SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
>>>ESPECIAIS: O Encoro do Umia, hoxe
Novembro 19th, 2007 by ofervedoiro

Non hai Azude de Grixó, Central Hidroeléctrica de Segade, Zona recreativa no Aguiúncho (nin embarcadeiro), Piscina, Centro de pescadores, instalacións deportivas nin parque infantil. Ningunha destas infraestruturas (com)prometidas é realidade a día de hoxe, e nada apunta a que isto vaia mudar. Estas marabillas ían ser a contrapartida que o Encoro do Umia ía reportar aos pobos afectados. As promesas do video da vergoña non están, o que si está non viña incluído naquel prodixio da ficción publicitaria que parira o aparello de propaganda do réxime fraguista.

Verán 2007

encoro da Baxe, por enriba do 95% da súa capacidadePorén, e no canto de todo o anterior, o que si é unha evidencia é a maleza e o desleixo que agroman ao pé das augas encoradas entre os tres municipios. Moito se ten falado de análises dos especialistas, de tipos de algas e de explicacións ao innegábel. Non imos entrar aí xa que nalgúns casos esas valoracións están suxeitas a intereses políticos; mais en todos, o que se ve é unha auga tinguida dun verde pastoso que adquire máis forza e multiplica a súa tonalidade nos días de máis calor. Calquera pode empeñarse en asegurar que a auga goza de toda a salubridade segundo as análises, mostras e demais, independentemente de que sexa certo ou non.

agosto de 2007

Estivo durante os meses estivais o nivel da auga moi por enriba do que viña sendo habitual nestes últimos anos, deixando imaxes espectaculares como as da Pontenova, nas que a vella ponte que daba paso entre Moraña e Troáns foi acadada polas verdes augas que afogabann deste xeito a zona de esparcimento que no seu día constituíu unha agradábel paraxe moi concorrida (e na que abundaban as churrascadas os domingos). Sinalaba a Consellaría de Medio Ambiente nos seus boletíns ao respecto que o Encoro do Umia se mantivo por enriba do 90% (chegando ao 96%) da súa capacidade total este verán, e abofé que a simple vista se podía comprobar como raiaba o cheo. Non existen datos científicos que poidan agochar a evidencia, non existen análises que poidan facer crer que a auga do Encoro do Umia se atopa en bo estado á vista do que calquera pode apreciar. Un paseo polas marxesagosto de 2007 do encoro antollábase complicado nos días de xullo e agosto ao estar o nivel da auga tan alto como estaba, e é que en ningún momento ninguén limpou ou prestou coidado aos montes que encerran as augas. Mais tampouco ninguén tivo a ben pórlle remedio á lamentábel situación que amosan as beiras cando o nivel se atopa en valores máis baixos. Todo tipo de lixo, vidros, plásticos, leña, etc. facían intransitábel, e incluso dificultoso para pescadores (cando non estaba vedado, como está agora) o percorrer as beiras do Umia.

Moito se pode falar cando o asunto é protagonista e require a atención dos gobernantes, pero o problema (incluso de saúde pública!) é constante e vén de lonxe. Vén concretamente dos comezos, de afogar a Ponte do Areal, a flora, a fauna e todas cantas razóns se expuxeron contra a construción deste encoro. Velaí as causas. As consecuencias póndense ver hoxe, entre moitas, na marxe cuntiense (na aldea da Hervés) saen do medio das augas varios eucaliptos en proceso de podredume; na marxe caldense, unha torreta soportando liñas eléctricas erguíase entre a maleza no medio da auga! O problema é de incumprimento e desleixo, por parte de quen corresponda, polo nulo mantemento que ao medio natural se lle dispensa. É doado alarmarse, e alarmar, cando a superficie da auga amosa o aspecto verde que os medios de comunicación proxectan, mais non se debería esquecer o panorama que presenta o Encoro do Umia o resto do ano. O agosto de 2007proceso de eutrofización, as algas, os axentes tóxicos, etc. contaminan e tíngueno de verde coa chegada do bo tempo, pero cando non, o lixo e a leña amoréase nas marxes sen que ninguén bote aínda man nin tan sequera se moleste en limpar as inmediacions. Esta é a outra volta, a realidade cotiá da que o Encoro do Umia é protagonista tamén cando as fotos están lonxe.  Sexa como for, o que parece certo é que esta presa vai ir sempre vencellada á polémica.

verán de 2007, A Pontenova (concellos de Cuntis e Moraña)

Outono 2007

 outono de 2007, A Pontenova (concellos de Cuntis e Moraña)

Ao atípico verán que se vivíu en Galiza este ano segue un tamén atípico outono. A seca prolóngase dende un agosto chuvoso que retrasou o tempo estival aos meses de setembro, outubro e novembro. Polo tanto, a meiados deste, temos tempo seco e soleado que nos fai encoro da Baxe por debaixo do 40% da súa capacidade, outono de 2007comezar a mirar cara as reservas de augas encoradas (que non son poucas nos ríos galegos). No caso particular do Encoro da Baxe, que en breve terá un novo semellante augas arriba –chamado Salto da Ermida-, o panorama non é distinto. Segundo os boletíns hidrolóxicos mensais da Consellaría de Medio Ambiente, enchen as augas do Umia menos do 50% da súa capacidade total.

Pero o estado das mesmas non é o mesmo ca o dos demáis encoros do país. Aquí mantense a presenza da alga tóxica microcistina, que segue a tinguir de verde todo por onde se extende. O problema xa non é privado e case íntimo dos veciños que habitan á redonda e coñecen de primeira man a penosa situación dunha obra que naceu ilegal e (mal)vive detestábel. A administración galega é boa coñecedora da situación ao recoñecela decretando a alerta de nivel 2, mais isto non implica consecuencias visíbeis e obxectivas no tratamento, coidado e atención tanto das augas como das marxes do encoro.

O verde pastoso segue a tinguir as marxes enguedellando todo o lixo e a leña que se instalan segundo a altura das augas, mais sempre facendo imposíbel o acceso á propia auga en moitos puntos da ribeira. Malia que fora fisicamente posíbel adentrarse, a alga tóxica tan só co seu aspecto afastaría tales desexos de calquera que os tivera. Perante tal panorama, e á vista da actitude do goberno galego e da pasividade-complicidade dos concellos afectados, o único que queda agardar é que as chuvias e o arrefriamento das temperaturas sexa quen arrede a microcistina das augas do Encoro da Baxe. Deste xeito, chegará o inverno e de novo aumentará o nivel da auga encorada facendo así que o lixo quede sumerxido e dándolle unha apariencia máis ou menos normal. Ao tempo, e pola acción natural, como diciamos (chuvia e arrefriamento térmico), o verde desaparecerá da vista até a volta da primavera, en tan só uns meses. Deste xeito, o ciclo seguirá consolidándose aumentando deste xeito a presenza da toxicidade no verán e disimulándoa en inverno.

A Pontenova, verán de 2007A Pontenova, outono de 2007

E non se albisca solución. En primeiro lugar porque este problema tórnase en asumíbel e habitual sendo protagonista tan só uns días ao ano, coa chegada do bo tempo e a aparición en escea da alga microcystis. Posto que non é unha prioridade real para a Consellaría de Medio Ambiente (malia as campañas publicitarias e as promesas de rexeneración e malia os espazos específicos na súa web), non se determina actuación ningunha. Proba disto é o seguinte: na páxina web de Augas de Galicia existe un apartado específico para o seguimento da conca do Umia, no que podemos atopar o protocolo de seguimento da calidade da auga de abastecemento ante a posible presencia de cianobacterias; nel afírmase textualmente que <<Cabe sinalar que o Encoro de A Baxe non é punto de abastecemento para ningunha poboación, nin está autorizado para uso recreativo. Polo tanto, o estado deste encoro en “alerta 2” non representa ningún risco directo para a poboación>>. Nesta afirmación xa se encerra a atención e a preocupación que á consellaría lle merece este problema medioambiental. Pero o peor é que Augas de Galicia (a consellaría e a Xunta, por extensión) contradise e, polo tanto, nalgún momento minte. Vexamos. Nos boletíns hidrolóxicos que recollen o estado dos encoros galegos aos que se pode acceder na rede (http://augasdegalicia.xunta.es/gl/7.5.htm), existe un apartado de “observacións” en cada un dos encoros dos que se facilitan os datos. No caso concreto do que falamos, apúntase “abastecemento O Salnés“… Co cal, o que fai a actual administración é asumir e facer súa a excusa, a mentira, que os responsábeis da construción (Cuíña, Fraga, PP…) inventaron para tentar xustificar o levantamento da presa, que aproveita agora unha entidade privada. O xogo fica descuberto. É ou non é de abastecemento o Encoro do Umia?

 A Pontenova, outono de 2007A Pontenova, verán de 2007

Cremos que non, e agardamos que así sexa, pois de entrar no ciclo de consumo humano a auga encorada e tóxica agromaría un verdadeiro problema de saúde pública de consecuencias, cando menos, moi preocupantes. Non era até o de agora a seca un problema propio do noso país, pero os cambios que o clima a nivel mundial está a experimentar fai que esa afirmación se derrube. Agora, en caso de seca, xa non se pode botar man dos nosos ríos como se facía antano, pois estes están completamente contaminados e cheos de axentes tóxicos que non fan recomendábel o consumo da auga fluvial.

(sen comentarios) outono de 2007(sen comentarios) verán de 2007(sen comentarios) outono de 2007


Comments are closed

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa