SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
A recuperación dunha figura histórica: Xohán Xesús González
Xuño 27th, 2007 by ofervedoiro

Xohán Xesús GonzálezXohán Xesús González nace nunha humilde familia no lugar de Sebil (Cuntis) en 1895 e traballa como canteiro antes de comezar a súa formación académica. Estuda na Escola Normal de Compostela para se facer mestre. Posteriormente converteríase nun prestixioso avogado con despacho no número 46 da Rúa Nova. Como escritor debemos salientar o poemario Agarimos; as novelas Ana María, A Modelo de Paco Asorey ou A Filla da Patrona; os ensaios Hacia una morfología de la vida gallega, En pé campesiños ou Regionalismo, nacionalismo, separatismo, entre outros…, destacaría tamén no xénero dramático, introducíndose no mesmo cos grupos de teatro Universidad e La Raza, e propón o nacemento dunha compañía teatral galega. É autor das obras en galego Carmiña e Felisa; tamén de Isaura no quiso pecar, en castelán. Sábese, asimesmo, que varios títulos quédanlle sen publicar nin representar.

Foi un importante loitador polos dereitos da muller na súa época, un defensor de todo o relacionado coa lingua e a cultura galega como testemuños da nosa identidade nacional, reclamou a necesidade dun bo Estatuto para Galiza, é cofundador da libraría Niké (na que se vendían libros ao prezo que o cliente estimara), solicita a criazón dunha residencia para estudantes na Universidade, figura entre as adesións á proposta do nacemento da Asociación de Escritores Gallegos e da Asociación de Prensa de Santiago. No eido xornalístico é un importante colaborador na prensa tanto galega como estatal e da emigración, así como correspondente e redactor de importantes xornais da capital galega. Tamén funda e dirixe entre 1927 e 1933 os xornais El País Gallego e Amañecer. Figura durante un tempo como afiliado do PSOE, organiza a Agrupación Nazonalista Compostelana, crea a Unión Socialista Galega (USG) e constitúe a Asociación de Estudos Socialistas no ano 1932, é cofundador e directivo de Izquierda Republicana (IR) e de Vanguardia de Izquierda Republicana (VIR). A súa actividade política poderiamola definir perfectamente coas palabras do seu amigo Raimundo García Domínguez (Borobó) : “proteico facedor de partidos“.

Por desgraza, coma tantos outros sufríu a barbarie, e logo de fundar o Terzo de Calo para loitar contra o golpe militar, o 12 de setembro de 1936 (aínda sen cumprir os 41 anos) é fusilado xunto a varios compañeiros no cemiterio de Boisaca.

O traballo pola recuperación da súa figura comezaba coa proposta veciñal (apoiada por importantes persoeiros e institucións da cultura e da sociedade galega e asumida posteriormente polo Fervedoiro xa formalmente constituído) para outorgarlle o seu nome ao Centro Sociocultural do Espadenal, que foi declinada polo Concello de Cuntis decidindo nomear a rúa na que se localiza o edifio co nome do avogado de Sebil. A execución deste acordo producíuse o pasado mes de abril (2007) malia ser tomado case dous anos antes.

O Fervedoiro rexistrou o 20 de xullo de 2006 no Concello de Compostela unha solicitude para que se lle conceda o seu nome a unha rúa na capital de Galiza. Cremos que moitos son os méritos para que este cuntiense de nacenza, mais compostelán de corazón, reciba esta merecida homenaxe no marco da declaración deste 2006 como Ano da Memoria.

Case un anos despois, o 6 de xuño de 2007, O Fervedoiro remítelle á RAG a proposta para que esta brilante figura das Nosas Letras, da Nosa Cultura e da Nosa Historia sexa homenaxeada no Día das Letras Galegas, unha das maiores honras que a nivel nacional se lle pode render a un persoeiro histórico tan merecente dela como o é Xohán Xesús González.

En relación coa primeira iniciativa, a da rúa en Compostela, o Concello da capital galega recoñecéulle este mérito o 29 de novembro de 2007. Ao tempo ca outros insignes nomes como Avelino Pousa Antelo ou Isaac Díaz Pardo, Xohán Xesús González inscribía o seu nome no rueiro compostelán ao serlle concedido o seu nome a unha nova rúa. A primeira iniciativa dende o nacemento do Fervedoiro víase cumprida!


Comments are closed

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa