SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Nas congostras urbanas da Memoria Histórica
Dec 26th, 2012 by ofervedoiro

E todo foi xurdindo segundo o previsto, coa inestimábel colaboración da Asociación O Meigallo e de numerosas persoas que se achegaron até aquí. Procedentes de Caldas de Reis,  Compostela, Monforte de Lemos, Moraña, Vigo e do propio Concello de Cuntis, reunímonos na Praza das Árbores á hora acordada para logo, a continuación, dirixírmonos o primeiro punto da Memoria, a Casa da Cultura Roberto Blanco Torres.

A inauguración correu a cargo do cantautor cuntiense Manoele de Felisa que, entre outras cancións, interpretou unha peza que el mesmo musicou a partir dun poema que Xosé Fernández Abella lle adicara a Isaac Díaz Pardo.

De seguido, foise parando na igrexa, casa reitoral e o monumento dedicado a Roberto Blanco Torres.  Falouse da súa figura e tratouse dos métodos e medios de persecución levados a cabo no municipio cuntiense, como os republicanos protexeron o convento das madres bieitas así coma o cura párroco e o crego da parroquia coruñesa de San Pedro de Mezonzo. Á par, e segundo investigacións máis recentes, continuouse indicando como aqueles protexidos foron -algúns deles- os propios perseguidores, ou cando menos delatores. Seguíuse pola Circunvalación Don Aurelio, Cemiterio municipal, e o CPI, acompañados/-as de varios/-as familiares do egreixo profesor cuntiense Aurelio Marcelino Rei. Recordando o propio mestre, a Xohán Xesús González, Uxío Soutoe numerosas persoas represaliadas e fusiladas deste municipio conclúese que foi este o concello máis castigado -con diferenza- de toda a bisbarra do Umia.

O actos rematan, de novo, na devandita Casa da Cultura, executando David Iglesias Portela varias pezas coa zanfoña e, por último, unha gaita comezou a interpretar o himno galego mentras se ía pronunciando en alto o nome de todas aquelas persoas, que se ten constancia, fusiladas e represaliadas en toda a nosa bisbarra.

Máis de 135 nomes foron recordados, máis de 135 persoas que sufriron persecución, represión e nalgúns casos morte, nos concellos de Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cuntis, Moraña e Portas.

faite música, fáite verso.

volta viaxar encol do vento.

acode a nós por riba da memoria

e préndenos por dentro

o lume da paixón pola xustiza

que queimou os dedos.

érguete das sombras, roberto,

blanco das nosas miradas hoxe, e sempre

espello dos cativos que agora levan

o teu nome prendido nos seus beizos.

Manuel Pérez Lourido. “Érguete das sombras”

Non esquecemos
Dec 21st, 2012 by ofervedoiro

Memoria e Dignidade
Dec 19th, 2012 by ofervedoiro

Logo da primeira experiencia, levada a cabo o ano pasado, decidimos recuncar para traer até nós de novo, nas mesmas datas, a todas aquelas persoas que nas terras de Cuntis perderon a vida polo monstro do 1936 ou ben que sufriron represión logo da guerra. Canteiros, comerciantes, mestres, políticos,… padecen a lousa da ditadura, homes e mulleres de Cuntis senten nas súas carnes o metal que lles arrebata a vida. Non foron poucas as ducias de persoas que por loitar pola Democracia, os Dereitos Civís, a Igualdade entre mulleres e homes, a Fraternidade entre os pobos e a Liberdade (de tantas cousas, pero sobre todo de pensamento, de prensa, de reunión,…) viron como un Estado lle devolvía o azoute máis cruel, ou ben furtarlle a vida, ou ben deixalos orfos de ilusión e prosperidade.

Non só se recordarán os nomes de persoas egrexias da historia cuntiense e galega, por extensión, como Xohán Xesús González e Roberto Blanco Torres, senón que –en homenaxe– se pronunciarán todos e cada un dos nomes das persoas que todos os anos deberan ser lembrados por ser elas e eles dignos de émulo e admiración.

O punto de encontro será este sábado día 22, ás 10:30 horas, na propia Praza das Árbores. Alí, logo da necesaria presentación, comezaranse os actos cunha pequena intervención musical, levada a cabo polo cantautor cuntiense Manoele de Felisa e, seguidamente, polo zanfoñista de Marín David Iglesias Portela.

A diferenza do ano anterior, desta volta o Roteiro da Memoria 2012 discorrerá polo centro da vila do Baño, facendo parada en lugares como a reitoral dos Baños, o Campo da Feira (hoxe Praza da Constitución), o Colexio Público de Cuntis (para recordar o mestre represaliado Aurelio Rei), o cemiterio, a Circunvalación, Agarboa, rúa Xohán Xesús González (que fai honor ao fusilado nacionalista e onde se ergue o auditorio que leva o nome doutro represaliado, Xosé Raído), A Presiña (onde nacera Roberto Blanco Torres e onde estivo a antiga prisión municipal), Uxío Souto, a Rúa do Medio, as proximidades de Trasponte,… Remataranse os actos novamente –se o tempo acompaña– na Praza das Árbores, onde unha gaita tocará o himno galego ao tempo que se pronuncian en alto o nome das persoas homenaxeadas.

Os actos que están organizados pola Asociación O Fervedoiro e coa inestimábel axuda da Asociación O Meigallo, amenizaranse asemade cunha breve interpretación musical de gaita e acordeón para concluír.

Para finalizar a xornada teremos un xantar de confraternidade, as persoas interesadas en participar deben confirmar asistencia a través do móvil 657.358.343 ou vía correo ofervedoiro@hotmail.com

II Roteiro da Memoria
Dec 12th, 2012 by ofervedoiro

Voltamos fixar rumbo a Memoria, para non sermos parte da pota do esquecemento na que nos queren cociñar a todas/-os. Manifestando deste xeito o noso absoluto rechazo o seu pacto de silencio e pretendendo pór en valor a recuperación da dignidade esnaquizada.

Por iso a nosa teima quixo que o Roteiro da Memoria teña continuidade un ano máis.  Así, o vindeiro sábado 22 de decembro dende a cerna do casco urbano e pasando, entre outros lugares, pola simbólica Ponte Taboada os nosos pasos voltarán sobre o escuro pasado da Longa Noite de Pedra.

A saída está prevista para ás 10.30 da mañán dende a praza das Árbores (Cuntis). Nos vindeiros días achegaremos a programación máis detallada. Podemos adiantar que ao remata haberá xantar de confraternización (para máis info poñerse en contacto a través do correo: ofervedoiro@hotmail.com).

Aquí vos deixamos o vídeo realizado dende o noso colectivo con motivo do II Roterio da Memoria. A nosa pequena e humilde homenaxe as víctimas da brutal represión fascista.

http://youtu.be/LAnPjko7BEY

Asamblea Aberta SS.GG.
Dec 6th, 2012 by ofervedoiro

Vén de convocarse Asamblea Aberta de Siareir@s Galeg@s Umia -Tabeirós para o vindeiro sábado 15 de decembro no Centro Sociocultural Xosé Raido “Patelas” de Cuntis, a partir das 12 do mediodía, co fin de organizarse a nivel comarcal de cara a cita do sábado 29 deste mes en Pontevedra.

 

Dereito a competir!

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa