SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Un petisco de Historia das nosas augas
Out 21st, 2014 by ofervedoiro

Este pasado sábado, 18 de outubro de 2014, cumpríronse 150 anos da poxa dos dereitos sobra as Augas Termais da vila do Baño (Cuntis). Por este motivo a Plataforma Veciñal Na Defensa Do Patrimonio Termal publicou o video que vos deixamos a continuación.

Na limpeza do Gallo
Out 7th, 2014 by ofervedoiro

Voluntariado en marcha

Voluntariado en marcha

Comezamos, no barrio da Ponte, a iso das 10:30 da mañá. Varios membros do Fervedoiro e un grupo constituído por voluntarias e voluntarias (algúns deles nenos) dirixímonos ao punto onde habitualmente realizamos as inspeccións anuais. Alí fóiselles explicando aos cativos que é o PH e que significa acadar determinados niveis de nitratos en disolución. Provistos do equipo de mostreo (cos tubos de ensaio, as pastillas indicadoras de determinadas concentracións), obtívose un nivel de PH 6,5 (o que sinala que temos unhas augas, as do río Gallo, lixeiramente ácidas), unha concentración de osíxeno diluído en auga de 4 miligramos por litro (mg/l). Este último é un indicador do grao de contaminación do líquido elemento. O ideal é que nos dese un nivel comprendido entre 7 e 12 mg/l, polo que a auga do Gallo non se atopa, dende ese punto de vista, demasiado osixenado, polo que non favorece a supervivencia de peixes e outros organismos. Outro dos parámetros fisico-químicos é o control de nitratos, elementos que aínda que indispensábeis para a vida animal en cantidades elevadas son moi perigosas. No tocante a este asunto deunos unha concentración de 5 mg/l.

Na zona inspeccionada (tramo que forma parte do noso proxecto “Arredor da Auga“) a auga tiña unha velocidade aproximada de 0,6 m/s, e tiña un nivel moi aceptable de diafanidade. Así mesmo constatouse a presenza de escumas en suspensión en distintos tramos inspeccionados (tanto en zona urbana como xa nas ribeiras rurais do río) amais de vertidos pequenos de aceites e outras substancias nocivas para o medio ambiente.
A continuación, procedeuse a retirar do leito do río lixo e restos inorgánicos daniños. Velaí que se puidesen extraer arames, plásticos, restos de electrodomésticos, elementos metálicos varios,… Porén non nos resultou posíbel extraer unha bicicleta que, por estar soterrada no río complicou a operación e non poucas uralitas. Destes últimos residuos informaráselle a administración local para que procedan a retiralos cos medios oportunos pois, como é ben sabido, estes produtos elaborados polo ser humano en base minerais metamórficos como o amianto (ou asbesto) poden producir no ser humano (e por extensión no dos animais) enfermidades moi perigosas. Como carcinóxeno que é o amianto pode ocasionar asbestose, cancro de pulmón ou mesoteliomas pulmonares.
A xeira remata sobre as 14:00 horas e, alén do datos recompilados e a inspección realizada, recolléronse aproximadamente 250 quilogramos de lixo, máis da metade do que se ten recollido noutras ocasións (onde foron recollidos 600 kilogramos de lixo).
Para nós, foi unha mañá moi gratificante pois puidemos comprobar como as vindeiras xeracións de nenas e nenos de Cuntis tamén se están a interesar en bo grao no estado de saúde destas augas que, por certo, son de todas e de todos.
Limpeza do Gallo
Out 2nd, 2014 by ofervedoiro

“Queremos uns ríos limpos, queremos poder disfrutar dos nosos sistemas fluviais e queremos concienciar á sociedade da necesidade de que estes estean ben conservados”. É así como se define a VII Limpeza simultánea, impulsada dende o Proxecto Ríos, e que oficialmente xa se levou a cabo na maior parte do país este pasado domingo 28 de setembro. 
Porén, o noso colectivo, que xa estivo presente en case que todas as edicións anteirores, vaino celebrar este vindeiro sábado, 4 de outubro, a partir das 10.30 horas. O punto de encontro será na rúa Bernardo Sagasta, a carón da Ponte.  
Cartaz da VII Limpeza Simultánea de Rios
Malia que coa realización deste tipo de actuacións e a concienciación e sensibilización da cidadanía logrou mellorar o aspecto dos ríos, aínda queda moitos residuos que degradan os nosos ecosistemas fluviais. Por iso volvemos, unha vez máis e as que fagan falla, a actuar na defensa e conservación do Río Gallo.  
Se queres ser  partícipe desta nova acción, da renovación dos ecosistemas que tamén son teus e de todos, só tes que nos enviar os teus datos (nome, apelidos e nº de DNI) ao noso enderezo electrónico: ofervedoiro@hotmail.com
Todas e todos facemos falla para mudar o aspecto da nosa contorna, todas e todos somos responsables. In situ, mediremos o PH do noso río, os niveis de Nitratos e Osíxeno, a velocidade das augas e identificaremos parte da fauna invertebrada existente. Noutro momento, recolleranse sólidos contaminantes que poidan estar no seu leito.
Porque nós si cremos nun outro mundo posible, nunhas outras augas máis limpas, nun mundo máis responsable e respectuoso co entorno e o medio ambiente.
 
Ponte as botas… e móllate polo Gallo!!!
»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa