SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Reunión con membros do Parlamento Europeo
Xul 30th, 2013 by ofervedoiro

A Asociación O Fervedoiro, e algún membro da recentemente creada Plataforma de Veciñas/os que buscan a recuperación dos bens públicos vinculados ás augas termais, puideron estabelecer diversos contactos e reunións con varios políticos europeos para lles trasladar un documento onde se explica a situación na que se atopa o concello de Cuntis no que afecta ás súas burgas. O documento, brevemente introducido en neerlandés, e totalmente bilingüe (en galego e francés) fai unha sucinta explicación de motivos que nos levan a dirixirnos a eles particularmente e, en xeneral, á organización EFA-ALE. Na actualidade The Greens-European Free Alliance (Os Verdes-Alianza Libre Europea) é o cuarto grupo político do Parlamento Europeo e conta con 58 deputadas/os. Aínda que a reunión estaba acordada con Günther Dauwen, director xerente da organización, tamén estiveron presentes varios membros máis: Eva Bidania Ibargutxi, Nelly Maes e Pierre Fourel.

* Nelly Maes: Ex Presidenta de EFA-ALE, clara defensora das linguas minorizadas de Europa, da liberación da muller e do medio ambiente; ex membro da Cámara de Representantes do Pobo Belga, ex Senadora Belga, ex membro do Parlamento Flamengo,… Así mesmo é membro honorario de EFA-ALE e presidenta do Instituto pola Paz de Flandres.

* Eva Bidania: ex deputada do Parlamento Provincial de Araba (2003), ex coordinadora de EFAY (sección xuvenil da EFA-ALE), membro de Solidariedade Vasca (Eusko Alkartasuna) e asesora política de EFA-ALE.

* Günther Dauwen: Director Xerente da EFA-ALE e Asesor Político da mesma organización.

* Pierre Fourel: Representante das Relacións Internacionais da Unión Democrática Bretoa (Unvaniezh Demokratel Breizh / L’Union Démocratique Bretonne) e Secretario da Federación de Rexións e Pobos Solidarios (Fédération des régions et peuples solidaires).

A reunión do máis cordial e afábel, que remata case a media noite –logo de tres horas– contemplámola evidentemente con moi bos ollos, xa que os citados membros da EFA-ALE foron moi receptivos e puxéronse á nosa total disposición, no caso de que precisásemos facer algún tipo de pregunta, queixa ou moción perante o Parlamento Europeo e por motivo das augas termais cuntienses. Nesa reunión tamén se acordou continuarmos coa comunicación e facilitar toda a información posíbel sobre o asunto. Incluso existe a posibilidade de termos outra reunión para comezos do ano vindeiro.

Á marxe disto, para este mércores 31 de xullo está prevista unha reunión de veciñas/os da xa recentemente constituída plataforma. Tal acto, aberto a toda/o intesado, celebrarase na Casa da Cultura ás 21:30 horas e, presumibelmente, cóidase que estarán varios representantes dos grupos políticos cuntienses –iso si, en calidade de veciñas/os.

Recollida de sinaturas
Xul 23rd, 2013 by ofervedoiro

O pasado mércores 3 de xullo, como xa temos anunciado, botamos a andar unha campaña de recollida de sinaturas a través da rede como primeira medida da ACCIÓN RECUPERATORIA DAS BURGAS. Campaña que achegaremos tamén a pé de rúa nos vindeiros días. Aquí deixamos a ligazón (asina, participa, difunde):

http://www.change.org/es/peticiones/acci%C3%B3n-recuperatoria-das-burgas-de-cuntis-augas-termais 

 

Acción Recuperatoria das Burgas
Xul 18th, 2013 by ofervedoiro

Levamos realizando dende hai meses unha serie de reunións con diversos colectivos políticos locais e de Galiza co obxecto de trasladar a nosa preocupación, coma veciñas e veciños do concello de Cuntis, por mor das perdas de patrimonios e dereitos que estamos padecendo con respecto ás augas termais. A nivel municipal xa se abriron diversas liñas de comunicación coas agrupacións do PP, PSdeG-PSOE, Asemblea Nacionalista de Cuntis (ANC), e BNG. O sabor de boca que nos queda é do máis pracenteiro pois todos eles afirmaron que si é certo que estamos perdendo bens e dereitos no aspecto anteriormente mencionado e, ademais, que si se ten que iniciar un proceso recuperatorio neste aspecto, proceso que ten iniciado O Fervedoiro e que non busca outra cousa que, actuando como veciñas e veciños responsabeis, salvagardar o que é de todos.
Foron non poucos os escritos que demandaban a apertura dunha vía de acción a prol dos dereitos e bens veciñais e, de seguir polo camiño polo que se vai e sendo todos os grupos políticos leais á cidadanía, poderemos conseguir o que é de xustiza.

Por iso queremos aplaudir, dende aquí, a valentía e coherencia de todos e cada un dos grupos municipais. A última das reunións tidas levouse a cabo o día 8 de xullo co PP, en presenza de Antonio Pena (Alcalde) e Manolo Amado (Concelleiro de Obras); outra foi co PSdeG, onde estivo presente a ex alcaldesa Fátima Monteagudo, Manolo Campos Velay (ex concelleiro de obras) e Rubén Campos Ferro; co BNG, estando representado por Saleta Chao Rivas (membro da executiva nacional desa agrupación) e Emilio Branco Senhorăes; e coa ANC, que estiveron presentes Belén Pazos Touriño (ex Tenente de Alcaldesa), Serafín Escariz e Antón Castroagudín.

En todas e cada unha das reunións sempre se subliñou que esta non é unha afronta cara a ningunha empresa (nin particularmente coa que explota os recursos termais), así como tampouco cara a ningunha organización política, senón un acto de dignidade e compromiso coa sociedade –“o pobo é quen máis ordena”-
O PP indicou que estaba a espera de recibir certos informes que hai un par de meses foran solicitados con respecto ás preguntas emitidas por este colectivo ao pleno municipal. Porén, subliñouse que si se está polo labor de iniciar o devandito proceso.
Ogallá que a valentía, a coherencia, a dignidade e o respecto  sexan as liñas que marquen un proceso –limpo e aberto á sociedade– que encontre o que sexa xusto.
Un novo chanzo
Xul 16th, 2013 by ofervedoiro

O compromiso que nos xunta dende hai uns meses Arredor da Auga está a piques de pechar o seu ciclo. Un esforzo colectivo que se puxo en marcha coa meta de poñer en valor o que é noso, de todas e todos, e “devolver a vida” pasiño a pasiño o maltratado Gallo.

A do sábado foi a segunda xornada de limpeza nos lavadoiros fluviais, e así voltamos a mergullarnos na auga do río para rematar a zona que nos quedara pendente. Procurando amosar coa noso aportación a mellor faciana posíbel destes elementos arquitectónicos, pois atopábanse baixo a vexetación que co paso dos anos rematou por facerse dona da pedra que rodea e que compón estes lavadoiros.

Un novo chanzo neste proxecto e unha xornada máis na que o voluntariado promovido polo Fervedoiro móllase polo Gallo,xa podían tomar exemplo dunha vez por todas quen comete e quen consente atentados ecolóxicos ,día sí e día tamén, no noso río.

 

Pincha AQUÍ pra ver a galería completa.

II Limpeza dos Lavadoiros Fluviais
Xul 11th, 2013 by ofervedoiro

Este sábado, 13 de xuño, voltamos ao Gallo para unha nova acción conxunta Arredor da Auga. Desta volta realizaremos a limpeza do coñecido como “Lavadoiro de Félix”, que posteriormente será restaurado. Ás 10.30 horas da mañá xuntarémonos na contorna da Piscina Municipal para sumar un novo chanzo a este proxecto. Antes xa foron a recuperación dos Pasos de Meira, I Limpeza dos Lavadoiros, colocación dos Paneis… e a todo esto hai que sumarlle o trafego de permisos e demáis papeleo administrativo no que ADEGA, colectivo que colabora connosco neste proxecto, está a facer un traballo indispensábel.

Xa só restan a limpeza e restauración deste lavadoiro e o balizamento de sinalización do roteiro para dar por finalizado un traballo que dende a súa posta en marcha foi buscando a concienciación da cidadanía, recuperando o patrimonio etnográfico e amosando así a faciana máis agradábel dun río demasiado castigado polos contínuos vertidos aos que está sometido dende hai tempo.

Animamos a participación nas actividades e a conservación e expansión deste proxecto. Só coa axuda de todas e todos será posíbel convertelo en exemplo e referencia para outras iniciativas colectivas.

Recordamos que o ARREDOR DA AUGA encádrase dentro dun proxecto chamado Custodía Fluvial das bacías do Ulla, Umia e Lérez. En cada unha das tres cuncas estanse a levar a cabo diversas iniciativas promovidas dende ADEGA e financiadas con fondos LEADER polo FEADER, o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño e o AGADER . No noso caso en máis dunha ocasión temos requerido a colaboración do Concello de Cuntis para que, entre outras cousas, nos axudara na divulgación deste roteiro a través de folletos informativos e/ou outras ideas, porén o grupo de goberno non considerou oportuno até día de hoxe aportar ningún tipo de cuantía económica para tal feito. Non perdemos a esperanza.

 

Historia recente das Burgas de Cuntis
Xul 9th, 2013 by ofervedoiro

A Asociación O Fervedoiro, en consonancia co artigo 2.5 dos seus principios constitutivos, que declara que é un dos seus obxectivos a “defensa dos bens de carácter público e, entre outros, dos mananciais mineiromedicinais, fontes públicas, espazos de lecer (…)” leva durante un tempo realizando diversas accións de control das burgas localizadas en espazos públicos da vila do Baño (Cuntis), concretamente aquelas denominadas Lume de Deus (localizada na Praza de Galiza) e da Rúa Real (situada na Rúa do Balneario).
 
1.     Hai uns meses remite ao Pleno Municipal deste concello a súa queixa por se ter pechado a finca privada denominada do Castro, pero que sempre estivo aberta á veciñanza dende tempo inmemorial e podendo facer uso do manancial homónimo (e de auga quente) localizado nese recinto.
 
2.     Consonte ao Dereito Consuetudinario, O Fervedoiro remite un documento con data do 7 de novembro de 2012 pedindo explicacións e posicionamentos ao Pleno municipal de Cuntis.
 
3.     Reitera explicacións en datas sucesivas (10 de abril e 29 de maio de 2013).
 
4.     Amais disto ten solicitado unha resposta ao por que de determinadas obras que se realizaron na rúa que une a finca do Castro coa praza do Ferrol (rexistro igualmente do 29 de maio de 2013).
 
5.     Sabemos que a burga do Castro está hogano canalizada para explotación industrial.
 
6.     Aínda non temos recibido explicacións –nin verbais nin por escrito- de se isto estará atentando contra os dereitos que a cidadanía ten.O goberno municipal aínda non se pronunciou. Só o grupo de non adscritos e o PSdeG teñen avanzado en pleno que O Fervedoiro ten razón. O Goberno municipal, previo enviar o documento deste colectivo a Termas de Cuntis, indica en pleno que o asunto levouse a un bufete co obxecto de estar asesorado legalmente, anticipando que está á espera de certo documento que pode resolver este o asunto.
 
7.     En relación coa burga denominada Lume de Deus, e antes de que esta se pechase para trasfegar o seu caudal ao Balneario de Cuntis (posto que tal empresa posúe ese dereito dende hai tempo no que concirne aos meses de xullo, agosto e setembro), fixéronse dende O Fervedoiro diversas medicións. Concretamente o día 28 de xuño, ás 12:30 h., o manancial botaba 0,07664 litros por segundo, cando o caudal debera ser de 0,4761 (l/s) verbo dos datos rexistrados na Consellaría de Industria.
 
8.     Ese mesmo día solicitóuselle unha comprobación á Policía Municipal, que dirixíndose ao lugar (sobre as 13:30 h.) confirma a ostensíbel redución de caudal.
 
9.     Como conclusión disto podemos sinalar que esta burga estaba a botar cara á veciñanza un 15,41% do que debería. Noutras verbas, que falta un 84,59% de caudal termal.
 
10.  Facendo os estudos de rigor, dende O Fervedoiro conclúese que encher unha garrafa de 20 litros nese manancial supón, aproximadamente, 5 minutos; cando se debera encher en 42 segundos.
 
11.  Como é ben sabido, este manancial alimenta co seu caudal os Lavadoiros Municipais. A raíz de como están as cousas, un pío de auga quente tardaría en se encher algo máis de 40 minutos (cando, se a burga botase todo o seu caudal, debera ser de pouco máis de 6 minutos). Os 5 píos termais tardan en se encher 3 horas e 22 minutos (cando o lóxico é que non levase máis de 30 minutos).
 
12.  Dende o mércores día 3 de xullo O Fervedoiro inicia unha campaña de recollida de sinatura por internet (pincha AQUÍ para asinar)  e a  pé de rúa indicando:
 
·         Dende hai décadas a cidadanía do Concello de Cuntis (na provincia de Pontevedra) está a vivir unha situación angustiosa. A razón é que, acotío, ve minguados os seus dereitos e usos veciñais –que posúe dende tempo inmemorial– con respecto ás burgas e augas quentes que na súa vila nacen.
 
·         A raíz deste motivo, e por medio da presente recollida de sinaturas, queremos instar ás administracións públicas (cuntiense, Xunta de Galicia, Estado, e outras) a que inicien unha acción recuperatoria e/ou de calquera outro tipo na defensa da propiedade, usos e demais dereitos das/os veciñas/os de Cuntis, no que concirne ás augas termais.
 
13.  A empresa explotadora dos recursos minerais ten rexistrado na Consellaría de Industria 20 mananciais, entre os que están aqueles localizados en zonas públicas, o que lle reporta un caudal diario de 2.500.000 litros. No que concirne ás burgas que están en zonas públicas estas só supoñen un 3,3% dese caudal.
 
14.  Queremos indicar dende O Fervedoiro que este non é unha acto en contra de ninguén (empresa privada ou pública, un grupo político ou outro,…) senón un acto cívico e de indignación pacífica que reivindica os dereitos e propiedades que lles corresponden aos cidadadáns cuntienses.
 
 
Vertidos no río Gallo (días 16 e 28 de xuño)
Xul 1st, 2013 by ofervedoiro

Unha outra vez o río Gallo volve a padecer un atentado medio ambiental. En numerosísimas ocasións temos enarborada a nosa denuncia en Seprona, na Administración Local, Augas de Galicia,… pero non hai xeito.

O pasado domingo 16 de xuño denunciouse este feito. Logo de chamarmos ao SEPRONA actuamos de xeito semellante coa Guardia Civil de Vilagarcía de Arousa. Os feitos aconteceron logo de xantar e do río emanaba un tremendo fedor a sumidoiro. Materiais orgánicos, produtos de hixiene persoal, augas totalmente turbias, restos de toalliñas de limpeza,… enchían un río xa non tan fermoso como noutras ocasións.

Dende estas liñas querémonos preguntar se as administracións local (de Cuntis) e Galega (Augas de Galicia e a Consellaría de Medio Ambiente) está a facer algo ao respecto,… posto que a imaxe que do concello se está dando ao visitante é do máis lamentábel. Iso sen afondar no problema ecolóxico que ocasional.

Ese 16 de xuño amais do Fervedoiro volveron denunciar diversas/os veciñas/os, algúns con locais hostaleiros, que viven do turismo fundamentalmente. E foron varios os focos de vertido: debaixo da ponte de pedra que une as rúas Bernardo Sagasta e O Convento coa praza de Galiza, outro debaixo da pasarela de madeira que cruza o río Gallo –xusto detrás das instalacións balnarias– e outro nun tramo intermedio. Daquela as choivas foran abondosas, polo que podía estar ligado este asunto a unha mestura (ou filtración) de augas pluviais con residuais.

Hoxe, día 28 de xuño volve acontecer o mesmo, coas mesmas características, os mesmos cheiros, os mesmos focos contaminantes e materiais orgánicos en suspensión. Volvemos denunciar as mesmas persoas, os veciñas/os avisaron ao Fervedoiro e presentáronse axentes da Guardia Civil os que, igualmente, quedaron escandalizados.

Esta a facer algo a administración local a este respecto? Mira para outro lado por non se enfrontar ao problema? Saúde para os nosos ríos? Saúde pública? Onde, nós non a vemos. E que imaxe se lles quere dar aos turistas xa que unha vila termal debera coidar da súa imaxe, non?

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa