SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Mil setembros máis para o Aberto de Cuntis
Set 28th, 2016 by ofervedoiro

A aldea de Guimarei rexistrou un alto movimento dende as 11 horas, era a primeira convocatoria da programación do sábado e conseguíu reunir a 14 voluntarias e voluntarios que tomaron o río por asalto para actuar no tramo que pasa pola contorna dos Albariños.  Foi un dos anos nos que menos refugallos se atoparon, seguramente grazas a que ese mesmo lugar xa fora obxecto da limpeza do pasado ano. Aínda así, desta volta recolléronse ao redor de 150 kg de todo tipo de materiais. Maila que xa case ninguén considera os ríos coma vertedoiros non deixa de sorprendernos tanto a variedade como a cantidade de elementos extraños ao hábitat fluvial que levamos retirado do Gallo en todo este tempo.

Parte do equipo de limpeza fluvial

Parte do equipo de limpeza fluvial

A partir das 14.30 horas foi tempo para o xantar, momento de repoñer forzas e compartir conversas. Era a previa ao Aberto e fóise notando no contínuo goteo de palanadores e palanadoras que ían chegando dende o Salnés, Marín ou Bueu para a desputa do clásico aberto do setembro cuntiense.

A sexta edición non defradou nin a propios nin a extraños e tivo un nivel de altura. Congregou a 32 participantes e entre outros atopábanse varias das estrelas do universo do varal como Luis Camiña, Xosé Collazo ou Pirucha. Os combatentes forasteiros non deron opción aos locais, estes últimos non foron quen de colarse nas últimas eliminatorias faltos da rodaxe que si teñen e así amosaron os que se achegaron dende máis alá do Umia.

O máis certeiro nos seus golpeos resultou ser Ricar de Bueu, un descoñecido por estas latitudes, que xa apuntou maneiras dende o inicio do Aberto con golpes certeiros que unidos a regularidade amosada ao longo da tarde levárono a acadar unha merecida victoria final.
A pesar de que o día ameazou choiva por moitos momentos esta non fixo acto de presenza ata o desenlace do campionato. E nen así os bravos competidores abandoaron a loita sobre o verde dos Albariños para deixar escrito o seu nome na historia do teatro dos soños billardeiros de Guimarei.
A tropa do varal na VI edición do Aberto de Cuntis

A tropa do varal na VI edición do Aberto de Cuntis

Queremos agradecer dende aquí a colaboración de ADEGA, que traballa incansábel para que en todo o país se realice a xornada de limpeza de Ríos, ao concello de Cuntis pola atención e colaboración e a todas e todos as/os que fixestes un oco no voso tempo para compartir canda nós esta xornada inesquecíbel.
Mención aparte para Xosé Collazo, o noso agradecemento infinito o comandante da Laracha que sempre se presta para botar unha man na organización. Sen a súa maxistral dirección a tropa do varal non tería convertido o torneo cuntiense nun aberto referencial para todo o país.
Mil setembros máis para o Aberto de Cuntis!
Avante co varal! Billarda sempre!
Como chegar aos Albariños?
Set 21st, 2016 by ofervedoiro

Aquí vos deixamos un mapa para facilitarvos a localización da Área dos Albariños. Nel sinálase unha das ruta que se pode percorrer dende o centro da vila do Baño dirección A Estrada, pola N-640. A menos de 3 Kms atópase o desvio cara a aldea de Guimarei, onde está a área recretiva. De todos xeitos, sinalizaremos a entrada do desvio da N-640 e na propia aldea para que sexa máis doado seguir a folla de ruta. Recorda que temos actividades dende as 11 horas, toda a info: http://ofervedoiro.blogaliza.org/2016/09/19/vi-aberto-de-billarda-de-cuntis/

sinal d´Os Albariños

Vémonos no campo de batalla! Avante co Varal!

localización d´Os Albariños

localización d´Os Albariños

VI Aberto de Billarda de Cuntis
Set 19th, 2016 by ofervedoiro

VI Aberto de Billarda de Cuntis

De novo no setembro cuntiense escoitarase o bruar da estornela da man do Aberto de Billarda de Cuntis, que vai pola sexta edición. Enchendo de vida unha vez máis o verde dos Albariños para convertelo nun espazo de encontro irmandiño que esnaquiza o aramio de espiños que acota cada estalo de creatividade individual e colectiva deste país.

A billarda non reflexionará o día sinalado pola xunta electoral pois xa ten moi claro o que quere. Ao igual que o palanador que encara con paso firme cada terreo de xogo do país para espallar o noso deporte nacional e lanzar así a inequívoca mensaxe de pertenza a nosa tribo.

Antes de amosar a destreza co palán, que queda para despois do xantar, será na sesión de mañá cando os pés sufran coa camuflaxe do plástico para habilitar as mans na procura do lixo despositado nas augas do río Gallo, ao seu paso pola contorna do Albariños. Esta actividade está encadrada na Limpeza Simultánea de Ríos impulsada por Adega. Adiantarémonos á cita oficial, que será o domingo 2 de outubro en todo o país, para poder encadrala na progamación da xornada billardeira.

E así voltaremos a unir festividade, confraternidade e reivindicación a carón do Gallo:

  • a partir das 11 horas comezaremos coa limpeza do río na área dos Albariños limpando o tramo do río que atravesa por alí.
  • ás 14.30 tempo para sentar ao redor da mesa e xuntar forzas para a xornada vespertina billardeira (para facer a reserva do xantar contacta con nós: ofervedoiro@hotmail.com)
  • e as 16:30 o VI Aberto de Billarda que será o protagonista, previo quecemento sobre o terreo de xogo.

Achégate o sábado 24 a Guimarei e acepta o reto do varal!

 

Billarda sempre alegre e combativa!

80 ANIVERSARIO SEN XOHÁN XESÚS
Set 6th, 2016 by ofervedoiro

Cúmprense 80 anos do fusilamento de Xohán Xesús González a mans dos golpistas no cemiterio de Boisaca. O 12 de setembro do infame 36, as balas dos fascistas remataron coa súa vida, con apenas 41 anos foi fusilado no cemiterio compostelán xunto a varios dos seus compañeiro do Terzo de Calo.

É por iso que a nosa asociación quere renderlle unha nova homenaxe ao pé da súa campa sepulcral. Será este vindeiro domingo 11 de setembro cando realizaremos no cemiterio de Sta. María de Cequeril (Cuntis) unha ofrenda floral e recital poético en recordo ao canteiro e escritor cuntiense. Ás 11.30 horas sairemos dende diante da casa do concello de Cuntis cara Cequeril.

Posteriormente participaremos dun xantar, para o que cómpre reserva antes do xoves 8. Terá un custo aproximado de 15€ e para asistir deberase contactar connosco a través do noso facebook ou no seguinte enderezo electrónico: ofervedoiro@hotmail.com

Na honra Xohán Xesús no 80 aniversario da súa morte

Xohán Xesús naceu nunha humilde familia no lugar de Sevil (Cuntis) en 1895 e traballou como canteiro antes de comezar a súa formación académica. Estudou na Escola Normal de Compostela para se facer mestre. Posteriormente tamén se converteu nun prestixioso avogado con despacho no número 46 da Rúa Nova. Como escritor debemos salientar o poemario Agarimos; as novelas Ana María, A Modelo de Paco Asorey ou A Filla da Patrona; os ensaios Hacia una morfología de la vida gallega, En pé campesiños ou Regionalismo, nacionalismo, separatismo, entre outros…, salientou tamén no xénero dramático no que se introduciu a través dos grupos de teatro Universidad e La Raza. Tamén propuxo o nacemento dunha compañía teatral galega. Foi autor das obras en galego Carmiña e Felisa; tamén de Isaura no quiso pecar, en castelán.

Foi un importante loitador polos dereitos da muller na súa época e un defensor de todo o relacionado coa lingua e a cultura galega.  Reclamou a necesidade dun  Estatuto para Galiza e consagrou a súa vida ao movemento obreiro, campesiño e a prol do dereito a decidir libremente do pobo galego. Foi cofundador da libraría Niké (na que se vendían libros ao prezo que o cliente estimara), solicitou a creación dunha residencia para estudantes na Universidade, figurou entre as adesións á proposta do nacemento da Asociación de Escritores Gallegos e da Asociación de Prensa de Santiago. No eido xornalístico foi un importante colaborador na prensa tanto galega como estatal e da emigración, así como correspondente e redactor de importantes xornais da capital galega. Tamén fundou e dirixiu entre 1927 e 1933 os xornais El País Gallego e Amañecer. Figurou durante un tempo como afiliado do PSOE, organizou a Agrupación Nazonalista Compostelana, creou a Unión Socialista Galega (USG) e constituiu a Asociación de Estudos Socialistas no ano 1932. Tamén foi  cofundador e directivo de Izquierda Republicana (IR) e de Vanguardia de Izquierda Republicana (VIR). A súa actividade política poderiámola definir perfectamente coas palabras do seu amigo Raimundo García Domínguez (Borobó) : “proteico facedor de partidos“.

Por desgraza, coma tantos outros sufríu a barbarie, e logo de fundar o Terzo de Calo para loitar contra o golpe militar, o 12 de setembro de 1936  foi fusilado xunto a varios compañeiros no cemiterio de Boisaca.

Aínda se lle ouve bater na pedra, escoitamos o cicel que rabuña a laxe da desmemoria!

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa