SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Amor ao noso
Set 29th, 2015 by ofervedoiro

Pola fresca deu comezo a intensa xornada que programamos desta volta arredor do Aberto de Billarda. Porque houbo tempo e espazo para todo; dende primeira hora mollámonos polo Gallo, logo veu o xantar popular e xa pola tarde comezou o espectáculo do varal que ocupou boa parte da xornada vespertina e que rematou caendo a noite no fermoso espazo da aldea de Guimarei.

Do río Gallo extraemos unha boa morea de refugallos no tramo que vai dende os Albariños até a ponte do Portodegómez. En máis de dúas horas unha vintena de voluntarias e voluntarios percorremos o río e as súas beiras colaborando nesta limpeza ecolóxica e respectuosa dos sistemas fluviais, que parte da iniciativa coordinada dende Adega para todo o país e que vai xa pola oitava edición da chamada Limpeza Simultánea de Ríos.

Parte do equipo de Limpeza

Parte do equipo de Limpeza

Despois de mollarnos polo Gallo o punto de mira xa estaba posto no gran evento que a tarde nos tiña reservado; o V Aberto de Billarda de Cuntis. E antes do xantar xa houbo quen practicou sobre o verde dos Albariños na procura de afinar o mellor posible a súa puntería, grazas a que o gran Xosé Collazo da Laracha, un luxazo coma sempre contar coa súa presenza, trouxo canda si paláns, billardas e todo o arsenal necesario para delimitar o terreo de xogo.

acción sobre o verde dos Albariños

A partir das 14.30 xuntámonos ao redor da mesa para coller folgos e compartir conversas, achegábase o V Aberto de Billarda e con él da man acudíu a chamada xente da comarca do Umia e tamén a sección de Marín capitaneada por Luis Camiña que horas máis tarde ía levarse un desputadísimo Aberto cuntiense.

Preto de trinta participantes ofreceron o mellor de sí sobre o mítico teatro dos soños billardeiros dos Albariños. Ás 16.30 deuse o pistoletazo de saída, cuspe nas mans para coller con forza e destreza o palán e facer bruar as billardas na procura da gloria. A partir da primeira toma de contacto xa non houbo concesións, a competición foi gañando en emoción a medida que avanzaban as eliminatorias, pero sobre todo grazas o altísimo nivel que vai alcanzando ano tras ano este Aberto. A xente da casa vendeu moi cara a súa derrota, proba diso foi que xunto aos forasteiros Luis Camiña e Xosé Collazo tres palanadores nados a beira do Gallo chegaron a gran final (Miguel Gontad ,campión do IV Aberto de Billarda, Diego Magariños e Dani Torres “Chori”) e fixeron traballar arreo aos experimentados rivais, loitando ata o último suspiro pola victoria que finalmente levaría Luis Camiña. Acompañárono no podium Xosé Collazo e o aborixe Dani Torres “Chori”.

O peche do campionato púxose coma de costume coa tradicional entrega do trofeo ao campión e a foto de familia. Logo coa música acompañando houbo tempo ata que caeu a noite para comentar anécdotas do Aberto e outras historias de amor ao noso.

Así foi como trascorreu unha xornada máis de confraternidade, festa e reivindicación. Con poucos máis recursos que a iniciativa e compromiso deste colectivo que procura nas alianzas con outras entidades, como foron desta volta Adega e a LNB, manter vivo o “verdadeiro heroismo“; “trocando os anceios en realidades e as ideas en feitos“.

Billarda sempre alegre e combativa!

Folla de ruta para o Aberto
Set 25th, 2015 by ofervedoiro

Aquí vos deixamos un mapa para facilitarvos a localización da Área dos Albariños. Nel sinálase unha das ruta que se pode percorrer dende o centro da vila do Baño dirección A Estrada, pola N-640. A menos de 3 Kms atópase o desvio cara a aldea de Guimarei, onde está a área recretiva. De todos xeitos, sinalizaremos a entrada do desvio da N-640 e na propia aldea para que sexa máis doado seguir a folla de ruta.

sinal d´Os Albariños

Vémonos no campo de batalla! Avante co Varal!

localización d´Os Albariños

localización d´Os Albariños

Xa queda pouco…
Set 23rd, 2015 by ofervedoiro

Este sábado voltamos  invadir Os Albariños!

Este sábado voltamos invadir Os Albariños!

Quinteiro do Umia mantense fiel a festa billardeira
Set 22nd, 2015 by ofervedoiro

Non podía faltar a colaboración, sempre espectacular, do Quinterio do Umia co Aberto de Billarda de Cuntis.

V Aberto de Billarda de Cuntis
Set 17th, 2015 by ofervedoiro

Setembro é sinónimo de billarda na nosa terra dende fai un lustro. Cumprindo coa tradición a cita co varal celebrará o V Aberto de Billarda de Cuntis o sábado 26 de setembro sobre o mítico verde dos Albariños (Guimarei).

Tropa da cuntiense da estornela na edición 2014

Billarda 2014

Festividade, confraternidade e reivindicación non faltarán a carón do Gallo para recibir unha nova xornada que contará coa seguinte axenda:

  • por vez primeira encadraremos a Limpeza Simultánea de Ríos, impulsada por Adega, dentro da programación do Aberto. Así ás 11 da mañá partiremos dende o campamento base dos Albariños río abaixo para retirar todo o lixo que atopemos colaborando coa finalidade desta actividade: concienciación da sociedade e conservación da saúde dos nosos ríos.
  • a partir das 14.30 tempo para sentar ao redor da mesa e xuntar forzas para a desputa do V Aberto de Billarda que será o protagonista a partir das 16.30 previo quecemento sobre o terreo de xogo. (para facer a reserva do xantar contacta con nós: ofervedoiro@hotmail.com)
  • e para poñer o peche a xornada, logo da protocolaria entrega de premios e recoñecementos ao mellor palanador ou palanadora da tarde, convidamos a todas aquelas persoas que desexen achegarse co seu instrumento a sumarse a foliada billardeira. Uníndose así a tribo estornela nesta mestizaxe de billarda e festa rachada, que non se entenderían xamais a unha sen a outra.

Non dubidedes, achegádevos o sábado 26 e facede parte desta nutritiva costume que é sermos nós, xogar ao noso, “billardear”, alimentarse, cantar e bailar.

 

Billarda sempre alegre e combativa!

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa