SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Presentación de Verbo Na Arria
Maio 2nd, 2016 by ofervedoiro

O vindeiro sábado 7 de maio a partir das 20.30 horas terá lugar na Casa da Cultura “Roberto Blanco Torres” da vila do Baño (Cuntis) a presentación pública do libro homenaxe a Xohán Xesús González titulado Verbo na Arria

Cartaz presentaciónNeste traballo –ademais de facermos un repaso pola vida, obra, creacións culturais e políticas dese personaxe cuntiense– medio cento de persoas entregan as súas achegas para lembrar os 120 anos do nacemento do canteiro, mestre, xornalista, escritor e político que foi quen de protexer Compostela –xunto co Terzo de Calo– no levantamento fascista de 1936. O libro, aínda que rematado o pasado ano, imprímese no actual, polo que debemos consideralo unha obra de 2015 (tal e como aparece no ISBN).

Todos os apartados do libro están rotulados no Verbo Xido (fala gremial dos arghinas ou canteiros) pois, como se sinalou, Xohán Xesús González pertenceu a ese gremio de traballadores da pedra.

Moitas foron as entidades que colaboraron –dun ou doutro xeito– nesta obra,  facilitándonos a reprodución de materiais dos seus fondos documentais ou achegando axudas e/ou orientacións: A Falculdade de Letras da Universidade de Coimbra, a Biblioteca Penzol (Vigo), o Seminario de Estudos Galegos (Compostela) a Biblioteca Xeral da USC, a Biblioteca de Xeografía e Historia (USC) e o Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela; o Museo de Pontevedra, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e o Arquivo do EuskoTren / Burnibidearen Euskal Museoa.Tamén colaboran os concellos de Cuntis (municipio no que nace Xohán Xesús González) e Compostela (no que falece). Tampouco nos podemos esquecer de edicións Nympharum, a Asociación Cultural O Meigallo e o proxecto comunicativo O Quinteiro do Umia.

Esta obra, publicada a toda cor, sae dende o tórculo de Edicións Fervenza e conta cunha marabillosa maquetación realizada por Martiño Picallo quen, a parte, e autor dalgúns textos. Coordinada pola asociación O Fervedoiro, Verbo na Arria comezou a se forxar no ano 2009, cando este colectivo lle rende unha homenaxe poética a Xohán Xesús González e inaugura unha exposición antolóxica sobre del. Sete anos máis tarde, e logo de teren colaborado algo así como cen persoas, sae á luz Verbo na Arria, que conta cun limiar de Marcos Seixo (un dos biógrafos de Xohán Xesús González), cunha lámina do artista Manuel Fragoso, e unha maré de medio cento de poetas que participaron coas súas propias composicións: Vicente Araguas, Maka Arca, Olimpio Arca Caldas, Romina Bal, Helen E. Bertels, Ramón Blanco, Marica Campo, Marta Dacosta, Manoele de Felisa, Suso Díaz, Luz Fandiño, Xoán Xosé Fernández Abella, Baia Fernández de la Torre, Modesto Fraga, Xosé Lois García, Fuco Gómez Fontes, Fernando González Graña, Baldomero Iglesias, Yolanda López, Xulio López Valcárcel, Miguel Louzao Outeiro, Xosé Luna, Xosé Luís Méndez Ferrín, Vanessa Míguez Bouzas, Alexandre Nerium, Ramón Neto, Lucía Novas Garrido, David Otero, Seném Outeiro, Carlos Penela, Héitor Picallo, Martiño Picallo Fontes, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, Lorena Rei Noia, Eli Ríos, Elvira Riveiro Tobío, Lara Rozados, Susana Sánchez Aríns, Xosé Luís Santos Cabana, Uxía Seixo, Nieves Soutelo, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor, Rocío Viéitez, Ramón Vilar Landeira, Miro Villar, Helena Villar Janeiro e Ana Vispo.

Tamén se reproducen tres composicións que se lle dedican a Xohán Xesús González en vida: unha do seu amigo e conterráneo Manuel Mesejo Campos, outra José Márquez Peña e a última de Ramón Martínez López.

Book Trailer XXG

 

Na presentación deste sábado teremos ocasión de visualizar en primicia o book-trailer que sobre a vida de Xohán Xesús crearon as compañeiras e compañeiros do Quinteiro, proxecto comunicativo da comarca do Umia. Durante cinco meses e coa participación de ducias de veciñas e veciños de toda a comarca, desenvolveuse unha rodaxe atípica con respecto aos traballos habituais do colectivo. O emprego de planos aéreos mediante drones, de planos en movemento e de efectos dixitais na posprodución sinalan o pulo cara a unha maior calidade e tamén o apoio desinteresado de empresas audiovisuais amigas que o fixeron posible. Un traballo que terá a sua continuidade nun documental específico e que pretende mergullarnos na vida e no tempo de Xohán Xesús González.

Ademais, tamén se ha colocar a exposición Xohán Xesús González: Porta dun Futuro Proletario.


Comments are closed

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa