SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Ata cando?
Feb 11th, 2014 by ofervedoiro

E mentres as árbores das beiras do río Gallo van caendo enriba dalgúns inmobles por mor do temporal, das chuvias, dos ventos e das cicloxéneses, as augas non baixan de nivel. A flora deste río, sobre todo na zona da vila, veuse grandemente danada por mor deses motivos, porén tamén é certo que a administración pouco mirou polo estado de freixos e ameneiros –algúns secos e outros sen terra nas raíces- e que hoxe caen sen remedio no leito fluvial. Levamos anos, dende a nosa nacenza como colectivo, denunciando ora si ora tamén os continuos atentados contra a fauna e flora das ribeiras do Gallo, do Umia e doutros ríos.
Mais tamén, ao mesmo tempo, non só nos dedicamos a iso, cando menos intentamos dar exemplo, dende o voluntariado, eliminando residuos cada ano dende o leito do río Gallo; ou elaborando ese proxecto chamado Arredor da Auga, no que, en colaboración con Adega, pomos en valor o noso patrimonio etnográfico ligado a ese afluente do Umia, os nosos oficios de vello, a vida natural da contorna (en colaboración con Naturgalicia), etc. Así e todo, ás veces parece que traballamos contracorrente, e isto pasa cando vemos que a administración non traballa no mesmo sentido.

Dende hai tempo e tempo denunciamos (e non nunha ocasión) o estado de abandono no que se atopa a EDAR de Meira, quizais un verdadeiro xardín de aromas e fragrancias do máis diversas, se cadra ese recuncho onde se quere agochar as malas xestións como se fose o po debaixo da alfombra.

E por iso primeiro oféndenos, segundo indígnanos e terceiro entristécenos saber que o Concello de Cuntis desoíu “un requirimento da Administración Hidráulica en materia de vertidos de augas residuais” que infrinxe o artigo 85 k) da Lei 9/2010 de Augas de Galicia.

Este pasado sábado, 8 de febreiro de 2014, realizando os nosos rutineiros labores de inspección do río, puidemos comprobar como as arquetas do saneamento municipal que conducen á EDAR de Meira foron abertas e verten, directamente, ao río porque a depuradora non está a funcionar correctamente.

Dende o goberno local continúase a mirar cara a outro lado como así o confirma o “Acordo de incoación e prego de cargos de expediente sancionador en materia de desatención“, o cal Augas de Galicia lle trasladou ao Concello de Cuntis con data do 22 de xaneiro de 2014. Esa infracción do devandito artigo 85 k) da Lei 9/2010 poderíalle supor ao Concello de Cuntis, por mor da desatención do Goberno Municipal, unha sanción que podería ascender a 5000 Euros.

Na relación de feitos dise claramente que “o 7 de agosto de 2013 e o 2 de outubro de 2013 o Seprona da Garda Civil e Augas de Galicia levan a cabo inspeccións en Meira constatando un vertido de augas residuais ao río Gallo procedente da EDAR municipal ubicada nese lugar. Con data 11 de decembro a Gardería do Río leva a cabo a inspección da zona constatando a continuidade do vertido denunciado.”

E o mesmo ocorre en Arcos de Furcos, pois na relación de feitos tamén se comenta que “en data do 20 de setembro de 2013 Augas de Galicia leva a cabo inspección en Arcos de Furcos (…) constatando un vertido de augas residuais en condicións inadecuadas por infiltración no terreo procedente da EDAR municipal localizada nese lugar. Polo que en data 10 de novembro de 2013 o Concello interesado presenta alegación ao requirimento, manifestando que o vertido foi solventado mediante a substitución dun tramo de tubaxe. Acordada a práctica da proba, en data 11.12.13 a Gardería leva a cabo a inspección da zona, constatando a continuidade do vertido denunciado, de xeito que o requirimento se considera desatendido”.

E perante isto que? Sen vontade para resolver o problema das verteduras continuas, nen para loitar pola defensa do medio ambiente e a saúde pública e rexenerar dunha vez por todas o río Gallo calquera pregunta tórnase inútil, aínda que só existe unha única resposta: INCOMPETENCIA.

Quizais sexa en Meira, quizais en Arcos, onde o Concello pretenda instalar o Xardín dos Aromas! Quizais ese proxecto de fragrancias, tan innecesario para estes momentos actuais, sexa onde sigan a malgastar diñeiro do erario público, dos fondos dos contribuíntes, ou sexa, de todas e de todos. E así nos vai,… “Viva La Fiesta”!!!

Preme AQUÍ para ver as fotos da inspección que realizamos o sábado.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa