SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Fontes, ríos, regatos pequenos…
Outubro 21st, 2006 by ofervedoiro

Ao igual ca todas as persoas ou colectivos comprometidos cun pobo, o noso compromiso co medio ambiente ocupa un espazo preferente nas nosas miras. Logo dun verán que trouxo unha das maiores catástrofes ecolóxicas para o noso país coa meirande vaga de lumes forestais endexamais vistos nunca na nosa Historia, ao remate deste, o accidente dunha pranta química en Caldas de Reis pasaba de simple desgraza empresarial (pois non houbo vítimas mortais) a toda unha catástrofe natural que magoaba a un dos ríos xa de por si máis desprezados polos gobernantes en toda Galiza: o noso Umia! Este feito foi extraordinariamente atendido polos medios de comunicación facendo fincampé precisamente no que apuntabamos: o Umia era xa, e ségueo a ser, un dos ríos máis contaminados do noso país.

O Fervedoiro sentíuse na necesidade de levantar a voz ao ver que o problema se centraba nos focos contaminantes existentes entre Caldas e a súa desembocadura, mais parecían transmitir a sensación de que ou ben o Umia nacía no municipio caldense ou que augas arriba non existían problemas de contaminación. Foi rexistrada no Concello de Cuntis unha denuncia solicitando inmediatas solucións o 16 de setembro.

Quixemos facer un repaso polos vergoñentos “puntos negros” nos que as agresións ao Umia, así como aos afluentes que polo noso municipio levan augas ao citado río, non son merecentes da atención dos medios de difusión nin dos ocupantes das administracións, e moito menos, da maioría de empresarios entregados á ditadura da produción capitalista. Os veciños e visitantes d’O Baño (casco urbano de Cuntis) foron testemuñas durante todo o verán de como as obras de reforma dun importante establecemento hostaleiro produciron impunemente numerosas verteduras ao Gallo (no centro da vila, á luz do día e á vista de todos) de óleos, graxas, pinturas e outros materiais propios da construción.

Mais non só de feitos puntuais se nutría esta denuncia. Apuntabamos tamén a sospeitosa cor (non moi propia dunhas augas limpas e non contaminadas) e o noxento cheiro que amosa o regato do Porto das Eguas, procedente do lugar de Trasponte. Sinalamos asimesmo o lamentable estado de abandono da EDAR de Meira, en teoría encargada do depuramento das augas residuais do casco urbano e aldeas lindeiras, que non realiza ningunha actividade e deixa ir polo Gallo abaixo as augas tal e como chegan dos sumidoiros. Outro regato cuntiense que leva non só auga ao Umia é o da Cova, que porta os residuos do Polígono Industrial da Ran e que contamina tamén o ar (e a dignidade de quen corresponda) cos cheiros que se poden percibir ao paso por esas terras. Sen írmonos do rural cuntiense, mais desprazándonos á beira do Encoro do Umia, no lugar d’A Hervés, podemos comprobar (ou intuír, debido ao estado no que se atopan: cuberto de silveiras e maleza) como uns pozos aos que van as augas fecais das aldeas da contorna liberan contaminación contribuíndo, xunto ao lamentable estado das marxes do pantano (no que podemos atopar de todo: dende electrodomésticos até madeira que vai e vén segundo a “altura da marea” ou todo tipo de plásticos e lixo), a que a captación de auga para a traída de Caldas (uns metros máis abaixo) non sexa todo o salubre que a hixiene recomendaría.

Dende a denuncia e posterior publicación da mesma, algúns veciños comentáronnos que nas súas respectivas aldeas se repiten estas situacións. Salientamos a maiores, como exemplo, a “depuradora” de Arcos de Furcos.

O interese no asunto dunha asociación ecolóxica como ADEGA dá unha idea da gravidade da nosa denuncia e da necesidade de pórlle remedio a este desleixo por parte das distintas administracións, non só locais.

Se temos en conta o acontecido cos mananciais termais cuntienses, hoxe privados grazas á xenerosidade do goberno local ao agasallar con eles a unha entidade privada (que é o verdadeiro poder e dirixente do pobo de Cuntis), e mailo exposto aquí no que atinxe á situación fluvial podemos definir cos versos de Rosalía o camiño que levan as augas do noso municipio: “Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos…” Dende O Fervedoiro non estamos dispostos a ficar mirando sen procurar ou forzar solucións diante das constantes agresións que padecen as nosas (do pobo, de todos) augas tanto as quentes como as frías. Convidámoste a que non exerzas de mero espectador resignado á vontade e á senrazón do poder!

 

 


Comments are closed

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa