SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Na defensa dos nosos dereitos
Nov 29th, 2012 by ofervedoiro

O pasado 6 de novembro presentamos no rexistro do Concello unha solicitude ao pleno municipal para que se volva reabrir para uso público a “Burga do Castro”, pois logo de que a empresa propietaria dos terreos realizase alí unhas obras o paso quedou restrinxido.

http://youtu.be/Dj_2oH2fkTs

 Esta é a argumentación que fixemos constar no documento presentado e que mañá venres debera ser debatida no Pleno da corporación que terá lugar ás 20.30 horas da noite.

 “Dende tempo inmemorial a veciñanza deste concello leva facendo uso das augas quentes desta vila, tanto as que saen en zonas públicas (rúa do Balneario e praza de Galiza) como nalgunhas facendas privadas. De todos é sabido que as augas do Burga do Castro (no parque do mesmo nome), localizada nunha facenda privada deste municipio, empregouse polo común sen ningún prexuízo e impedimento dende moi antigo, conseguindo os veciños deste municipio uns dereitos inalienábeis sobre o uso dela e, así mesmo, unha servidume de paso (non estacional e si permanente) até o lugar no que verte. Por mor disto os/as veciños/as sen impedimento discorrían polo parque e finca do Castro até ese lugar sen traba ningunha, incluso facían uso dese parque (privado) cando eles gustar.

Actualmente a empresa propietaria do predio no que se localiza a burga devandita acaba de pechar as cancelas que cerran a facenda, polo que os/as veciños/as vense privados dun dobre dereito (conseguido dende tempo inmemorial): o uso desa auga, e a servidume de paso na finca e parque denominados do Castro. Por outra banda é sabido que o alcalde do concello debe velar pola conservación do patrimonio e dereitos dos/as seus/súas veciños/as. Así as cousas –en consonancia con isto, 

SOLICITAMOS QUE: poidamos de novo facer uso dese manancial e servirnos do camiño que vai até el como dende antano se viña facendo. De non ser así, consideramos que o representante actuará en “deixazón de funcións”, indo incluso en contra da maioría social. Instamos a que goberno e oposición declaren o seu parecer en pleno municipal e actúen en consecuencia, libre e coherentemente, co seu voto tendo en conta todo o anteriormente enunciado e a lexislación vixente nesta materia (entre outras a que se refire ao art. 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local).”

Arredor da Auga pasiño a pasiño
Nov 27th, 2012 by ofervedoiro

Como se vén de anunciar recentemente, O Fervedoiro leva algo así como un ano desenvolvendo un proxecto de recuperación fluvial do río Gallo –en colaboración con Adega– denominado Arredor da Auga. Primeiro foi a fase de deseño e redacción do proxecto e, logo das aprobacións pertinentes (de Patrimonio, Augas de Galicia,…), comezouse coa seguinte: restaurar os coñecidos Pasos de Meira (localizados no lugar dese nome). As obras comezan o luns día 19 do presente mes e dous días máis tarde xa están basicamente rematadas (preme aquí pra ver máis imaxes das obras), aínda que quedan pequenos retoques.

No que atinxe a este asunto, ambos colectivos (Adega e O Fervedoiro) atopáronse cun par de complicacións:

    • A primeira delas tiña que ver co estado de contaminación do regato que nesa zona conflúe co río Gallo (do que se deu conta ao Alcalde de Cuntis en reunión tida unha semana antes de comezar as actuacións, concretamente o día 13), e que foi anunciado na roda de prensa do martes 20 de novembro (tal e como recolleu nalgún medio). Os operarios que levaron a cabo o proceso de restauración víronse prexudicados en boa medida por este asunto, tendo que retirar plásticos, cristais e produtos de hixiene doméstica.
    • A segunda complicación ía ligada ao grao de total abandono da construción etnográfica, e que a propia administración debía e debe protexer segundo a lexislación vixente nesta materia (Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galiza; sobre todo no que concirne ao artigo 25.2 e outros) . Para maior aglaio, algo así como 21 pezas de pedra (ou chanzos) foron recuperadas do fondo do sinalado regato ou ben nunha morea de pedras que noutro tempo se realizou.

Isto ben demostra a pouca ou nula sensibilidade que a administración tivo con este tesouro do patrimonio etnográfico cuntiense localizado nun entorno de gran beleza (cun bosque de ribeira onde existe unha flora totalmente protexida), malia a existencia da Estación Depuradora de Augas Residuais do concello que, á vista está (preme aquí pra ver máis imaxes), carece dun mantemento correcto (tal e como se vén de comprobar ao longo de moitos anos: basta ver como fican os cerrumes exteriores da mesma instalación). É por isto que, restaurada esta construción tan senlleira da arquitectura popular, a administración debe proceder a arranxar (como xa vimos solicitando dende fai tempo) o máis axiña posíbel a contorna á EDAR co obxecto de que os visitantes poidan valorar estes Pasos de Meira na súa xusta medida e, paralelamente, se protexa non só a paisaxe senón –igualmente– os ecosistemas forestais e de ribeira. 

Dende esta actuación, veciños dos lugares próximos foron visitar estas estruturas que serviron para cruzar o río Gallo e comunicar os lugares de Cardecide e Meira antes de que existise a ponte de Nieto; e que se empregaron, evidentemente, polas xentes que concorrían á antiga feira deste último lugar, existente xa no século XVIII. Os Pasos están constituídos por máis de tres ducias de pedras de medio metro de alto algunhas delas e un par de escaleiras –do mesmo material– conformadas por varios chanzos.

En días vindeiros comezarase coa terceira fase do proxecto: a restauración e/ou recuperación dalgún dos lavadoiros fluviais do río Gallo (ao seu paso polo núcleo urbano), o que incrementa esta posta en valor do patrimonio etnográfico ligado ás marxe fluviais do devandito afluente do Umia.

O antes e o despois
Nov 22nd, 2012 by ofervedoiro

Unha imaxe vale máis ca mil palabras

 PROXECTO “ARREDOR DA AUGA”

Pasos de Meira (Cuntis), 20 de novembro de 2012.

Arredor da Auga
Nov 21st, 2012 by ofervedoiro

Dende o luns xa está posto en marcha o Proxecto “Arredor da Auga”, que onte mesmo fixemos público. Dentro del enmarcaránse diferentes actividades co obxetivo final de pór en valor o patrimonio natural e cultural dos ecosistemas fluviais, no noso caso en concreto do río Gallo, e das que iremos informando puntualmente para facer partícipe a toda a cidadanía. 

Conservando o patrimonio etnográfico do río Gallo
Nov 20th, 2012 by ofervedoiro

Hoxe, 20 de novembro de 2012, vimos de presentar o obxetivo final dos traballos de recuperación e conservación que levaremos a cabo os vindeiros meses no río Gallo e que xa deron comezo onte na zona dos Pasos de Meira.

O proxecto Arredor da Auga é unha iniciativa de custodia fluvial que ADEGA en colaboración coa asociación O Fervedoiro promoven na vila de Cuntis. Enmárcase dentro dun proxecto maior que se desenvolve nas bacías do Ulla do Umia e do Lérez, e que pon en valor o patrimonio natural e cultural dos ecosistemas fluviais mediante iniciativas de entidades sociais.

Dende 2011 ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) en colaboración coa asociación Cultural O Fervedoiro veñen desenvolvendo un proxecto denominado Arredor da Auga. Este ambicioso proxecto, ideado para a súa realización no río Gallo (pertencente á cunca hidrográfica do río Umia) ten por obxecto concienciar á sociedade do valor da conservación dos ecosistemas fluviais e do seu patrimonio. Velaí que ademais de ter identificado boa parte da fauna e flora do Gallo (grazas á colaboración de varios especialistas de Naturgalicia), O Fervedoiro teña catalogado os lavadoiros fluviais e o patrimonio etnográfico ligado ao río.
O proxecto completo denominado Custodia Fluvial nas bacías do Ulla Umia Lérez abrangue estas tres cuncas dos ríos galegos onde tamén se desenvolven outras iniciativas, está promovido por ADEGA e financiado con fondos LEADER polo FEADER, o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño e o AGADER .
A custodia fluvial é unha ferramenta que permite velar pola conservación dos valores dos cursos fluviais. Este tipo de actuación fai partícipe a poboación local, sendo esta a protagonista da propia acción, alén de posibilitar a implicación e identificación co proxecto e empoderando as persoas e entidades participantes.
Seguindo esta nova filosofía de conservación O Fervedoiro decidiu deseñar un roteiro polo río Gallo que terá un percorrido circular aproximado de 3,5 km, que ben calquera cuntiense ou visitante poderá facelo en non moito tempo e, á par, descubrir o valor da contorna. A ruta, que partirá dos lavadoiros termais cuntienses (localizados na praza de Galiza), continúa polo tramo vilego do río Gallo (onde se contemplan os lavadoiros fluviais), a continuación pola ponte do Budión até os Pasos de Meira. De aí discorre cara á a ponte de Nieto, dende onde se volverá á vila do Baño (Cuntis).

Ademais do correspondente balizamento de sinalización, contarase con varios paneis explicativos cunha ordenada e ampla información. Os paneis, deseñados a toda cor e dun xeito atractivo e cómodo, reproducen anacos do pasado cuntiense (tratando incluso sobre antigos oficios) e descobre o nome das especies animais e vexetais máis senlleiras das ribeiras do río Gallo.
Estes días comenzaron os labores de restauración dos famosos Pasos de Meira e, en breve, procederase a erguer da ruína un antigo lavadoiro fluvial. Así e todo, está previsto para o mes de decembro realizar unha xornada de limpeza dos lavadoiros fluviais da vila do Baño.
O goberno municipal de Cuntis ten sido informado da situación do proxecto periodicamente, e actualmente contarase coa súa colaboración para a colocación dos paneis.
Espérase unha boa acollida do proxecto que non só é bo para os veciños e veciñas deste concello senón para todos os visitantes que gusten do medio ambiente e de saber da nosa historia, costumes e tradicións.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa