SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Paremos o expolio ambiental!
Feb 14th, 2013 by ofervedoiro

O proxecto do parque eólico do Xesteiras atópase en exposición pública no concello de Cuntis ata este venres, día no que remata o prazo para presentar alegacións a nivel municipal.

Dende hai un tempo O Fervedoiro anda a analizar o impacto que o devandito proxecto vai ocasionar, e facémolo dende cinco perspectivas:

  • A primeira, dende a liña económico-social, xa que dende hai anos apóstase por unha política catastrófica no que atinxe á explotación dos recursos enerxéticos, sempre orientada cara unha perspectiva privada, alleándonos dos recursos para fornecer de caudais os petos privados. E isto sen que reverta ren, directamente, na sociedade e nas economías familiares (sen rebaixas no kw/h, sen alumeados públicos de balde,…)
  • A segunda perspectiva que estamos a analizar en colaboración cos compañeiros de Naturgalicia é a que atinxe á proteccións das especies animais e vexetais ameazadas. Para iso temos identificado aves, teoricamente protexidas pola Normativa de Ámbito Mundial (e igualmente pola Normativa Europea e a do Estado Español); anfibios, seica tamén protexidos (Directiva 92/43/CEE del Consejo, de 21 de mayo de 1992, relativa a la conservación de los hábitats naturales y de la fauna y flora silvestres; contemplados no Catálogo Galego de Especies Ameazadas; e algúns incluídos no Convenio de Berna e na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial); coenagriónidos (recollidos no “Libro Rojo de los Invertebrados de España”, 2006),…
  • A terceira vía de análise é a destrución de ecosistemas moi ricos como brañas de montaña e lagoas, remoción de cantidades inxentes de terras, apertura de vías para acceso de maquinaria pesada e que, posteriormente, serán empregados por determinado tipo de vehículos que axudarán a escorrentar a fauna autóctona. E iso sen ter en conta o consabido efecto na xeración de intensos campos electromagnéticos que non só poden afectar á fauna (aves migratorias, por exemplo), senón incluso ao ser humano. Quen negue que isto non ha afectar en mamíferos como os cabalos salvaxes do Xesteiras estará a negar unha evidencia, o son será enxordecedor e quizais haberá quen considere que os animais se habitúan a todo, tal e coma nós nos habituamos a que nos saqueen e furten os dereitos.
  • A cuarta ten que ver co efecto visual que ocasiona na paisaxe, xa que o medio ambiente non é só o conxunto de especies animais e vexetais que existe nun determinado territorio senón, igualmente, os hábitats (que non se deberan alterar), as xeografías e as paisaxes. Evidentemente o monte Xesteiras (outro venerado por Frei Martiño Sarmiento ao seu paso por Cuntis), non vai ser o mesmo coa instalación de 11 aeroxeradores que se erguerán dende as proximidades da Pedra da Aguia (quizais un abrigadoiro natural de época prehistórica) até a dorsal que discorre polo val de Vea (pasando por Santo AndréFrades,…).
  • O quinto e último punto de análise, aínda que poderían ser máis, versa sobre a conservación do patrimonio histórico artístico. Liñas arriba falábase da presenza dun posíbel abrigadoiro natural de época prehistórica localizado na propia Pedra da Aguia, máis do que estamos certos (contemplando a planimetría e anexos do proxecto) é que afectará en alto grao aos testemuños megalíticos alí existentes (unha mámoa e o seu respectivo dolmen case seguro que serán desfeitos, así coma outros grandemente afectados). No anexo sobre este tipo de patrimonio para nada se tivo en conta a presenza de testemuños da Idade do Bronce (petróglifos que, por certo, teñen un grao de protección BIC), algún que outro castro, restos medievais (de mosteiros e fortalezas),…

E isto que aquí explicamos non deixa de ser, entre outras cousas, unha dinámica que dende hai anos se está a facer no noso país, a aplicación da Lei do “ti vai facendo” e “do ir tirando para diante”, esa mesma rutina administrativa que contempla o vetusto como “pedras que estorban”, que contempla aos animais como pezas idóneas para un zoolóxico ou un museo de historia natural. Perante isto O Fervedoiro –en colaboración con Naturgalicia– non pode nin debe calar. Por iso falamos e denunciamos. Cando as administracións miran de esguello os nosos problemas, a sociedade consciente actua!!!

Próxima estación: Lavadoiros
Feb 6th, 2013 by ofervedoiro

E continuaremos, cando o tempo amaine en chuvias, no proxecto Arredor da Auga,… Continuarase segundo o guión previsto: limpar por medio do voluntariado varios dos lavadoiros fluviais, para que sexan máis visíbeis e que se poidan contemplar en toda a súa amplitude; e restaurar un dos lavadoiros que en peor estado se atopen. Pero para que isto aconteza deberá escampar. Un sábado, previamente anunciado, baixaremos unha outra vez ao Gallo e extraeranse todo o que –segundo autorización- nos sexa permitido para poder gozar, traballo concluído, o fermoso espectáculo de recuperarmos e limparmos o noso patrimonio etnográfico, hoxe por hoxe nas mans do desleixo. Porque os ríos, como tantas veces temos indicado, son elementos dadores de vida, elementos para a vida, e elementos ao redor dos cales xirou a vida das nosas sociedades.

Está previsto, que neste mes de febreiro, isto sempre dependendo das condicións climatolóxicas, realizarmos a devandita xornada e, quizais, outra de limpeza de marxes fluviais. O Fervedoiro, en colaboración con ADEGA, continuamos coa teima de agasallar tempo e traballo en beneficio de todas/os, de rexenerarmos ríos e patrimonio en beneficio da sociedade cuntiense e galega, por extensión.

É por iso que, asemade, se acometerá a restauración dun lavadoiro fluvial, o que en peor estado se atopa, chamado “Lavadoiro da Casa dos de Félix” para, dende os seus alicerces volvelo soerguer. Asentaranse todas e cada unha das pedras: as da súa estrutura principal, a cimentación, o mazadoiro e tamén as escaleiras; intentando que a construción etnográfica –acervo da nosa historia e dos nosos costumes- siga a vivir Arredor da Auga.

Logo disto chegará o momento de fincar o taboleiros informativos, con todos os contidos correspondentes (etnográficos, históricos, arqueolóxicos, de medio ambiente, antropolóxicos,…) para continuar a configurar a ruta de sendeirismo ao longo do curso do río Gallo e que terá, aproximadamente, algo así como 3.5 quilómetros de percorrido. Entrementres, agardaremos que as choivas nos dean un pouco de calma para poder seguir cos traballos.

Aproveitamos para denunciar que, por mor das enchentes do Gallo das últimas datas, a senda que percorre a carón do tramo do río por onde se atopan a maior parte dos lavadoiros está en moi mal estado. Urxe que dende o concello se tomen as medidas precisas tanto para arranxar os danos o antes posíbel como empregando tódolos medios dos que se dispón para alertar a cidadanía dos perigos cos que se poden encontrar alí. Unha tubería vermella do cableado ou buratos de gran tamaño son algunhas das sorpresas que arestora forman parte deste escenario.   

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa