SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Fervor billardeiro no templo dos Albariños
Set 23rd, 2014 by ofervedoiro

A alianza Liga Nacional de Billarda O Fervedoiro continúa imparábel sumando novos aliados á causa por todo o territorio do Umia. Van catro edicións do noso Aberto e a xulgar pola paixón amosada polos/as fieis que se achegaron o sábado aos Albariños este xa é un evento consagrado dentro do universo estornela.

A tropa do varal

A tropa do varal

Un ano máis até a aldea de Guimarei foron chegando as devotas e os devotos do varal para entregarse en corpo e alma á práctica deste deporte tradicional e vibrar cun novo e apaixoante Aberto de Billarda de Cuntis.

E por segundo ano consecutivo os/as da casa sairon a conquistar o torneo con afouteza e corazón, enchoupados/as da máxica poción amosaron dende o primeiro minuto que non estaban dispostos/as a perder a concentración a pesar do ambiente festivo que envolveu o esceario da batalla. Loitaron así até o final por alcanzar o ceo billardeiro e inscribir para sempre o seu nome no olimpo do varal.

Varado a varado e xunto a Pepe da Laracha e dous compoñentes de Suévia F.G., Guilhe e Odilo, presentáronse na gran final os locais Diego Magariños e Miguel Gontad. Este último, que facía o seu debút en competición, rematou por levarse o campionato a base de certeiros e bravos estouridos que o converteron no segundo palanador nado a beira do Gallo que se fai co mítico aberto cuntiense.

Abriron o evento as compañeiras e compañeiros de Suévia F.G. que nos achegaron as liñas mestras e a historia do fútbol gaélico nunha animada conversa antes do xantar de confraternidade. Xa na tarde o grupo de cantos de taberna Os Saljariteiros encheron de música a cita co varal. A elas e a eles, as compañeiras e compañeiros de Quinteiro do Umia, a Pepe da Laracha e a sua tropa que puxeron a nosa disposición todo o arsenal billardeiro que atesouran, a xente da LNB e a quen non puxo excusa por formar parte desta xornada agradecémoslles que apostaran por encumiar o IV Aberto de Billarda de Cuntis.

 Billarda sempre… alegre e combativa!

Para que non te perdas
Set 18th, 2014 by ofervedoiro

Aquí vos deixamos un mapa para facilitarvos a localización da Área dos Albariños. Nel sinálase unha das ruta que se pode percorrer dende o centro da vila do Baño dirección A Estrada, pola N-640. A menos de 3 Kms atópase o desvio cara a aldea de Guimarei, onde está a área recretiva. De todos xeitos, sinalizaremos a entrada do desvio da N-640 e na propia aldea para que sexa máis doado seguir a folla de ruta.

sinal d´Os Albariños

Vémonos no campo de batalla! Avante co Varal!

localización d´Os Albariños

localización d´Os Albariños

Xa está aquí o IV Aberto de Billarda
Set 16th, 2014 by ofervedoiro

Cartaz IV Aberto de Billarda (20.09.14)Un ano máis enfundámonos a casaca do activismo billardeiro para volver co firme impulso dos puños pechos a autoxestionar e coordinar a cuarta edición do Aberto de Billarda de Cuntis. Confirmamos así que dende aldea de Guimarei e para a toda bisbarra do Umia mantemos acceso o lume que no seu día prendeu a xente da LNB (Liga Nacional de Billarda) para rachar coa longa noite de pedra na que estaba mergullado este xogo tradicional e propagalo de novo por todo o país.

O verde d´Os Albariños formará parte, unha vez máis,  da paisaxe dunha nova xornada de varal e confraternidade. Coma nos vellos tempos a vontade popular fará posíbel revivir outra xornada para eses libros da historia que non ensinan nos colexios, esa mesma que escribe a xente do común e que endexamáis publicarán os herdeiros das belle époques.

O sábado 20 de setembro sobre este mítico espazo da aldea de Guimarei non só medirán as súas destrezas co varal os palanadores e as palanadoras chegados dende toda a comarca, a programación que se desenvolverá ao longo de toda a xornada festiva pretende ir máis alá:

  • A partir das 12.30 horas contaremos coa presenza das compañeiras e compañeiros de Suévia F.G. que nos van a dar a coñecer as regras básicas do Fútbol Gaélico, para logo poder gozar e mesmo participar dunha pequena exhición deste deporte que está a brotar de xeito imparábel por todo o país.
  • A partir das 14.30 horas será tempo para sentar ao redor da mesa e o mantel e xuntar forzas para logo disputar o Aberto de Billarda que se converterá no protagonista principal a partir das 16 horas. (Contacta con nós para facer a reserva do xantar: ofervedoiro@hotmail.com)
  • Logo da protocolaria entrega de premios e para pór o peche ao IV Aberto de Billarda contaremos coa música ao vivo do grupo de cantos de taberna “Os Saljariteiros”

Para acudir á chamada da forza do palán o único requisito esixido é deixarse levar pola tolemia que desprende o mítico teatro dos soños billardeiros cada vez que se engalana para a ocasión e que axuda de maneira máxica a facer bruar as billardas para que sobrevoen o campo dos Albariños.

Que non cho conten! Acude e participa na revolución do varal!

Spot do IV Aberto de Billarda
Set 11th, 2014 by ofervedoiro

Da man de Quinteiro do Umia  un ano máis chega as nosas pantallas o spot do IV Aberto de Billarda de Cuntis,  velaí o brutal estalo promocional!

 

IV Aberto de Billarda de Cuntis en marcha
Set 8th, 2014 by ofervedoiro

O mítico teatro dos soños billardeiros da aldea de Guimarei xa ten data para albergar o IV AbAvante co varalerto de Billarda de Cuntis: o sábado 20 de setembro a revolución do palán voltará centrar tódolos focos de atención sobre o verde dos Albariños. 
Estade atentxs porque comeza a conta atrás…

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa