>>>ESPECIAIS: A construción do Encoro do Umia e a loita veciñal de oposición
A construción ilegal do Encoro do Umia, xunto a todas as irregularidades que levou consigo, é sen dúbida unha das aberracións medioambientais máis irracionais que se teñen visto nos últimos tempos neste pais. Foi unha das tantas manobras ditatoriais do "Goberno Fraga" mais esta co
agravante de atoparse coa contundente oposición veciñal que por todos os medios loitou contra a administración para defender o seu río e as súas terras. Porén, e como non podía ser doutro xeito tendo en conta os gobernantes dos que falamos, foi desouvida e contestada con prepotencia e cunha violencia policial propia doutros tempos.
Corría o ano 1995 cando se coñeceu o anteproxecto da Xunta de Galicia. Daquela, todo soaba moi lonxano e case a brincadeira. Non era posíbel que un proxecto pensado para un río da Andalucía fora "cortado e pegado" para o Umia, cunhas condicións climáticas, ecolóxicas, de fauna, de flora e demais totalmente diferentes. Non podía abondar con mudar "Puebla de Guzmán" por "Caldas de Reis", "Guadiana" por "Umia" e "Presa de Sanlúcar" por "Encoro da Baxe"!! Dende o primeiro momento o Goberno do PP negou que a finalidade fora o aproveitamento hidroeléctrico, inventou "necesidades" que supostamente eliminaría esta magna obra, como por exemplo o fornecemento de auga ao Salnés (nunca demostrado segundo os Tribunais) ou a fin das enchentas en Caldas (cuxa solución foi o dragado do río ao seu paso pola vila).
En 1998 publícase no DOGA a concesión de dúas centrais e inmediatamente comeza a loita veciñal cos primeiros recursos da Coordenadora AntiEncoro. O perigo comezaba a albiscarse mais resultaba aínda impensábel ver anegada tal cantidade de terras e, sobre todo, a Ponte do Areal. Comezaron a aparecer os informes de catedráticos das Universidades de Vigo e Compostela, entre outras, nas que se cualificaba como totalmente innecesario ese encoro. O proxecto non xustificaba en ningún momento as supostas necesidades que a Xunta pretendía cubrir, o Estudo de Impacto Ambiental estaba cheo de especies propias doutras terras (do Sur da Península Ibérica, pois era o mesmo ca o do proxecto do Encoro do Guadiana) e impropias do noso país. Tampouco existían Estudos Xeolóxicos, co cal a seguridade do nucleo urbano de Caldas de Reis (que ficaría 100 m por debaixo do nivel do encoro) poñíase en serio risco. Alén de estudos técnicos, calquera persoa podía rexeitar tal barbaridade unicamente ao ver que desaparecería a Fervenza de Segade, a praia fluvial da Pontenova (na que poucos anos antes se investira un importante orzamento), centos de carballos e vexetación como froito do anegamento de máis de dous milleiros de propidades privadas. E por enriba de todo, esta desfeita irreparábel sería levada a cabo unicamente para o favorecemento económico dunha empresa privada afín aos gobernantes da Xunta.
Foron presentados, polo menos, os seguintes informes contra o
proxecto: en 1995 presentáronse 27.136 alegacións referidas a impacto ambiental, socioeconómico e de seguridade; aIegación de Marcos González Gónzález, Doutor en Bioloxía, na que solicita a retirada do Estudo de Impacto Ambiental; alegación da Asociación Galega de Pesca Fluvial, elaborada polo Biólogo Pablo Femández; informe da USC no que se conclúe que non existe a necesidade de agua alegada poa Xunta e que o encoro está pensado unicamento para aproveitamento hidroeléctrico; conclusións do Curso Transdisciplinar da Facultade de Económicas da USC, nas que se sinala que o anteproxecto vulnera a lei e non xustifica a necesidade da construción; resolución do Valedor do Pobo ( 31 de xullo de 1998 ) censurando o Estudo de Impacto Ambiental; Informe de Julio Martín, especialista en Medio Ambiente da Universidade de Vigo, sobre a incidencia ambiental das obras e a súa negativa repercusión nas enchentes de Caldas; informe da Universidade de Vigo sobre as graves deficiencias que presenta o anteproxecto en aspectos xeolóxicos e xeotécnicos, co perigo que representa para a seguridade dos veciños; Informes dos Mestres Rafael Araujo do CSIC, Gerar Bauer da Universidade de Friburgo e Mark Young da Universidade de Aberdeen, sobre a existencia no Umia da especie margaritíferae margaritiferae ("mexilón de auga doce" ou "perla de río"), protexida poa Directiva Hébitats e o Convenio de Berna, no que se establece como un dos perigos para a súa conservación a construción de encoros; Informe do Mestre
Pedro de Llano sobre a Ponte do Areal, que data de antes de 1800, contradicindo o afirmado no anteproxecto (que a data nos comezos do s. XX). As obras comezaban o 17 de abril de 1998, ás oito da mañá e con Cuíña e Palmou protexidos polos chamados "antidisturbios", chegados expresamente dende León.
Nada parecía poder deter a senrazón do conselleiro Xosé Cuíña e do Presidente Fraga Iribarne. Co Delegado do Goberno Diz Guedes realizando declaracións como "o TSXG dita sentenzas e nós interpretámolas" e deixando ao servizo dos delincuentes
a brutalidade represiva das Forzas de Seguridade do Estado, a resistencia veciñal antollábase indispensábel. E así foi. Os pobos de Cuntis, Caldas e Moraña deron unha lección de dignidade na loita polas súas propiedades e polo seu río. Ao inventar a Xunta unhas actas de expropiación urxente das terras a anegar, o TSXG reaccinou declarando nulas esas actas e moito máis a suposta urxencia. Pero non ía ser ese impedimento para paralizar as obras. En varias ocasións o Goberno Galego mofaríase das resolucións dos xuíces.
Foi no mes de agosto de 1999 cando terían lugar algúns dos enfrontamentos máis brutais entre as Forzas de Seguridade e a resistencia veciñal. Dende aquí en diante, e até o remate das obras, serían constantes as desproporcionadas agresións policiais que rematan con veciños e veciñas contusionadas, detidos, etc. Tanto as actuacións como as non actuacións serían motivos en numerosas ocasións de denuncias e querelas da Coordenadora. As Forzas do Estado foron o garante das obras
ilegais no canto de defender os dereitos dos veciños, amparados polas resolucións xudiciais.
Con motivo do levantamento das actas previas á ocupación das terras producíase unha irracional carga policial que remataba con veciños/as feridos/as e denunciados/as. Malia estas actas seren anuladas en 1999 polo TSXG ao consideralas ilegais, as denuncias contra os veciños non se retiran. Tres meses despois das anulacións, a
Garda Civil protexe a maquinaria de Dragados na ocupación das terras e de novo carga contra a resistencia antiencoro, da que dez veciños foron detidos. Ademais de padecer a brutalidade policial, veciños e veciñas serían sancionados/as por concentrárense e protestar (pacificamente). Non interveñen e permiten a corta indiscriminada de árbores, o verquido de materiais de construción no leito do río e as explosións en horas nocturnas (que si paralizou o Valedor do Pobo). Prohiben en reiteradas ocasións o acceso do Notario ás propiedades para levantar acta das ocupacións e danos, entre elas e especialmente, hai que citar a negativa da Garda Civil a permitir ao Notario levantar acta das fendas aparecidas na presa en plena construción e que eran visíbeis e foron recollidas polos medios de comunicación.
Dende o citado mes de agosto até o peche das comportas, ano e medio despois, os enfrontamentos sucedéronse, así como as sentenzas favorábeis aos veciños que a Xunta desouvía sistematicamente. O 25 de outubro albiscábase a esperanza cunha nova resolución do TSXG, na que desta vez ditaba a paralización inmediata das obras e obrigaba ao Goberno Galego a devolver as terras ocupadas. De non ser coñecedores xa do xeito de actuar daquela Xunta, podíase dicir de pleno dereito que a loita remataba e a veciñanza saíra vitoriosa. Pero, cal foi a resposta de Cuíña?
Menos dun mes se fixo agardar. As manobras escuras acadaron o seu máximo nivel de absurdo o 24 de novembro dese 99, concretamente ás 6 da mañá. Nun ridículo intento por evitar a presenza e as protestas dos veciños e veciñas, chegaron as comportas con nocturnidade e no medio dunhas espectaculares e desproporcionadas medidas de seguridade. Foi en van. Non ía faltar, por suposto, a resistencia que non atendeu nin ao frío nin ás inusuais horas para seguir na defensa das súas terras e do seu río. Legalmente derrotados, era abraiante comprobar a prepotencia daqueles gobernantes e o desprezo á xustiza e aos xuíces. Que máis quedaba por facer? Era imposíbel loitar contra a administración aínda contando co apoio dos Tribunais? En que se podía tornar a impotencia? Ese 1999 podería tranquilamente pasar á historia da Xustiza Galega como o ano no que ficou en evidencia diante do absolutista poder ditatorial do máis rancio fascismo insertado na máis noxenta e falsa democracia. E como non podía ser doutro xeito, o século ía rematar con malleiras a esgalla. O 31 de decembro veciños e veciñas non puideron disfrutar como gostarían da cea de noitevella, pois máis dun resultou salvaxemente magoado unha vez máis pola brutalidade criminal das Forzas do Estado.
O ano 2000 transcorreu do mesmo xeito. Non faltaron
mobilizacións, protestas, denuncias e diversos actos de publicitación do atropelo por parte dos veciños e veciñas. A barbarie fraguista foi coñecida en todos os recantos do Estado Español grazas á difusión de medios de comunicación estatais. Non respondeu así a televisión pública galega, ao servizo da Xunta unha vez máis e como era e seguiría sendo costume. Os movementos sociais que se ergueron contra a demente administración galega non foron endexamais atendidos polos servizos informativos públicos secuestrados polos gobernantes do Partido Popular.
Coa chegada do novo século estaba condenada a morte a paisaxe virxe das beiras do Umia, a Ponte do Areal, a Fervenza de Segade... Este ano 2000 foi o derradeiro no que puidemos ollar con vida a Pontenova e o propio río, ao que estaba a piques de inxectárselle o máis mortal dos cancros.
A esperanza entraba en fase terminal coa chegada do ano 2001. Todo se precipitaría e en apenas tres meses Cuíña certificaría a morte do Umia. Na resistencia non podía haber tregua, nin en Nadal. Nacía o ano e comezaba con mobilizacións veciñais, foi concretamente o 12 de xaneiro. A empresa construtora, Dragados, da man da Garda Civil Española pretendían o derrubamento dun Muíño en Segade (Caldas de Reis), non existía acta de ocupación polo que o propietario estaba en todo o seu dereito a decidir sobre o que era de seu. Evidentemente a súa negativa a vender estaba moi clara e non foi entendida polos ocupantes. O desenlace xa se pode imaxinar, pero desta vez os veciños e veciñas puideron evitar o roubo. Malia todo, coas obras case rematadas, todo estaba listo para pechar as comportas e encher o chamado "vaso" do encoro. Durante os dous primeiros meses deste novo ano a constante sería a ocupacion forzosa e a negativa dos veciños a abandonar as súas terras. Aquí déronse algúns dos episodios máis cruentos e brutais, co desaloxo de anciáns das súas propias casas coas excavadoras na porta e coa Garda Civil proferíndolles todo tipo de ameazas. A "preparación" do terreo
consistía na corta indiscriminada de todo tipo de árbores e na "limpeza" de animais que ficaran no que ía ser anegado. Todo debía quedar preparado para o que era xa inminente. O atentado ecolóxico que supuxeron aqueles feitos sería motivo suficiente nunha verdadeira democracia igualitaria para seren enxuízados os responsábeis de tal barbarie, mais endexamais foi así. A veciñanza non escatimaba esforzos na súa loita, aínda sendo sabedora de que o tempo remataba. A súa resposta daquela foi unha prantación
simbólica coa que querían demostrar, unha vez máis, que non ían ficar mirando pasivos como as súas terras, das que viviran durante toda a súa vida, e o seu río, até daquela sen "tocar" aínda, serviría para enchérlle os petos a gobernantes indignos e a empresarios sen escrúpulos e merecentes de todo tipo de desprezos, por dicilo moderadamente.
Corría o mes de marzo do ano 2001. O día 25, Xosé Cuíña Crespo, natural de Lalín, daquela Conselleiro de Política Territorial e o máis serio aspirante a sustituír no liderádego do Partido Popular en Galiza a Manuel Fraga Iribarne, pechaba as comportas do Encoro da Baxe e provocaba en poucas horas o asulagamento dunhas terras que foran roubadas contra as sentenzas do TSXG e que non lles foran pagadas aos seus donos; co cal, non se pode falar en ningún momento de expropiación, senón de espolio. As sensacións de incredulidade e impotencia espallábanse entre os veciños e veciñas de Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e todos/as cantos/as coñecían aquel río e aquela zona antes. Non podía ser. Fronte a unha oposición que non esmorecera nunca, que tiña do seu lado non só os máis diversos e prestixiosos informes técnicos ou o amparo da "Xustiza", senón a razón, a Xunta de Galiza para matar un río e unha paisaxe co único fin do lucro económico dun empresario amigo construíra un monstro de 160 m de longo por 36 de alto, cunha capacidade de 6,15 hm3, de 6 quilómetros de lonxitude e que por 1298 millóns fixeron realidade Dragados e Abeconsa.

A vida nos tres concellos seguía. Os seus correspondentes alcaldes, que un día encabezaran manifestacións veciñais en contra do encoro, traizoarían a todo o pobo deixándose ver xunto ao culpábel Xosé Cuíña no paseo da vergoña, en zodiac
polo propio Umia en augas caldenses. Non facían máis ca darlle a razón aos que pensaban, e pensan, que a política partidista non é a solución senón a loita en calquera das súas formas. Os esforzos da Coordenadora centrábanse dende aquela data en conquerir o pagamento das terras asolagadas por parte da Xunta, neste caso do organismo Augas de Galicia. Evidentemente a disposición non era a mellor nin agora que xa cumpriran o seu obxectivo. Nada os faría mudar, nin a mesmísima Unión Europea, que o 23 de marzo de 2002 abría un expediente de Infracción contra o Goberno Español polo consentimento desta barbaridade. Por suposto, non sería tampouco o Tribunal Supremo o que lles fixera sentir vergoña coa súa sentenza do 24 de outubro de 2003 na que declaraba ilegal a ocupación das terras por parte da Xunta, sentenza que sería ratificada en xuño do 2004 e por terceira vez en novembro dese mesmo ano. Parecían inmunes á Xustiza Galega, á Estatal e á Europea, isto só crea desprezo e desconfianza nela.
E sendo capaces de mofarse das máis altas instancias non terían maior inconvinte en facelo unha vez máis dos veciños e veciñas dos tres Concellos. Cos medios públicos (que grave é cando este dato é secundario) e grazas á máis inverosímil realidade virtual editaron un video propagandístico que enviaron ás casas máis próximas e afectadas no que prometían converter a zona nunha verdadeira e idílica paraxe na que,
entre outros, os espoliados poderían desfrutar de: Viaduto de Grixó, Central Hidroeléctrica de Segade, zona recreativa do Aguiúncho, piscina, centro de pescadores, parque infantil, instalacións deportivas, etc. Se a xenreira tiña marxe para medrar, esta foi a provocación que o conqueríu. Xa non había palabras para definilos, esgotáranse ao longo dos últimos anos e ningún sobrehumano esforzo por atopar máis conseguiría cualificalos como merecerían. Nin ao máis inxenuo dos nenos conseguiron enganar, todo o mundo sabía perfectamente que nada do video se realizaría. Se cadra, e como moito, as boas intencións poderían permitir imaxinar que as ribeiras estarían minimamente limpas e coidadas.
Pasaron os anos e en xuño de 2005 producíase un troco á fronte do Goberno Galego. Ao incapaz Fraga Iribarne non lle foron suficientes todas as súas manobras nin a súa inmensa rede caciquil para manterse ocupando a Xunta. Un pacto entre
o PSOE e o BNG deu con Emilio Pérez Touriño na Presidencia e coa Consellaría de Medio Ambiente, e como consecuencia Augas de Galicia, en mans do autoproclamado como "partido dos socialistas de Galicia". Abríase unha nova fiestra á esperanza para os veciños e veciñas que vían como as súas terras ficaban baixo a auga e estaban a producir moreas de beneficios para a dezana Hidroelécticas Cortizo, que é a empresa que ten a concesión e se aproveita da obra. Mais tampouco os que noutrora se amosaran ao lado da loita veciñal aceptaban as demandas dos propietarios e propietarias cos correspondentes e lexítimos xuros.
Ao ano seguinte, a polémica voltaba ás portadas dos xornais e dos informativos. Un accidente nunha pranta química de Caldas de Reis remataba cun verquido tóxico ao Umia, a sicose espallábase polo pobo e a desconfianza na auga brincaba á preocupación dos responsábeis. Mirábase de novo para as augas encoradas quilómetros arriba, evidentemente para nada afectadas polo ocorrido, mais si polo lóxico proceso de podrecemento que tinguía dunha noxenta e pastosa cor verde a face do encoro canto máis preto da presa. As análises revelaban a presenza dunha toxina que convertía a auga en nada recomendábel. A captación de auga para o uso doméstico do casco urbano da vila caldense atopábase nas inmediacións do formigón que tapiaba o río e de novo a Coordenadora recuperaba o protagonismo. Máis dun colectivo esixía o derrubamento da presa, mentres os donos seguían sen cobrar (moitos/as dos/as protagonistas da loita e donos das terras asolagadas morreran xa). A solución ao problema da "alga tóxica" foi o tratamento de ozono que se lle aplicou para que as análises non indicaran ningún tipo de perigo para a saúde pública, mais ao ano seguinte, co comezo da tempada de pesca de novo o encoro era actor principal ao ser vedado e prohibir a pesca nos seus seis quilómetros de augas paradas.
Co paso dos anos, a loita non esmorece. E aínda se quixeramos esquecer, a realidade encárgase de lévarnos cara atrás. O
aspecto da auga nas marxes do encoro é absolutamente vergoñento, a madeira podre vai e vén segundo a "altura" das augas, o lixo de todo tipo (vidros, plásticos, electrodomésticos vellos, etc.) e incluso nalgún momento algún animal morto debuxan unhas augas inaccesíbeis para animais, pescadores e incluso para o adestrar dalgún hipotético remeiro, como acontece noutros encoros nos que incluso se celebran campionatos de alto nivel. Ninguén se fai responsábel del, ninguén o mantén limpo, e ninguén ousa falar alto e claro de facer cumprir as sentenzas xudiciais ou mesmo de retirarlle a concesión a Hidroeléctricas Cortizo. Os novos gobernantes son herdeiros dunha situación contra a que se supón que loitaron, pero como cambian as cousas de velas dende a oposición a facelo dende o poder...! Seis anos despois, moito mudou a situación de cada un dos tres principais responsábeis políticos deste atentado. O desprezábel fascista Manuel Fraga foi, ao fin, derrotado nas urnas polo pobo galego e o seu partido alonxouno da costa (ao igual que fixeran co Prestige...) para sentalo nun asento do Senado en Madrid, onde non o tiveran que escoitar acotío nin gozara do protagonismo que lle roubaría ás novas estrelas mediáticas da dereita española. O noutrora chamado "delfín de Don Manuel", Xosé Cuíña, non sobrevivíu no seu cargo á maior catástrofe ecolóxica da Historia do País (o accidente do Prestige en novembro do 2002, do que de novo o goberno do PP sería directamente responsábel) e foi pouco a pouco alonxado dos chanzos máis altos do poder do seu partido, ademáis de traizoado e relegado a ningún posto cando Alberte Núñez Feijóo sustituía a Fraga á fronte do PP de Galiza. Por último, e nun caso semellante ao padecido polo de Lalín, Xoán M. Diz Guedes, responsábel directo de innumerábeis agresións e brutais malleiras por parte das Forzas de Seguridade á cidadanía, alonxouse da liña oficial do partido e nas eleccións municipais de 2007 "abandonaría o barco" presentándose á alcaldía de Tui nunha candidatura independente, o que provocaba todo tipo de pensamentos impuros entre os seus excompañeiros cara a el.
Con todo, agora non está nos seus maxíns as augas encoradas do Umia que de novo, e coa chegada doutro verán máis, volven mudar a verde tóxico.
chuzame -