SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Nós
Outubro 19th, 2006 by ofervedoiro

O Fervedoiro 

Constituímos un colectivo para encher un espazo que ao noso entender se atopaba totalmente baleiro no pobo. A opinión libre, a crítica construtiva, as reivindicacións pacíficas, a defensa dos nosos intereses, a creatividade cultural, a participación activa e as iniciativas cidadás son termos que pretendemos que vaian ligados ao proxecto que vimos de botar a andar. Por suposto, estamos abertos a quen queira achegarse e facer algo na defensa duns principios que nos sentaron arredor dunha mesa.

 

Mais na práctica, “O Fervedoiro” non nace da nada. Moitos dos que aquí estamos coincidimos xa cando criamos que non podiamos ficar quedos perante o que para nós, e para a maioría dos veciños de Cuntis –como logo se demostrou- eran verdadeiros atropelos. Esta veciñanza rachou con esa imaxe que acotío se quere vender do pobo galego sumiso, calado, pouco dado a protestar ou a non concordar cos que mandan. Rachamos con ela cando vimos que uns intereses privados e máis dunha escura manobra remataba cun ben público en mans da despiadada bañeira do capital. Movémonos daquela, e movémonos tamén cando o Campo da Feira deixou de ser sé oficial da xuntanza do pobo que durante catro días ao ano fai esquecer enfrontamentos, desputas e liortas. Hai un ano, tamén erguemos a nosa voz respondendo unicamente a un motivo, que é o mesmo que nos guía tamén agora: cremos que debemos facelo, non acreditamos na pasividade!! E non vemos razón para deixar de protestar, porque entendemos que, agora mesmo, temos motivos para facelo todos os días.

 

A sociedade, que sempre vai por diante dos que din representala, é a que fai espertar do seu sono aos pobos que tras longas noites de pedra precisan da forza dos seus fillos. “O Fervedoiro” pretende ser a contribución de Cuntis a ese espertar, a esa cotiá defensa e promoción da cultura e da lingua, do meio ambiente, das liberdades acadadas e por acadar, da dignificación e recuperación de figuras que o merecen, de persoeiros que antes ca nós iniciaron un camiño do que non nos van afastar nin con golpes, nin con paseos, nin con intentos de golpes, nin con marés negras ou azuis, nin con lumes, nin con verdes billetes que mercan quentes augas, nin con monstruosos encoros que matan ríos… Ao igual ca noutras vilas e comarcas do país, aquí cóntase xa cun colectivo organizado e activo en prol duns trazos compartidos polos seus membros. Malia isto, non se agocha a pluralidade e as diversas visións dunha mesma cousa que no seo da Asociación se poden atopar. Existe o debate, e cremos que só iso xa é novidade.

 

Queremos concienciarnos, e concienciar, de que debemos respectar o noso patrimonio histórico, artístico, etnográfico, etc., porque é a herdanza colectiva de todos e todas. E sabemos que temos en fronte a quen non ten escrúpulos á hora de pasar por enriba del para amañar uns cartos que troca por dignidade.

 

Queremos potenciar o respecto ao noso urbanismo, criticando actuacións que vaian contra a estética de prazas, vivendas ou construcións emblemáticas da nosa arquitectura. Cremos que o urbanismo é a nova arma de destrución masiva que os gobernantes teñen nas súas mans e que moitos deles, en perfecta simbiose con grandes empresarios, non dubidan en utilizar. E o noso país é un dos seus principais obxectivos…

 

Queremos traballar pola recuperación da memoria e dignificación de figuras merecentes que loitaron por ideas semellantes ás que ferven entre nós e por liberdades das que hoxe todos gozamos. Dende os grandes coñecidos e moi merecidamente homenaxeados, coma Alexandre Bóveda ou Moncho Reboiras, até os máis esquecidos, coma Xohán Xesús González, teñen que estar presentes. Porque para entender o presente é necesario coñecer o pasado.

 

Queremos colaborar na protección da nosa riqueza medioambiental, dos nosos ríos, das nosas rías, do noso mar, das nosas augas en xeral (tanto frías coma quentes), dos nosos montes… Porque non estamos dispostos a mirar para outro lado mentres lumes en terra e asfaltos no mar mudan a Galiza verde e azul pola negra.

 

Queremos estar alí onde se vexan ameazados os ben públicos, para unha e mil veces, dicir “a nosa terra é nosa

 

E moi especialmente, queremos contribuir na normalización da nosa lingua. Queremos axudar no lento e trabado proceso normalizador que dunha vez por todas nos permita vivir plenamente en galego, dende que nos erguemos até que nos deitamos, e incluso cando soñamos. Non podemos calar cando a ignorancia aparece para someter o noso idioma, para consideralo inferior ou inútil á hora de desenrolar calquera tipo de actividade, para dirxirse a calquera, para escribir o que sexa. Porque é o noso principal feito diferenciador, porque é o sostén da nosa identidade nacional e porque unha parte aínda minúscula dos nosos impostos está adicada á súa promoción. E segue habendo administracións, e administradores, que a negan no exercicio da súa función pública. Porque segue a haber demagogos, féridos e escuros, que lle botan a culpa de ser unha traba á hora de evitar os lumes. Porque segue a haber quen cobra cartos públicos por espetar sinais ou editar carteis que din “San Mamed“, “La Coruña“, “Sanjenjo“, “Caldas de Reyes“, “Orense” ou “La Estrada“.

 

Estes son os nosos principios, pero se non lles gustan …non temos outros! Sentímolo. A auga que estivo a quencer, ferve agora. O noso nome, o que vai asinar as nosas actuacións, protestas, reclamacións, os nosos acertos e os nosos erros, cremos que é máis ca representativo da nosa vila. Recoñécennos fóra porque auga quente saía da terra para curar, de balde, doenzas varias. E precisamente por aí ferveu un dos movementos populares máis contundentes, e á vez ignorados, que se deron na contorna. Uníunos e demos en escoller este nome para estar hoxe aquí.

 

 

 


Comments are closed

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa