SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
… mellor ouvir, ver e calar …
Xul 28th, 2014 by ofervedoiro

parte do lamentable estado no que se atopa o paseo fluvial do Gallo dende fai 18 meses

HAI MÁIS DE CINCOCENTOS DÍAS, concretamente 528, QUE NON NOS OUVEN, QUE NON NOS ESCOITAN, xa que dende aquela denunciamos públicamente o estado ruinoso do tramo de paseo fluvial que vai dende a Ponte até as piscinas municipais, un problema que se vai agravando co paso dos meses pola inacción dos responsábeis locais. NINGUÉN FALA, NINGUÉN RESPONDE, NINGUÉN FAI: ÉVOS O PAÍS DE NINGURES NA ADMINISTRACIÓN DE NINGUÉN.

En decembro do mesmo ano de 2013 algunha organización política local tamén se suma a esta críticapolo que exterioriza o desagrado nos medios de comunicación. Dende o noso colectivo volvemos incidir o pasado mes de marzo cando publicamos un vídeo sobre o estado do río Gallo logo do paso do inverno (outra denuncia que polo momento caeu en saco roto e da que ninguén se deu por aludido).

A piques de cumprirse 18 meses daquel 6 de febreiro de 2013 continuamos agardando a que dende o concello de Cuntis alguén se atreva a tomar cartas no asunto a se comprometer e asumir con seriedade, para así –e dunha vez por todas– actúen segundo as responsabilidades que lles son propias á administración pública. É curioso que se botase man do erario público para realizar actuacións –cando menos polémicas – como aquel trazado de paseo fluvial que vai dende a zona do Espadenal até o lugar do Portodegómez.

 E volvendo ao tema principal que nos trae, o afundimento do firme, o deterioro total das marxes, o amoreamento de pedras, cascallos e xabre que a propia forza da auga acumulou en determinados espazos, así como tamén cables de subministro eléctrico do alumeado público á vista, ocasionan no seu conxunto, evidentemente, un potencial perigo para transeúntes (cativos, adultos e animais) o que, non vén ser outra cousa, que unha ameaza á seguranza cidadá.. Recruécese este perigo nos meses de estío pois son moitas as persoas que empregan esta sendeiro para acudir ás piscinas municipais, amais de que nestes meses se multiplica o número de visitantes na vila que aproveitan a súa estancia para dar un paseo a carón do Gallo.

Recordamos que este espazo forma parte do proxecto “ARREDOR DA AUGA“, sendo nesa zona onde se atopan varios dos lavadoiros fluviais. que se están a pór en valor –non só por este colectivo, senón tamén por outros de ámbito galego.

Cantos días máis terán que pasar para que a administración local acorde algún tipo de acción para atallar este problema? ou mellor, agardamos a que haxa unha desgraza e logo lamentámonos e prometemos de inmediato unha morea de cartos públicos para recuperar este anaco de paseo fluvial? Agardemos que, cando menos, haxa seguros de responsabilidade civil, xa que a seguranza das persoas non pode caer no desleixo e no silencio administrativos nin, moito menos, da frivolidade coa que “non se actúa”.

A propósito da EDAR de Meira
Xul 22nd, 2014 by ofervedoiro

Logo de anunciarmos certas obras que se están a desenvolver na EDAR Municipal (localizada nos arredores do lugar de Meira) e cuestionarnos a razón delas, puxémonos en contacto esta fin de semana con ADEGA –que colaborou con este colectivo na realización do proxecto Arredor da Auga– para informar do que estaba a acontecer.

vista xeral das obras na contorna da EDAR

Será o luns, día 21 de xullo, cando acordamos unha xuntanza con membros da empresa adxudicataria das obras. Trasladándonos até a depuradora, reunímonos cos seus responsábeis co obxecto de transmitir a nosa preocupación polo estado de saúde do río Gallo, da contorna da Depuradora e da conservación do patrimonio etnográfico e natural das inmediacións. Dende a empresa indicaron que os cascallos (procedentes de actuacións na Circunvalación Don Aurelio e rúa da Palma) só estaban aí depositados, e que nos vindeiros días se trasladarían para o tratamento correspondente. A actuación máis significativa que se acomete na EDAR é a creación dun tanque de tormentas que será instalado no lugar onde se abriu o enorme foxo, mais isto non ha solucionar –evidentemente– o problema de reciclaxe e saneamento das augas, senón que a súa función será a almacenaxe destas e aliviar un chisco a súa recepción na depuradora.

Pasos de Meira co valado metálico

No tocante aos coñecidos Pasos de Meira, puidemos comprobar –en presenza dos encargados– que xa fora recolocada a base de cemento do valado metálico para un lugar menos agresivo. Que conste, que para nada tiñan coñecemento de que alí existían máis pasos soterrados. A cantidade de limos e residuos depositados impiden ver cantos elementos pétreos se atopan asolagados. O curioso é que dende a administración local non se lle dera aviso á empresa da existencia destas estruturas de tanto valor etnográfico. Porén, os responsábeis da obra comprometéronse a desenterrar manualmente os lodos que ocultan estas pezas graníticas empregadas polas/os cuntienses, cando menos, dende o século XVIII.

Grazas ás indicacións dos traballadores demos localizado o ignoto cartaz de obra, aínda que a verdade non o tiñamos nada fácil. Curiosamente, atópase á entrada de Cuntis, xunto a zona do Pinal e as Casas do Monte, inaccesible a pé pola estrada vella (cuxo cartel fica de costas) e pouco visible dende a N-640, onde non se pode aparcar e ver “nidiamente” o contido do que se anuncia. Tanto é así que este cartaz pode distar da EDAR como medio quilómetro, o que aínda complica máis as cousas para identificar que este anuncio se corresponde cunha actuación bastante afastada.

Agradecemos dende estas liñas o trato correcto dos responsábeis da obra á hora de nos explicar con detalle o proxecto, así como tamén o seu firme compromiso en salvagardar os Pasos de Meira mentres dura a obra e súa limpeza no que atinxe á zona asolagada.

Defendendo o medio ambiente e os bens etnográficos?
Xul 18th, 2014 by ofervedoiro

Varios foron os membros deste colectivo que efectuando labores de control nas beiras do río Gallo puideron ver como moreas e moreas de cascallos de obra e asfalto se comezaron a amorear, estes días, na contorna da Estación Depuradora de Augas Residuais de Meira. Curioso tamén é que restos de asfalto, estes e outros días, estiveron a se extraer nas obras que se efectúan na Circunvalación de Cuntis e noutras rúas. Dende aquí guindamos aos ventos a pregunta de cal é a razón pola que están aí depositados. Ben, tamén se nos ocorren outras: Que función cumpren eses escombros? Váiselles dar algún uso? A caso labores de reciclaxe de refugallos?
Curioso tamén é comprobar como xa foi aberta, por medio de maquinaria pesada, unha gabia ou gran foxo. Coincidencia talvez? E a onde foi a parar a terra extraída? O estraño é que non apareza ningún cartaz no que se indique que obra se está a levar a cabo,… Por conseguinte, tamén ignoramos o nome da empresa axudicataria, nin o investimento, nin o tempo que se vai investir na “obra”. Unicamente un par de rótulos de prevención de riscos penduran por algures. Pero demasiadas interrogantes alertan de que algo cheira moi mal, e non só no interior da depuradora, senón tamén nos arredores. Fragrancias en flor, aromáticas, que teñen que ver con actuacións que, cando menos, non están claras ou anunciadas pola administración local.
Se cadra somos demasiados escépticos e o que se está é a protexer o medio ambiente, e o que percibimos son obras que o que van facer é resolver o asunto da estación da depuradora e dos vertidos, incontrolados e desmesurados (onte mesmo voltamos comprobar o lamentable estado do río). Para nada ten que ver isto co dito de esconder o po e o lixo debaixo da alfombra.
Cómpre subliñar que o recinto está valado, aínda que varios dos coñecidos “Pasos de Meira” –que recentemente foron recuperados mercé deste colectivo e da asociación ecoloxista ADEGA– fican no interior da superficie circundada. Ben claro queda que a nosa posta en valor destes elementos etnográficos (que son do acervo cultural de todos os cuntienses) nada serve para algúns se non o poden vender politicamente, pois velaí están arestora soterrados por lodos e residuos provenientes da depuradora. E iso que é obriga das administracións velar pola conservación do noso patrimonio (no caso que nos toca o etnográfico e histórico) e igualmente do medio ambiente. Porén, vaites vaites,… isto parece que non vai con aqueles que deben actuar con responsabilidade e dando exemplo. Sabotaxe, se cadra!! Menos cachondeo, que defender a natureza e o patrimonio é responsabilidade de todas e todos, e agardamos que isto non lle sente mal a ninguén.
Sabemos que para facer o foxo fixo falla unha pala escavadora, polo que os chanzos dos “pasos” de Meira podían ser danados, se xa non o foron. E dígase que estes elementos, que poden ser reclamo turístico, puidesen ser ademais un atractivo para o visitante e, por suposto, un xeito de incentivar a economía local de xeito indirecto. Que pouco tacto houbo á hora de pór unha base de cemento do devandito valado sobre un dos pasos! Que opina disto o responsable de Cultura do Concello de Cuntis? Quizais, se cadra, a administración local non ten nada que ver, como nada que ver tivo no proxecto de recuperación e posta en valor dos “Pasos de Meira” que nin un só euro quixo investir.
Pero,… precisemos un pouco máis. As obras que se están a acometer fican fóra das instalacións da depuradora, polo que o funcionamento da propia EDAR (que xa nunca funcionou correctamente) segue sen se tratar. Poderiamos entender que só van “arranxar” os 2 sumidoiros que se atopan nas inmediacións e que non son os únicos focos de vertidos? Agardamos que dende a administración (alcaldía, obras e cultura) se diga algo ao respecto, e que desta volta, polo menos sexa convincente.
Preme AQUÍ para ver máis imaxes.
SOS Gallo
Xul 2nd, 2014 by ofervedoiro

Até cando?

Vertidos, escumas… e sen explicacións
Xul 1st, 2014 by ofervedoiro


Aproximadamente ás 13:00 horas de hoxe martes 1 de xullo, e xusto debaixo da ponte de pedra do río Gallo que comunica as rúas Bernardo Sagasta e Convento coa praza de Galicia, detrás do hotel La Virgen, membros do Fervedoiro identifican –nunha saída semioculta localizada debaixo desa ponte– un vertido de cor leitoso e abundante.

De seguido avisamos a emerxencias e ao concelleiro de obras, o Sr. Amado, que xunto con membros de protección civil e operarios do Concello trasládanse ao lugar dos feitos para efectuar os labores de limpeza. Os traballadores municipais desatoan varias arquetas, todas nas inmediacións do vertido; unha das cales, curiosamente, atópase situada no interior do recinto do balneario; porén descoñecemos se esta arqueta é municipal ou privada.

Durante estes días tamén se ten comprobado certos regos de escuma que, augas abaixo, discorren polo mesmo río; incluso dende as redes sociais algunha veciña denunciaba vertidos na entrada do aparcadoiro do Castro, na rúa da Presiña.

Levamos anos agardando solucións reais a esta problématica, pero a día de hoxe descoñecemos  que a administración local puxera en marcha unha soa medida para atallala. Namentres dende o noso colectivo só podemos acudir ao protocolo de denuncia para este tipo de casos, e a nosa parte abofé que a cumpriremos.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa