SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Arredor da Auga nas terras de Tabeirós
Xan 29th, 2014 by ofervedoiro

O pasado venres, 24 de xaneiro, nun encontro organizado por ADEGA foron presentados na Estrada os resultados da “Custodia Fluvial no Ulla Umia Lérez”, dentro do cal se atopa o noso proxecto “ARREDOR DA AUGA“.

Alí, e ante a presenza de colectivos de Tabeirós – Terras de Montes que tamén realizaron as suas correspondentes actuacións, tivemos a posibilidade de presentar os obxectivos que fomos quen de acadar ate o día de hoxe.

Foi unha nova ocasión para explicar os traballos de recuperación e restauración dos Pasos de Meira nos que contamos coa axuda de canteiros, pois moitos dos pasos atopábanse soterrados ou totalmente deitados baixo a auga do río. Falamos das xornadas de limpeza dos lavadoiros fluviais que organizamos co voluntariado. Estes elemento etnográficos atópanse no Gallo ao seu paso pola vila do Baño e antano eran empregados polas mulleres para lavar a roupa, dando froito o oficio de lavandeira. Amosamos os paneis interpretativos que foron colocados ao longo do roteiro que percorre o “Arredor da Auga”. Houbo tempo para recordar o lamentable estado da EDAR de Meira situado na contorna dos propios pasos, e tamén para facer un repaso polas xornadas de Limpeza do río Gallo que vimos celebrando ano tras ano.

A Custodía Fluvial é ademáis un compromiso por manter vivos estes espazos despois das accións  levadas a cabo, por iso en vindeiras datas voltaremos con máis iniciativas semellantes.

Na presentación de “Coa Língua Na Terra”
Xan 27th, 2014 by ofervedoiro

Unha vez máis a biblioteca municipal do Baño quedou pequena para acoller a nova obra do veciño, amigo e compañeiro Héitor Picallo. Non faltaron a cita os poemas de Xoán Xosé Fernández Abella nen a música e voz de Manoele de Felisa. O acto decorreu nunha fluída conversa entre o autor do libro e as xornalistas Chus Gómez (Diario de Pontevedra) e Mercedes Angueira (Diario de Arousa). Foron elas as que repasaron varios artigos do libro e levaron ao autor a contar algunhas das historias que se agochan tras eles ou sacaron temas como a liberdade de prensa e o galego nos medios de comunicación.

Da man do Fervedoiro e arroupado por familiares, amigos/as, compañeiros/as e veciños/as o pai da criatura tivo ocasión de presentar públicamente, por vez primeira, “Coa Língua Na Terra”. Comezou en Cuntis unha xeira de presentacións que este venres, 31 de xaneiro, terá unha nova cita ás 20 horas na libraría Couceiro de Compostela.

Deixámosvos un video que recolle a última parte da actuación do cantautor cuntiense Manoele de Felisa que con estas duas pezas pechaba o acto do pasado sábado.

http://youtu.be/K7QBLec0Vlo

Coa Língua Na Terra
Xan 24th, 2014 by ofervedoiro

Presentación “Coa Língua Na Terra”
Xan 21st, 2014 by ofervedoiro

Será este sábado cando o lar do Fervedoiro acolla a primeira presentación do novo libro do noso compañeiro Héitor Picallo, que leva por título “Coa Língua Na Terra”. Un traballo adicado aos Equipos de Normalización Lingüística e á nosa asociación.

O libro publicado pola editorial Toxos Souto leva prólogo de Xosé María Lema Suárez e epílogo de David Otero. Nel recóllense, fundamentalmente, textos publicados no Diario de Arousa, Diario de Pontevedra e na Plataforma Prolingua, porén existen outros textos que non vén a luz até hoxe. Tamén se publican no libro varias caricaturas realizadas por Héitor Picallo, a maior parte inéditas, aínda que a de Lois Pereiro foi portada, no Día das Letras Galegas, no xornal Galicia Hoxe. A ilustración da capa (portada) é un graffitti que en Cuntis elaboraron os músicos e artistas plásticos Sokran e Mou (Dios Ke Te Crew), e que leva por título “Solta a túa Língua”.

O acto que este sábado dará comezo ás 20horas na biblioteca municipal “Roberto Blanco Torres” da vila do Baño contará coa presenza de Mercedes Angueira (xornalista do Diario de Arousa) e Chus Gómez (xornalista do diario de Pontevedra) que acompañarán o propio autor do libro na mesa de presentación. Manoele de Felisa será o encargado de darlle o toque musical ao serán cuntiense.

“¿Ameaza o (idioma) galego ó castelán ou o castelán ó galego? ¿Disparan os paxaros ás escopetas ou é máis ben ao revés?” Coa Língua Na Terra, Héitor Picallo.

 

Tesouros da Natureza
Xan 20th, 2014 by ofervedoiro

Dende o martes 14 de xaneiro, no CPI don Aurelio Marcelino Rey de Cuntis está instalada unha exposición de minerais, rochas e fósiles. A mostra, con máis de medio cento de pezas de gran tamaño, foi realizada pola Asociación O Fervedoiro e nese centro de ensino ficará varias semanas do mes de xaneiro e febreiro.

O obxectivo desta actividade é dar a coñecer o mundo xeolóxico e paleontolóxico aos/-as alumnos/as do devandito centro e para que sirva como complemento das materias de ciencias. Todas as pezas levan cadansúa tarxeta explicativa, na que se indica -cando menos- o nome e a procedencia.

ROCHAS. Dentro do mundo das rochas os rapaces e rapazas poderán distinguir as metamórficas, das sedimentarias ou magmáticas. Nas vitrinas pódense ver corais, conglomerados, xistos, rosas do deserto, lavas e algún bolido volcánico.

FÓSILES. No que afecta aos fósiles hainos vexetais (fentos e restos vexetais do carbonífero e un anaco dun toro dun piñeiro branco) e animais (como ammonites, equinodermos e orthoceras). Velaí testemuños naturais que teñen unha antigüidade de 450 millóns de anos (período Ordovícico) a 65 millóns de anos (Cretácico Superior). Amósase na exposición, entre outros impresiontes exemplares fósiles, un Ammonites Acanthocera que supera os 15 centímetros de diámetro, así como Orthoceras de grande fermosura e que son os parentes máis próximos dos cefalópodos (calamares).

MINERAIS. No que atinxe ao mundo mineral destaca unha boa colección de seixos de distintas procedencias: Galiza, O Tibet, Madagascar, Minas Gerais (Brasil). Dentro deste grupo hai seixos leitosos, xeodas de amatista e de seixo rosado (de Brasil e Marrocos, respectivamente), drusas de seixo verdoso e de cristal de rocha (do Tíbet e Madagascar nomeadamente). A xeoda amatista é unha peza de considerábel tamaño de varios quilos de peso. Amais disto, pódense ver drusas de calcita laranxa, xofre cristalizado de Sicilia e xeodas de calcita branca (tamén chamada dente de can, e atopadas no oasis de Chevika, na fronteiro do Sahara). Tamén hai lugar para ágatas, goethitas, estalactitas, drusas de malaquita…

Esta mostra está aberta a todo o público en horario escolar, de luns a venres pola mañá (de 9:00 a 13:30) e os martes tamén pola tarde (de 16:00 a 18:00).

Preme AQUÍ para ver máis imaxes da mostra.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa