe resulta difícil escribir, facelo sobre un irmán que parou a descansar logo de andar camiño, sobre un compañeiro do Fervedoiro co que temos compartido momentos inesquecíbeis, momentos que ti -Avelino- ateigaches de pedagoxía, de compromiso con esta língua, con esta Terra Nai, coa Xustiza e a Liberdade, erguendo vida dende as cunetas…

Recordarémoste coa palabra, coa silueta esculpida de Xohán Xesús González -a golpe de cicel que bate na rocha da Memoria Histórica-, dende o alento de Castelao e Bóveda (Sempre en Galiza!), dende o sangue de Anxel Casal e Blanco Torres, dende a arte de Isaac Díaz Pardo e a do seu pai Díaz Baliño…

Gardámoste dende un grolo de País e o terrón de braña humedecida, na alvariza e no azucre do mel, dende o tamboril de Lucho do Peto e as voces d´A Quenlla -co Mini e o Mero. Témoste canda nós, na palabra de Fernández Abella, David Otero e Xosé Luis Bóveda, todos contigo padriños de noso -hai seis anos xa- na sociedade que ferve en Fervedoiro, coma un pucheiro de caldo ao pé da vella lareira comunal, e que é consciente da tarefa que lle toca nesta nova xeira da historia da nación de noso.

Ficas aquí no mellor dos templos e recunchos, vello amigo, mestre loitador, irmán e pai galego; non teñas dúbida… a túa memoria bule con nós na Nosa Terra polos carreiros do Peito.

 

Hainos que loitan toda unha vida, eses son os imprescindíbeis
Ago 20th, 2012 by ofervedoiro

Fará este domingo 6 anos da presentación pública da nosa asociación, un día que gardaremos para sempre todas as persoas que demos en crear e dar vida a este colectivo.

Xunto con tres dos nosos representantes estiveron na mesa de presentación David Otero, Lois Bóveda e Avelino Pousa Antelo, apadriñando deste xeito a xestación da Asociación Cultural O Fervedoiro.

Así quedou relatado a inesquecíbel intervención do bo e xeneroso de don Avelino:

” (…), o grande protagonista da noite foi, sen dúbida, o mestre Don Avelino Pousa Antelo. O alienamento que padece este país ten, entre as súas grandes consecuencias, que unha figura da importancia da que nos estamos a refererir non obtivera aínda o recoñecemento social que merece, un recoñecemento que foi usurpado por personaxes que por moito mérito que poidan ter sonnos alleos (ou cando menos, non tan importantes na Historia do noso pobo). Fomos agasallados aquel día coa experiencia, sabedoría, coñecementos e amabilidade dun dos grandes protagonistas do século en Galiza! Sen dúbida gañouse a simpatía de todos os presentes grazas ao seu bon humor e humildade.”

Non só no acto de presentación tivemos a sorte de contar coa súa presenza, houbo máis ocasións nas o que o lar do Fervedoiro acolleu cos brazos abertos a quen  Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación Castelao, defineu como “a testemuña da dignidade e da enteireza”.

Hoxe déixanos para sempre o mestre don Avelino, dende aquí desexamos que a terra que tanto amou lle dé acougo!

¡Loitador, non te deteñas!
Ten cada hora novo alento,
sigue a luz que te ilumiña,
mira a cotío pró ceo.
A un lado e outro do camiño 
toparás pinchos e rebos,
e da estulticia e a envexa
ladraranche os cans famentos.
¡Loitador, non te deteñas!
¡Levas a verdá no peito, 
 e a estrela que te guía
ten resplandores eternos! 

Roberto Blanco Torres.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa