SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
O seu exemplo é a mellor lección
Dec 18th, 2014 by ofervedoiro

Nun Estado no que as víctimas e os represaliados do fascismo xamais foron recoñecidos nin rescatada a súa memoria tócalle á sociedade consciente facer camiño e esixir Xustiza e recuperar as súas historias, que ao fin e o cabo é a historia da Democracia e os Dereitos Humanos.

Pois a Transición española xamais esixiu responsabilidades políticas polos crimes acontecidos durante a dictadura, nunca se depuraron os aparatos do Estado e os fascistas seguiron nos seus cargos e incluso moitos ascenderon, foron premiados e condecorados.

A pesar de que a desaparición é un crime de lesa humanidade que non prescribe nunca, en 76 anos non se xulgou nin un só caso deles; e perante esa impunidade son agora os xuíces arxentinos os que están a investigar os delictos cometidos polo franquismo.

É por esa razón que dende o noso colectivo non queiramos ser cómplices do silencio e esquecemento impostos, dende o compromiso e a solidariedade dedicamos ano tras ano un espazo dentro da nosa actividade para restabelecer a dignidade das persoas asasinadas e represaliadas dentro do concello de Cuntis e, por extensión, do pobo galego.

Antonio Caeiro na proxección d´A volta dos noveAsí foi como o sábado pasado tivemos ocasión de ver, e entender, o documental “A volta dos nove”, traballo de Antonio Caeiro no que recupera a historia de nove persoas que foron executadas por vinganza na zona do val Miñor; amosando un dos numerosos actos protagonizado polos pistoleiros falanxistas que tralo golpe de Estado de 1936 actuaron con total impunidade e escasa oposición na nosa terra.

E onte mércores percorremos as rúas e as prazas da vila do Baño con alumnos e alumnas do CPI don Aurelio de Cuntis, no que denominamos Roteiro da Memoria e que xa vimos realizando dende hai catro ano. A través deste percorrido recordamos parte da vida e obra de moitas das persoas represaliadas por defender a Democracia: persoas relevantes da cultura cuntiense e galegas (como Uxío Souto, Xohán Xesús González e Roberto Blanco Torres, entre outros), como xentes humildes, de oficios sinxelos e duros (como amas de casa, canteiros e labregos que sufriron presidio o fusil), ou incluso persoas do eido da educación que levaron igual fortuna entre reixas (mestres de Xinzo, Magán e Cuntis, entre outros). Recordouse a memoria tamén dos fuxidos, dos paseados, dos axustizados, dos condenados e dos que foron apuntados co dedo e burlados no antigo paseo da vergonza (que naqueles tempos de borralla e sangue discorría pola rúa da Presiña, onde estaba a prisión e a casa do Concello, a Praza do Ferrol e a rúa do Balneario).

Co alumnado do CPI don Aurelio durante o Roteiro da Memoria

Membros do equipo educativo do CPI de Cuntis puideron relembrar a historia do represaliado D. Aurelio Marcelino Rey García, mestre cuntiense que pasou polo campo de concentración franquista da Illa de San Simón e que hoxe é recordado nese centro de ensino que leva o seu nome, tal acontece coa circunvalación que discorre pola vila de Cuntis. En decembro, coma xa hai anos, no Fervedoiro rescatamos dos naufraxos da desmemoria o recordo das/dos demócratas (asasinadas/os ou represaliadas/os) que loitaron polos Dereitos humanos, pola República e pola Democracia.

Para nós o seu exemplo é a mellor lección, a voz dun exterminio lento e consentido onde se encolle o corazón pero xamais a dignidade.

A memoria da memoria
Dec 11th, 2014 by ofervedoiro

cartaz xornada 13.12.14

Memoria, dignidade e xustiza
Dec 9th, 2014 by ofervedoiro

Castigar aos opresores da liberdade é clemencia, perdoalos é barbarie.” Maximilien Robespierre.

Proxección A volta dos 9 O 15 de outubro de 1936 un grupo de falanxistas asasina na Enseada da Bombardeira, preto de Baiona, nove persoas (Felicísimo, O Ghonda, O Lijó de Corrubedo, O Rei Quiquito, Fidel, O Pelonio, O Ferreiro do Burgo, Generoso e Manuel Aballe), os máis deles mariñeiros e afiliados a sindicatos anarquistas. Días antes da matanza, dous irmáns, os Ineses, un anarquista da CNT e outro sindicalista da UXT, que vivían agochados dos falanxistas, deran morte a un garda civil cando os fascistas entraron na casa a detelos. No asalto morren os dous irmáns e outras dúas persoas que viven alí. Ademais, a vinganza dos falanxistas acaba coa vida destas outras nove persoas, que foron sacadas dos calabozos de Vigo. Porén, dende entón cada 15 de outubro aparecen no lugar, xa coñecido coma a Volta dos Nove, outras tantas cruces, unha por cada executado. Os franquistas tentaron saber quen as pintaba pero cada ano volvían aparecer as nove cruce pintadas para lembrar o sucedido.

Esta é a historia do documental “A volta dos nove”, que proxectaremos na biblioteca municipal “Roberto Blanco Torres” de Cuntis o vindeiro sábado 13 de decembro ás 12 horas. Unha peza máis que Antonio Caeiro achega ao sacrificado proceso de recuperación da Memoria Histórica. Ao remate da proxección teremos unha mesa redonda con Margarita Teijeiro (documentalista) e o propio Antonio Caeiro.

Pero esta non será a única actividade que O Fervedoiro desenvolverá ao longo deste mes da memoria. Outra das actividades, na que colabora o CPI Don Aurelio Marcelino Rey de Cuntis, terá lugar na mañá do mércores día 17 de decembro. Coma noutras edicións, a Memoria Histórica tamén chegará aos alumnos deste centro, polo que se fará un percorrido polos lugares máis emblemáticos ligados a esta temática. O periplo histórico discorrerá polo cemiterio municipal, a Circunvalación don Aurelio, as rúas Uxío Souto, Castelao, A Presiña,… a rúa Xohán Xesús González e Olimpio Arca, a igrexa parroquial, a Praza das Árbores, a rúa do Balneario, A rúa do Cruceiro (hoxe Bernardo Sagasta), e Trasponte,… Alén de persoas destacadas deste concello e vila fusiladas ou represaliadas tras o golpe militar de 1936 tamén achegará a listaxe de todas aquelas persoas cuntiense que pasaron polo campo de concentración da Illa de San Simón ou outros.

Haberá tempo para falar do escultor Uxío Souto, dos escritores Xohán Xesús González e Roberto Blanco Torres, e do mestre (que dá nome á circunvalación da vila e do CPI) Don Aurelio… O agrarismo, as publicacións locais e comarcais e o roteiro “Ho Chi Minh” (ruta clandestina pola cal se introducía publicidade de organizacións políticas durante a clandestinidade PSG, PC e UPG) han ser outros puntos a tratar.

Deste xeito, tal e como vimos facendo dende varios anos, colaboramos coa recuperación da nosa historia, da nosa identidade e da memoria, que ao fin e ao cabo e recuperarmos Dereito, Liberdade, Igualdade, Fraternidade, República e Democracia.

A volta dos nove
Dec 4th, 2014 by ofervedoiro

Dende 2011 cada mes de decembro o noso colectivo ten unha cita anual coa Memoria Histórica, sometida ao esquecemento e tan necesaria para entender moitos dos acontecementos do presente. 
O noso compromiso sigue firme e xa vos podemos ir adiantando que o sábado 13 de decembro ás 12 do mediodía teremos a proxección do documental “A VOLTA DOS NOVE”, un traballo de Antonio Caeiro.
Ao remate contaremos cunha mesa redonda na que participarán o director e Margarita Teijeiro, responsable de Documentación neste documental.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa