SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Quen defende o noso Patrimonio?
Mar 25th, 2015 by ofervedoiro

Remataron as obras que se viñan desenvolvendo na contorna da depuradora de Meira dende o verán de 2014 e as consecuencias para a zona resultan desoladoras.

lodos no último tramo dos Pasos O compromiso adquirido co noso colectivo, en xullo de 2014, pola empresa que efectuou a obra para a retirada dos lodos que ocultaban o último tramo dos Pasos, non foi executado. É máis, a simple vista pódese observar como unha das pedras que forma parte do conxunto etnográfico (de claro interese cultural e arquitectónico) aparece agora nunha nova posición que nada ten que ver coa inicial. Esta alteración fai moi perigoso empregrar os Pasos para sortear o río Gallo .

Ata o momento, o goberno local mantén a súa tradicional ausencia neste tema. Entendemos que o seu silencio dá por boas as actuacións que alí se realizaron e que en ningún momento chegaron a esixir as medidas oportunas para salvagardar o patrimonio de todas e todos nós.

O estado no que quedou o chan que forma parte da contorna da EDAR é outro testemuño máis da falta de interese amosado pola administración local. As rodeiras de camións e mesmo os cascallos que estragan o firme ameazan con agravarse coas primeiras choivas. Dúas novas tubaxes cara ao río Gallo, sen ningunha función aparente, póñenlle o ramo ao esperpento.

 Unha vez máis, os actos falan máis alto e claro que as palabras ou a ausencia delas. Resulta inexplicable o absoluto desprezo por parte do goberno local cara aos Pasos dende que comezáramos co proxecto “Arredor da Auga”. Plan que, entre outras actuacións, contiña a restauración e posta en valor deste conxunto de elevado interese, tanto é así que foi valorado por colaboradores da Real Academia Galega a comezos do século XX. A día de hoxe, despois destas obras, seguimos sen entender como é posible semellante desleixo cara a este  elemento arquitectónico. Máxime cando ben podía constituír unha das imaxes da promoción turística do noso concello. Como pode continuar a ser tratado con absoluta indeferenza por quen ten a obriga de velar pola súa conservación?

Agardamos respostas e, sobre todo, actuacións. Non á pasividade!

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa