SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Un orballo para Blanco Torres
Mar 16th, 2013 by ofervedoiro

Lembrando a Roberto Blanco Torres
Mar 14th, 2013 by ofervedoiro

O vindeiro luns, 18 de marzo, a partir das 17 horas na sala de usos múltiples do colexio da nosa vila, CPI don Aurelio Marcelino Rey García, vai ter lugar un acto sobre a vida e obra do escritor cuntiense fusilado no 36´.

Contará coa participación d´O Fervedoiro, representado polo noso compañeiro Héitor Picallo, e da asociación O Meigallo, no  seu caso da man de Marcos Seixo. Eles dous serán os encargados de achegarnos a figura do autor da vila do Baño. O primeiro tratará sobre aspectos importantes do Cuntis daquel tempo (os movementos agraristas, as loitas campesiñas, a feira de Meira, as publicacións ordinarias,… outros personaxes ilustres e a vinculación de Roberto Blanco Torres coa nosa Terra), e o segundo afondará no valor da súa obra, na importancia da súa poesía e o seu intenso labor no xornalismo galego… e a súa morte por mor do levantamento fascista de 1936. Para pór o peche ao acto musicaranse poemas de Blanco Torres a cargo do grupo Quinta-Feira.

Ademáis deste coloquio o colexio conta tamén cunha mostra sobre o homenaxeado, elaborada polo Meigallo co gallo das Letras Galegas de 1999 e que xa está exposta dende a pasada semana no devandito centro de ensino, que conmemora así o122 aniversario da súa nacenza, na rúa Lanuza (agora A Presiña), nunha casa hoxe por mágoa desaparecida.

Agradecemos ao CPI don Aurelio por tendernos a man unha vez máis para formar parte da súa programación. Desta volta para non deixar no esquecemento a un dos nosos, ao que quixeron silenciar para sempre na Longa Noite de Pedra e que só a Memoria colectiva fai que a estrela que o guía teña resprandores eternos.

 

 “Defenden a monarquía

-anacrónico esperpento-

porque trai de longas épocas,

da lobregueza dos tempos,

unha tradición de aldrajes

e unha historia de atropellos.”

(Roberto Blanco Torres: 1929: 51)

A posta en valor do patrimonio etnográfico
Mar 13th, 2013 by ofervedoiro

Aquí unha mostra do antes e o despois da acción realizada o sábado nun dos lavadoiros sobre o que actuamos

 

Acción conxunta “Arredor da Auga”
Mar 12th, 2013 by ofervedoiro

E aínda que choveu moito a noite anterior, e aínda que á mañá seguinte –a do sábado 9 de marzo– continuou con chuvascos irregulares, de máis ou menos intensidade, algúns veciños de Cuntis, membros de ADEGA e do Fervedoiro baixamos ao leito do río Gallo para continuar coa terceira fase do proxecto Arredor da Auga. Desta volta, provistos de variada ferramenta (luvas, tesoiras de podar, serras, cepillos,…) comezamos coa fase de limpeza dos lavadoiros fluviais. Contando cos permisos pertinentes (de Augas de Galicia e de Patrimonio) e tendo anunciada a nosa actuación ao Concello de Cuntis, o sábado seguimos a acariñar o río.

Foi difícil, evidentemente, pola climatoloxía, porque resultou moi complicado non mollarse. Porén a experiencia resultou do máis satisfactoria: Limpamos boa parte dos lenzos de pedra do río, retiramos os restos vexetais para distintos sacos –para que logo fosen recollidos polos operarios do concello–, brunimos con cepillos a pedra dos lavadoiros de “Ameixeiras”, os dous do antigo Hotel Barreiro, 2 da casa de “Escariz” e o do Hotel Fonteverde (o lavadoiro máis humilde de todos).

Pensabamos que non se podía facer moito, por mor do tempo, mais a xeira prolongouse até ben entrado o mediodía (14:30 horas concretamente). Comezaramos ás 10:30 horas, repartimos o material e decidimos baixar ao Gallo, non podiamos adiar máis a actividade na busca de que un día escampase neste longo inverno que nos chegou con abundantes precipitacións. Unha ducia de persoas, aprovisionadas do material preciso, cubertos até as cellas con impermeábeis, conseguimos que o noso patrimonio etnográfico volvese a lucir un pouquechiño máis para beneficio de toda a cidadanía.

E segundo fomos pasando os cepillos polas distintas construcións etnográficas, recordando o valor dos nosos canteiros á hora de tallar a pedra, recordando o valor das mulleres no momento de baixar ás augas para lavar a colada, e os donos e donas das fincas onde se localizan estas xoias fluviais íannos ofrecendo as súas colaboracións (como no Hotel Fonteverde) e un anaco de pan para levar á boca (tal aconteceu na panadería Escariz).

Cremos, dende O Fervedoiro e ADEGA, que estes actos serven non só para pór en valor os nosos recursos etnográficos (de cara a veciñanza e visitantes) senón para fomento da conciencia social: conéctannos cos vellos oficios, cos nosos antepasados e coa sociedade consciente do valor do noso patrimonio.

 

Preme AQUÍ para ver máis fotos da xornada.

Obxectivo Lavadoiros Fluviais
Mar 8th, 2013 by ofervedoiro

Xornada de limpeza dos lavadoiros fluviais
Mar 6th, 2013 by ofervedoiro

Como anunciamos días atrás o proxecto Arredor da auga ten no punto de mira os lavadoiros fluvias. Na primeira parte da acción que levaremos adiante nesta zona do río Gallo imos limpar todo o que nos sexa posíbel, tanto da contorna como das propias estructuras de pedra.

O noso proxecto está tendo moi boa acollida entre a veciñanza e mesmo parte das persoas propietarias dos lavadoiros fluvias xa se prestaron a colaborar connosco dende o mesmo momento no que demos en coñecer as liñas mestras deste traballo, sen que nen tan sequera nos puxerámonos en contacto persoalmente con cada unha delas.

Deste xeito o vindeiro sábado 9 de marzo, se as condicións climatolóxicas non o impiden, voltamos o río. Ás 10.30 horas da mañán quedamos na ponte da rúa Bernardo Sagasta da vila do Baño (Cuntis) para comezar coa xornada de limpeza.

Arredor da Auga conta coa colaboración de ADEGA, que por suposto tamén aportará voluntariado nesta nova actividade.

Máis unha vez, animamos a que se nos unan todas aquelas persoas interesadas neste traballo, sumándo así esforzos para darlle un novo empurrón a este proxecto ideado para uso e desfrute de todas e todos.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa