SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Vertido aquí, vertido alá…e aquí ninguén é responsábel de nada
Ago 1st, 2013 by ofervedoiro

Xa debía levar bastante tempo botando por fóra unha arqueta localizada dentro dunha propiedade de Termas de Cuntis S.L. e que circunda o Balneario Forniños. Un membro do Fervedoiro deu a alerta e a sección de Medio Ambiente, dirixíndose ao lugar dos feitos, achégase ate alí e comproba que unha auga moi pouco transparente estaba empozando no interior da declarada propiedade e, ademais, filtrábase cara ao paseo público que discorre á beira do Río Gallo e, de aí, ao propio cauce fluvial. Isto acontece o luns 29 de xullo pola tarde, nas proximidades das piscinas municipais.

E dicimos que bastante tempo xa debía estar botando pois a cantidade de auga acumulada nas inmediacións do balado de Termas de Cuntis non era pouca. Alí percibíase bastantes residuos de hixiene persoal e un tremendo fedor que, ademais, se mesturaba coas sales propias das augas termais. Esta afirmación reside no feito de que boa parte dese rego tiña unha temperatura superior á ambiental e, presumibelmente, podería proceder dalgunha piscina das instalacións da declarada empresa.

Segundo as probas visuais que varios membros do Fervedoiro observamos coa colaboración de voluntarios/as (sen evidentemente introducírmonos na propiedade privada), podemos concluír que persoas vinculadas a Termas de Cuntis estiveron realizando labores de desatoamento da sinalada arqueta, pois nela estaban introducidos bastantes metros dun cable de aceiro para intentar liberar a obstrución. Deberon desistir e o vertido continuou, mágoa non teren avisado ao Concello de Cuntis, a Protección Civil,…

Nós, pola nosa banda alertamos a emerxencias (a iso das 20:30h), previo ter chamado a Augas de Galicia,… De aí a pouco apareceron varios membros de Protección Civil de Cuntis, ao igual que o concelleiro de obras. Tempo máis tarde aparece unha técnico do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia, quen fixo as súas medicións e tomou mostras.

Con respecto a isto cómpre formular varias preguntas:

1. Dispón Termas de Cuntis dunha depuradora propia para que, logo do proceso de baleirado, poida saír a auga termal e outras o máis limpas posíbeis para se introducir nas canalizacións pertinentes?

2. Verten estas augas directamente á rede de saneamento municipal?

3. Sabe o Concello de Cuntis que tipo de augas se verten no seu saneamento?

4. Se tal empresa verte as augas no saneamento municipal directamente, ten as autorizacións oportunas?

5. De se introducir auga quente, e ademais sen depurar, no cauce do río Gallo por mor das habituais verteduras non estará a afectar na cadea trófica e, particularmente, nos macroinvertebrados?

6. Que pensa facer ao Concello ao respecto?

Máis aló das 22:30 h, momento no que aproximadamente se retira a técnico de Augas de Galicia, nós tamén decidimos terminar o noso labor.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa