SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
A galiña dos ovos de ouro
Abr 29th, 2013 by ofervedoiro

Con data do 7 de novembro de 2012 presentamos unha queixa ao Alcalde do Concello de Cuntis e, por extensión ao Pleno Municipal, co obxecto de que –en consonancia cos dereitos que a sociedade cuntiense ten dende tempo inmemorial– “poidamos de novo facer uso” da Burga do Castro e da servidume que –permanente e non eventual– tiñamos e temos para acceder até ese manancial. Ou sexa que é un dobre dereito que se lle está a privar á cidadanía dende que a empresa que xestiona esa finca (da súa propiedade) e manancial decidiu pechar as cancelas que dan acceso á mesma.

Avisamos que, en atención á lexislación vixente nesta materia (entre outros e en especial, no que se refire ao artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local), de non velar o alcalde polas propiedades e dereitos públicos estará a actuar en “deixación de funcións” (inactividade administrativa).

Nesa mesma data, 7 de novembro de 2012, instouse a goberno e oposición a que declarasen o seu parecer en pleno municipal e actuasen “en consecuencia, libre e coherentemente, co seu voto tendo en conta todo o anteriormente enunciado”. Porén, velar por un dereito cidadán non depende, evidentemente, dunha resolución plenaria, senón do cumprimento da legalidade e, logo así, da Lei.

Segundo o que o Sr. Alcalde do Concello de Cuntis achega no pleno municipal do 30 de novembro de 2012, sabemos que se lle envía comunicación á empresa Termas de Cuntis (propietaria da finca do Castro) sobre o noso documento remitido en pleno.

Esta empresa responde ao concello con data do 15 de xaneiro de 2013 (número de rexistro 2013/000173)

Dez días máis tarde, con data do 25 de xaneiro de 2013, celébrase Pleno Municipal e dende o goberno non se dá conta do documento remitido pola declarada empresa, nin tampouco explica que trámites esta a levar a cabo para que os/as veciños/as do concello non perdan os dereitos consuetudinarios que teñen dende tempo inmemorial.

Na nosa queixa damos conta dun protocolo a seguir amparado na lexislación de Réxime Local.

Antes do último pleno municipal celebrado ate a data, voltamos incidir na nosa demanda presentando documento no rexistro municipal o 22 de marzo;

SOLICITANDO QUE:

  1. Se dea conta no Pleno Municipal de que se estivo a facer ao respecto (nos últimos meses) sobre o caso da Burga do Castro e os dereitos de servidume (dereitos consuetudinarios) que se teñen sobre esa parcela.
  2. Se achegue a información que ten dada a sinalada empresa.
  3. Se informe ao Pleno, e por extensión a toda a cidadanía cuntiense así como ao Fervedoiro, de que actuacións se teñen previsto realizar:
  •  Medidas concretas que van a adoptar para resolver o asunto, posto que dende O Fervedoiro cremos que é evidente que o goberno municipal debe abrir un proceso de investigación,
  • Que vai facer ao respecto logo do posicionamento maioritario da corporación (no pleno do mes de novembro de 2012), onde se acredita a veracidade da pregunta formulada polo Fervedoiro,

Nesa sesión plenaria de finais de marzo e grazas a nosa teima o único que puidemos saber é que o Concello  de Cuntis contratou os servizos dun bufete de avogados para realizar un informe sobre a situación da Burga. Namentres a burocracia comeza o seu longo despertar o pobo vese privado da auga e da servidume de paso.

http://youtu.be/Dj_2oH2fkTs

O vento do Capital
Abr 23rd, 2013 by ofervedoiro

Fai cinco anos, o 11 de abril de 2008, remitíamos  á Delegación Provincial de Pontevedra da Consellaría de Innovación e Industria e ao Subdirector de Espazos Naturais e Biodiversidade da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel senllas alegacións ao Estudo de impacto ambiental e proxecto de restauración do parque eólico Touriñán III, nos concellos de Cuntis, Campo Lameiro e A Estrada (Pontevedra).

Achegábamos un estudo pormenorizado de fauna e flora existentes nesa contorna  que para nada se tivera en conta na elaboración do estudo de impacto medio ambiental.

Tendo constancia polo DOG do luns 11 de marzo de 2013 da “RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2013, da Xefatura Territorial de Pontevedra pola que se somete a información pública para autorización administrativa a declaración de utilidade pública e necesidade de urxente ocupación, aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico Pico-Touriñán, completamos o pasado 17 e abril a nosa alegación non só no eido do medio ambiente senón tamén dando conta da existencia de gran cantidade de ortostatos de mámoas (catalogábeis na época megalítica) en toda a contorna do Cádavo que, evidentemente, incrementan o valor patrimonial da zona.

SOLICITANDO QUE:

  • Se teña en conta aquela alegación do 11 de abril de 2008 remitida polo Fervedoiro, onde se dá conta de todo o patrimonio vexetal e animal, así como tamén do eido arqueolóxico (petróglifos e castros fundamentalmente).
  • Se protexa moi sensibelmente toda esa zona en todo o que respecta aos aspectos con anterioridade citados.
Preme AQUÍ para ver o documento completo.
Qué supón para ti a língua galega?
Abr 17th, 2013 by ofervedoiro

En colaboración co Equipo de Normalización Lingüística do C.P.I. Don Aurelio Marcelino Rey, vimos de convocar o I Concurso Poético en Galego, que ten por obxecto principal “potenciar o uso do idioma galego entre os máis mozos e colaborar, así mesmo, no proceso de normalización lingüística do noso país”. 

Cartaz Concurso
Trala boa colliada que tivo noutrora o Na Nosa Língua, que premiaba traballos plásticos con lendas en galego, agora lanzamos este novo formato que valorará a poética na procura do mesmo fin.

O fallo do xurado farase saber no propio mes das Letras Galegas e será nun acto que terá lugar no salón de actos do CPI don Aurelio da vila do Baño.   

Este concurso está dirixido ao alumnado de secundaria, que terá que crear un poema cun mínimo de duas estrofas en verso libre no que se recolla o que significa a nosa língua para a autora ou autor.

Colaboran, ademáis do equipo de normalización liguística, Radio Estrada e os grupos musicais O Sonoro Maxín, Nao e Machina achegando cd´s cos seus traballos que serán parte do agasallo das/os premiadas/os. A todos eles agradecémoslle enormemente o seu compromiso, axudándonos a enriquecer deste xeito o I Concurso Poético en Galego   

 Mil primaveras máis para a Lingua Galega!!

Alegación ao Parque Eólico do Monte Xesteiras
Abr 2nd, 2013 by ofervedoiro

O pasado 22 de marzo, día internaciónal da Auga, rexistramos no portelo único do concello de Cuntis a alegación ao proxecto do parque eólico do monte Xesteiras, como xa anunciamos en febreiro. Solicitando:

  1. Que teñan en conta a nosa alegación, facendo fincapé sobre todo nos aspectos de patrimonio e medio ambiente xa que os estudos realizados son o suficientemente pobres e imprecisos, tanto que non contemplan para nada nin a realidade natural, nin histórica, nin a presenza dos diversos achados arqueolóxicos.
  2. A administración considere a posibilidade de que non levar a cabo o parque eólico do xesteiras por mor do dano que podería causar a toda a contorna nos aspectos anteriormente descritos. Isto afectaría de xeito irreparábel a esa contorna, até o de agora case invulnerada nos aspectos arqueolóxico e faunístico.
Pincha AQUÍ para ver o documento completo.
»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa