SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
80 ANIVERSARIO SEN XOHÁN XESÚS
Setembro 6th, 2016 by ofervedoiro

Cúmprense 80 anos do fusilamento de Xohán Xesús González a mans dos golpistas no cemiterio de Boisaca. O 12 de setembro do infame 36, as balas dos fascistas remataron coa súa vida, con apenas 41 anos foi fusilado no cemiterio compostelán xunto a varios dos seus compañeiro do Terzo de Calo.

É por iso que a nosa asociación quere renderlle unha nova homenaxe ao pé da súa campa sepulcral. Será este vindeiro domingo 11 de setembro cando realizaremos no cemiterio de Sta. María de Cequeril (Cuntis) unha ofrenda floral e recital poético en recordo ao canteiro e escritor cuntiense. Ás 11.30 horas sairemos dende diante da casa do concello de Cuntis cara Cequeril.

Posteriormente participaremos dun xantar, para o que cómpre reserva antes do xoves 8. Terá un custo aproximado de 15€ e para asistir deberase contactar connosco a través do noso facebook ou no seguinte enderezo electrónico: ofervedoiro@hotmail.com

Na honra Xohán Xesús no 80 aniversario da súa morte

Xohán Xesús naceu nunha humilde familia no lugar de Sevil (Cuntis) en 1895 e traballou como canteiro antes de comezar a súa formación académica. Estudou na Escola Normal de Compostela para se facer mestre. Posteriormente tamén se converteu nun prestixioso avogado con despacho no número 46 da Rúa Nova. Como escritor debemos salientar o poemario Agarimos; as novelas Ana María, A Modelo de Paco Asorey ou A Filla da Patrona; os ensaios Hacia una morfología de la vida gallega, En pé campesiños ou Regionalismo, nacionalismo, separatismo, entre outros…, salientou tamén no xénero dramático no que se introduciu a través dos grupos de teatro Universidad e La Raza. Tamén propuxo o nacemento dunha compañía teatral galega. Foi autor das obras en galego Carmiña e Felisa; tamén de Isaura no quiso pecar, en castelán.

Foi un importante loitador polos dereitos da muller na súa época e un defensor de todo o relacionado coa lingua e a cultura galega.  Reclamou a necesidade dun  Estatuto para Galiza e consagrou a súa vida ao movemento obreiro, campesiño e a prol do dereito a decidir libremente do pobo galego. Foi cofundador da libraría Niké (na que se vendían libros ao prezo que o cliente estimara), solicitou a creación dunha residencia para estudantes na Universidade, figurou entre as adesións á proposta do nacemento da Asociación de Escritores Gallegos e da Asociación de Prensa de Santiago. No eido xornalístico foi un importante colaborador na prensa tanto galega como estatal e da emigración, así como correspondente e redactor de importantes xornais da capital galega. Tamén fundou e dirixiu entre 1927 e 1933 os xornais El País Gallego e Amañecer. Figurou durante un tempo como afiliado do PSOE, organizou a Agrupación Nazonalista Compostelana, creou a Unión Socialista Galega (USG) e constituiu a Asociación de Estudos Socialistas no ano 1932. Tamén foi  cofundador e directivo de Izquierda Republicana (IR) e de Vanguardia de Izquierda Republicana (VIR). A súa actividade política poderiámola definir perfectamente coas palabras do seu amigo Raimundo García Domínguez (Borobó) : “proteico facedor de partidos“.

Por desgraza, coma tantos outros sufríu a barbarie, e logo de fundar o Terzo de Calo para loitar contra o golpe militar, o 12 de setembro de 1936  foi fusilado xunto a varios compañeiros no cemiterio de Boisaca.

Aínda se lle ouve bater na pedra, escoitamos o cicel que rabuña a laxe da desmemoria!


Comments are closed

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa