SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
No IX Encontro do Voluntariado do Proxecto Ríos
Xuñ 20th, 2013 by ofervedoiro

O pasado sábado, 15 de xuño, tivemos ocasión de presentar públicamente o roteiro “ARREDOR DA AUGA“. E foi no IX Encontro do Voluntariado de Proxecto Ríos, evento que se celebrou no Centro de Interpretación da Casa das Ínsuas do Concello de Rábade.

Aproveitamos o espazo concedido por ADEGA, neste encontro de voluntariado, para amosar a nosa iniciativa. Facendo un percorrido dende a súa posta en marcha ata o seu estado actual e expoñendo os traballos realizados na  recuperación dos pasos de Meira, a limpeza dos lavadoiros fluviais e a colocación dos paneis divulgativos.

A presentación tivo unha gran acollida entre os/as presentes, que parabenizaron aos nosos compañeiros unha vez rematada a súa intervención.

O proxecto Arredor da Auga é unha iniciativa de custodia fluvial que ADEGA en colaboración coa asociación O Fervedoiro promoven na vila de Cuntis. Enmárcase dentro dun proxecto maior que se desenvolve nas bacías do Ulla do Umia e do Lérez, e que pon en valor o patrimonio natural e cultural dos ecosistemas fluviais mediante iniciativas de entidades sociais.

Velaí unha forte aposta pola revalorarización do noso rural feita dende o tecido asociativo, sen ánimo de lucro,  na procura da preservación, eficiencia e sostibilidade. En consecuencia, por unha outra sociedade e mundo posíbeis.

As mans de moit@s, as mans de tod@s, todos os puños do mundo! 

 

S.O.S Gallo
Xuñ 17th, 2013 by ofervedoiro

16 horas do sábado 15 de xuño de 2013. A depuradora de Meira verte directamente ao río Gallo por dúas saídas a mesma vez. A auga do río deixa de ser cristalina ata quedar cuberta por unha cor branca e algún que outro elemento sólido que acompaña. O cheiro na contorna alcanza límites insoportábeis. Un día tras outro repítese esta mesma acción. É pola prensa que podemos saber dos plans do concello de Cuntis; están na procura doutros terreos para a construcción dunha nova depuradora. O que nos conleva a descartar que vaian tentar arranxar este ATENTADO ECOLÓXICO a curto prazo. O Gallo desángrase axudando deste xeito a agravar a enfermidade do Umia, precisa dunha intervención urxente neste foco de infección porén poida que agonice na lista de espera.
http://youtu.be/lHtlJnPWjuM
http://youtu.be/Fq7jmrxcREI

Agardando respostas
Xuñ 13th, 2013 by ofervedoiro

Pasan os días e dende o concello de Cuntis non temos novidades. Máis unha vez rexistramos preguntas ao pleno, neste caso ao do pasado 31 de maio que finalmente quedara suspendido  logo de ser paralizado polos/as estafados/as polas preferentes tal e como recollen dende Quinteiro do Umia.

Unha das nosas teimas ven logo de que a comezos do mes de maio, aproximadamente, se estivesen a realizar obras na rúa que une a finca do Castro (onde se localizan as burgas homónimas) e as proximidades da praza do Ferrol. Temos observado in situ a presenza dunha escavadora e varios operarios traballando nese lugar e xa que descoñecemos a natureza desas obras SOLICITAMOS QUE:

  1. Se explique a procedencia das obras alí realizadas, indicando o motivo e quen realiza a obra
  2. Se se contaron cos permisos pertinentes para este respecto (MUNICIPAIS, PATRIMONIO, INDUSTRIA NO CASO DE FACER FALLA)
  3. Recordamos que os permisos de patrimonio son obrigatorios posto que a vila do Baño, como ben se sabe, conta cunha especial protección
  4. SE NOS DEA RESPOSTA POR ESCRITO DO QUE AQUÍ SOLICITAMOS

A día de hoxe aínda ninguén dende a administración local se molestou en aclarar esta nosa dúbida por escrito, tal e como ocorre coa documentación solicitada con respecto ao peche da Burga do Castro e que requerimos en repetidas ocasións. Será esta a nova forma de entender a chamada “política de transparencia” ou poida que esta mesma se vise salpicada por mor da aplicación da tan aclamada austeridade na administración pública.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa