SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Na entrega de premios do I Certame Poético en Galego
Mai 30th, 2013 by ofervedoiro

A Asocación Cultural O Fervedoiro, dende a nosa sección ACUDE ALÍ (ACción CUltural en DEfensa d´A LÍngua) vimos de celebrar o I Concurso de Poesía en colaboración co CPI don Aurelio Marcelino Rey (do Concello de Cuntis). Son varias as actividades que, dende anos, o noso colectivo realiza na defensa do idioma e cultura galegos, varias das cales se realizaron para o devandito centro de ensino.

Como quedou anunciado nas bases do concurso, houbo un premio por curso da ESO (de 1º a 4º), mais por mor da cantidade e calidade das composicións poéticas en asemblea do Fervedoiro resolveuse conceder 5 accésits.

Desta volta puidemos contar coa colaboración de varios colectivos, grupos musicais e empresa. De principio, o propio CPI entregounos toda a súa colaboración, ao tempo que tamén o fixeron Radio Estrada (da man de Fran Campos, fundamentalmente) e o Diario de Pontevedra (da de Carolina Sertal). Os grupos musicais que colaboran connosco son: Machina, Nao, Sonoro Maxín e Ulträqäns. Así mesmo Edicións Fervenza quixo participar neste proxecto.

Esta actividade enmárcase nese grupo de actos que pretenden, asemade, homenaxear a Avelino Pousa Antelo (histórico e egrexio galeguista finado o ano pasado e que foi un dos padriños do Fervedoiro).

As/os premiadas/os recibiron: CDS de música galega en galego, camisetas, libros de poemas  (premiados co Avelina Valladares de Poesía – A Estrada) e diplomas acreditativos.

Amais disto, e pola razón anteriormente exposta, houbo accésits e premios por curso, porén as mellores composicións –independentemente do curso ao que correspondan- levaron así mesmo, -por iso de apostar polas novas tecnoloxías- cadanseu ebook.

Por se isto fose pouco, os agasallos non quedan aquí. Merce da amabilidade do Diario de Caldas-Diario de Pontevedra os poemas agraciados (na súa totalidade ou de xeito fragmentando segundo as posibilidades) sairon reproducidos na edición deste xornal do mércores día 29. E ese mesmo día, en horario de 11:15 a 11:45 da mañá os rapaces e rapazas gañadores foron entrevistados dende Radio Estrada.

Só resta saber o nome das/dos premiadas e premiados. O fallo emitido polo xurado resultou ser este:

  •  Andrea Fontán Fernández (Premiada na categoría de 1º da ESO)
  • Sabela Liñeira Chenlo (Premiada na categoría de 2º da ESO)
  • Aarón Rey Blanco (Premiado na categoría de 3º da ESO)
  • Iván Ferreiro Rodríguez (Premiado na categoría de 4º da ESO)
  • Regina Touceda Rey (Accésit por mor da “calidade métrica e rítmica” da súa composición Asegurada Nosa Lingua). Alumna de 2º da ESO
  • Yeray Bugallo Couso (Accésit por mor da “riquexa e variedade léxica da súa composición Verbas) Alumno de 2º da ESO.
  • Alba Martínez Castro (Accésit por mor da “vinculación coa poesía popular”). Alumna de 2º da ESO
  • Cristian Suárez Aboy (Accésit por mor do “sentimento que transmiten os versos”). Alumno de 3º da ESO.
  • Nerea Sanmartín Senín (Accésit por mor da “forza que transmite a composición lírica e o contido” do poema Lingua Galega). Alumna de 3º da ESO

Por mor do gratificante que resultou este concurso, de todo ir ben, convocarase unha nova edición para o ano que vén. Porque dende O Fervedoiro seguimos a apostar pola cultura e lingua do país, polas nosas tradicións, costumes e identidade.


Preme AQUÍ para ver máis imaxes. 

 

Algo cheira mal dende fai tempo
Mai 28th, 2013 by ofervedoiro

Metidos de cheo nesta floral primavera, foi este sábado pasado cando ao trazarmos o percorrido que fará parte do roteiro co que se culmina o proxecto “Arredor da Auga” nos atopámos de fronte co lamentábel estado da depuradora de Meira. O forte cheiro que hai nas inmediacións xa nos alertaron do que metros máis adiante está a ocorrer.

Unha das arquetas lindeiras as instalacións da EDAR de Meira verte por fora e en varios regueiros alcanza o leito do Gallo. Outra das arquetas situada un pouco máis arriba ten sinais obvios de vertidos habituais, pois está completamente anegada de residuos sólidos “fosilizados” ao seu redor.

Para alcanzar os Pasos dende Meira, un dos elementos etnográficos máis importantes do noso proxecto, é preciso atravesar esta zona anegada de vertidos que, na parte máis próxima ao río, non son fáciles de ver pola altura que ten a vexatación, pois chega a cubrir parte do chan.

Veciñas e veciños comentan que dende hai varias semanas non son quen de se achegar pola zona, entre os fortes cheiros e os vertidos que non deixan de sair a superficie anegando os arredores da EDAR e que fan imposíbel chegaren aos Pasos sen ter que pousar os pés sobre tanta “merda”.

Facendo un pouco de memoria, cando comezamos a recuperación dos Pasos, unha responsábel de ADEGA alerta ao Seprona dun vertido que se estaba a producir en dito lugar. Daquela o alcalde de Cuntis, en declaracións a prensa (que calquera de nós pode consultar), zanxou o tema sinalando que fora “producto dunha sabotaxe”. E outra vez o máximo responsábel local botará man da escusa das sabotaxes? Qué mantemento ten a depuradora? Canto tempo leva sen pasarse por alí para facer unha inspección? Qué solucións vai ofrecer para resolver dunha vez por todas este atentado ecolóxico? Cuntis igual está en flor… mais non só florecen margaridas nas farolas senón incluso vertidos que atentan contra a fauna e flora silvestres dos nosos arredores.

Hoxe queremos reiterar que, a pesares da crise, temos que coidar o noso contorno, a nosa paisaxe, e seguir apostando por manter a calidade das augas” Nuñez Feijoo, venres 24 de maio de 2013, Corrubedo (Galiza).

 

Preme AQUÍ para ver máis imaxes.

Certame Poético
Mai 25th, 2013 by ofervedoiro

Premios I Certame Poético
Mai 23rd, 2013 by ofervedoiro

Será o vindeiro martes, 28 de maio, ás 17.45 horas cando demos a coñecer en acto público as premiadas e premiados do I Certame Poético en Galego, convocado polo noso colectivo para o alumnado do CPI don Aurelio de Cuntis.

A entrega de premios terá lugar no salón de actos do propio centro de ensino da vila do Baño ás e haberá un premio para cada unha das catro categorías, tal e como se detallaban nas bases deste certame presentado nos primeiros días deste maio longo.

Afiánzanse os lazos de irmandade da nosa asociación co colexio don Aurelio, que xa naceu anos atrás coa convocatoria do concurso Na Nosa Língua e continuou co préstamo das exposicións “Xohán Xesús González, porta dun futuro proletario” e Un paseo pola Literatura Galega: entre as follas dos libros vellos

Non podemos máis que agradecer que dende o colexio da nosa vila se nos tenda a man, máis unha vez, e aposten de cheo pola colaboración con colectivos sociais coma o noso que o que pretende, entre outras moitas cousas, é estimular as novas xeracións no uso e defensa do noso ben máis prezado coma pobo: a nosa Língua!

E para enriquecer os agasallos, que lles serán entregados as premiadas e premiados, os grupos Machina, Nao, Sonoro Maxín e Ultraqäns quixeron colaborar connosco aportando os seus traballos e/ou camisolas. Son de agradecer as súas colaboracións, porén aínda máis que nestes malos tempos para a lírica en galego endexamais separen, enriba dos escearios, a súa música da língua dos nosos ancestros.

Exemplos de compromiso, coma o bo número de traballos que o alumnado cuntiense tivo a ben presentar ao noso certame. Entre todas e todos conseguirémos que sexan…

 mil primaveras máis para o GALEGO!

Arredor da Auga: FASE III
Mai 15th, 2013 by ofervedoiro

Dende comezos da semana pasada fóronse chantando os diversos paneis divulgativos do noso roteiro e proxecto medio ambiental Arredor da Auga. O primeiro en ser colocado foi aquel que hoxe se contempla na Praza de Galiza, ao carón dos lavadoiros termais, nese mesmo lugar onde no século XVII xa se lavaba a roupa e onde no XIX os veciños/as de Cuntis, xunto co mestre de obras “Antonio da Pena”, o escribán e outras persoas deciden trasfegar parte do caudal da burga Lume de Deus (antano denominada do Paciño) para deseñar un lavadoiro comunitario de auga termal con píos independentes. O seguinte panel (tipo mesa) fincouse a pé de río, xunto un dos lavadoiros fluviais, nesa zona tan interesante para recuperar dende distintos puntos de vista e actuación: etnográfico, antropolóxico, arqueolóxico, medio ambiental,…

O terceiro panel localízase cabo dos Pasos de Meira, nunha zona de importante valor vexetal e de fauna senlleira, porén degradado pola presenza da EDAR e de continuos vertidos que acontecen nese lugar e que O Fervedoiro non se ten cansado de denunciar.

O último dos paneis (tipo mesa) colocouse xunto a Ponte de Nieto, non lonxe da Capela de Meira. E todos eles, todos os paneis, están elaborados en metacrilato, vinilo e madeira. As impresións a toda cor, cun deseño homoxéneo, e con fotografías propias, outras cedidas pola Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis e as de fauna e flora cedidas, amabelmente, por Naturgalicia. Existen, así mesmo, gráficos e ilustracións interesantes realizadas polo deseñador gráfico Xavier Ares, que soubo plasmar con acerto non só os elementos destacados do noso patrimonio pétreo senón incluso algunha especie animal.

Todos os paneis van introducidos cunha cantiga popular (en galego ou latín dos canteiros, a nosa xerga característica ou pequeno idioma). No apartado nomes e raíces, tamén se dá conta do significado dun topónimo menor relevante e o seu porqué (O Baño, A Ponte, Barcia e Meira), e incluso hai espazo e tempo para falarmos da vida no río (fauna e flora), do noso pasado (a historia dos lavadoiros, dos pasos de Meira e a Ponte de Nieto así como doutros feitos históricos e arqueolóxicos) e sobre os nosos ancestros (onde se trata sobre oficios e costumes ligados ao río Gallo e ao Umia por extensión). Cada un destes elementos informativos leva un texto interesante (bibliográfico, documental ou arquivístico) que alude ao lugar no que se localiza: A reconstrución dos lavadoiros públicos da vila do Baño (datado o 19 de novembro de 1829), xunto o lugar da Ponte (un extracto do Foro Alternativo Mundial da Auga, Marselha – Francia 2012), nos Pasos de Meira (unhas declaracións do investigador Celestino García Romero, datadas en 1917 e que versan sobre o lugar de Meira e os famosos Pasos), e xunto a Ponte de Nieto outro extracto documental, desta volta do Programa 21, Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento (Río de Janeiro 1992).

Este proxecto, ao igual que outras das concas hidrográficas do Lérez e do Ulla, está coordinado por ADEGA e conta con fondos procedentes da Unión Europea.

Por vez primeira no que vai de mandato deste grupo de goberno tivemos a “sorte” de poder contar coa súa colaboración, pois foron operarios do Concello de Cuntis os que realizaron a colocación dos paneis. Temos demandado en varias ocasións a implicación do concello neste proxecto, ao noso entender de grande interese para Cuntis, porén o único que atopamos foron palabras baleiras e ningún compromiso en firme por parte do señor alcalde e do concelleiro de obras. A piques de cumprirse os seus dous primeiros anos no goberno local vainos quedando claro que gostan, e moito, da nada democrática táctica do “conmigo ou contra min”, que adoitan empregar elevada a súa máxima potencia cando é o noso colectivo o que propón algo. Dende O Fervedoiro seguiremos a traballar a pesar dos atrancos que tentan impoñernos sen perder a esperanza de que as persoas que arestora dirixen o noso concello sexan quen de reflexionar polo miúdo da súa forma de actuar e mesmo poidan chegar a mudala no beneficio de todas e todos.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa