SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Posicionamentos
Novembro 1st, 2006 by ofervedoiro

18.07.06 – Conmemoración do setenta aniversario do levantamento militar de 1936.

Coincidindo co septuaxésimo aniversario do levantamento militar de 1936 que ocasionou a nefasta Guerra Civil, a Asociación Cultural “O Fervedoiro” fixo, antes de tratar a Orde do Día, o seguinte pronunciamento colectivo:

“Rexeitamos a barbarie militar;… o xenocidio de miles de cidadáns (alén incluso de 1939);… o fusilamento de galeguistas, nacionalistas, comunistas, socialistas, frontepopulistas, republicanos, anarquistas, sindicalistas;…. o asasinato de traballadores, mestres, poetas, escritores, pintores, artistas;… a extinción, a raíz dos feitos –mais non por dereito–, do lexítimo goberno republicano que posuía o Estado Español;… a traba para que Galiza conseguise o seu Estatuto de Autonomía;… a anulación das liberdades;… a imposición da lei do medo;… a imposición da lei da sospeita;… o linchamento das culturas autóctonas e auténticas do Estado a prol dunha idea uniforme, anquilosada e inflexíbel do mesmo;… a imposición do concepto Estado-nación para España;… a anulación do librepensamento;… a prohibición de expresármonos na nosa lingua;… o exilio de miles de persoas;… a orfandade de milleiros de familias;… así como 39 anos de ditadura do xeneral Francisco Franco Bahamonde, culpábel e xenocida –xunto con todos os que o apoiaron– desa fervenza de sangue, loito, odio e morte;…

Igualmente, reflexionando sobre o acontecido na barbarie, lembramos os nomes daqueles que organizaron o Comité Revolucionario no Concello de Cuntis, entre cuxas encargas estaban as de gardar a orde pública e impedir os atentados contra a República. Pronunciando en alta voz os seus nomes rescatamos e limpamos a súa memoria manchada polos ilegais: Manuel Rodríguez (alcalde de Cuntis), Xosé Pena Sayáns, Sabino Sueiro e Antón Ríos. Rendemos asemade unha afervoada homenaxe a todos os cuntienses que entregaron a súa vida por mor dos sanguinarios feitos: Avelino Ares Villaverde, Serxio González (concelleiro, natural de Arcos de Furcos e militante de Unión Republicana), Manuel Rodríguez (alcalde, igualmente de Arcos de Furcos e membro de Izquierda Republicana), Roberto Blanco Torres (xornalista, político e poeta) e Xohán Xesús González (xornalista, escritor e fundador da Unión Socialista Gallega, de Izquierda Republicana e de Vanguardia de Izquierda Republicana).

Non nos queremos esquecer tampouco doutros cuntienses vítimas das circunstancias políticas que, malia non seren fusilados, si padecerían humillación e presidio na illa da memoria, en “San Simón”: Antón Aboi Torres, Manuel Aboi (asinante da USG), Manuel Alonso Rodríguez (ao cal se lle deu onte sepultura á súa muller), P. Baños Mariño, X. Campos Caneda, Pedro Carballo Blanco, R. Ferreiro Folgar, R. Fuentes Sayáns, S. Fuentes Sayáns, S. Limeres Campos, Francisco Lois Couso, E. Lois Couso, M. Pardal Fabeiro, Xosé Pena Sayáns (tamén da USG), M. Pisos Villar, F. Porto Touceda, Antón Ríos Fernández,…

A Asociación Cultural “O Fervedoiro” reivindica a liberdade dos pobos e das ideas, a vitalidade de todas e cada unha das culturas do mundo, denuncia calquera tipo de acto violento en favor da imposición de ideas e ideais, e aposta por un mundo no que todas as nacións, todas as razas, todas as linguas, todas as culturas,… teñan cadanseu espazo lexítimo de vida e desenrolo en harmonía coas restantes irmás.

Terminamos este breve acto co rescate das palabras dun par de amigos e fusilados cuntienses:

‘Galicia é unha nazonalidade ibérica, con direito, pol-o menos, a ser autónoma. Con direito a ser ceibe. Con direito a empregar a sua lingua, orgaizar as suas institucións, artigoar n-un Código fundamental as suas leises, dar unha base centífica â sua economía, esprotar axeitadamente as suas fontes de riqueza, dando á vida de todol-os seus habitantes un novo senso e unha ourentazón diferente da que agora ten’.

(Xohán Xesús González, ‘Manifesto fundacional da USG’, A Nosa Terra, ‘¿Pol-o bo camiño?: Constituíuse a “Unión Socialista Gallega” –agosto de 1932)

‘¡Loitador, non te deteñas!

Ten cada hora novo alento,

sigue a luz que te ilumiña,

mira a cotío pr’ó ceo

Ôn lado e outro do camiño

toparás pinchos e rebos,

e da estulticia e a enveja

ladraranche os cans famentos.

Loitador, non te deteñas!

¡Levas a verdá no peito,

e a estrela que te guía

ten resplandores eternos’.

(Roberto Blanco Torres, Orballo da Media Noite, 1929)”.

 

04.09.06 – Perante a catástrofe ecolóxica no Umia acontecida logo do accidente dunha pranta química en Caldas de Reis

 

A Asociación Cultural “O Fervedoiro”, atendendo aos seus principios estatutarios, considerou necesario posicionarse diante do “accidente” ocorrido, pasadas as 14 horas, o venres 1 de setembro. A planta química alemá Brenntag, situada no polígono industrial caldense da parroquia de Saiar, logo de térselle declarado un incendio e ser alimento dunhas lapas que rubían deica aos 30 metros de altura, verte no río Umia –como consecuencia– unha incalculábel cantidade de produtos tóxicos e nocivos que provocaron unha mancha escumosa e de cor turquesa cunha toxicidade absoluta (segundo verbas do Conselleiro de Medio Ambiente), mudando o PH da auga –que acada cotas de acidez da orde de 2–, anulando a presenza de osixeno en disolución (0’0 segundo os técnicos) e triunfando un letal índice de mortalidade da orde do 100%. Así as cousas, como se pode comprender, que ser vivo pode vivir aí? Dos que vivían só quedan os cadáveres: murchouse a vida totalmente en non menos de 5 quilómetros neste xa magoado río Umia; o cal, como medida preventiva, hogano ten pechos os seus bancos marisqueiros na ría. Xileno, estireno, o canceríxeno benceno (nas formas tetraclorobenceno, trimetilbenceno e etilbenceno), tolueno (que se atopa, segundo informacións do CSIC nunha cantidade de 1600 μg/l), oxileno, tetracloroetileno, cloruro férrico, o corrosivo ácido clorhídrico (fortísimo ácido de uso industrial), aluminio,… derivados do petróleo e diversos disolventes inflamábeis son verteduras que agora tinxen de cor as augas fluviais e aniquilan a vida delas. Como é posíbel que se consinta e autorice a instalación dunha factoría química desta tipoloxía á beira dun río? Río que, ademais, subministra de auga potábel a diversos concellos da comarca do Salnés (xeografía que posúe preto de 100.000 habitantes).

Sen querer cargar coa responsabilidade dun delito ecolóxico de tal magnitude, dende a empresa Brenntag avísase que posúe diversos certificados que aseguran a súa legalidade, entre outros os correspondentes ás normas ISO 9001:2000, ISO 9100 e ISO 14001. Mais, velaí están as consecuencias, neste caso particularizadas, do irracional capitalismo que non ten en conta o medio natural á hora de buscar os máximos beneficios posíbeis. Tampouco consideramos aceptábel que se permita a instalación dunha gasolineira a escasos metros dunha fábrica con produtos inflamábeis. Cremos que a prevención non existe en moitas mentes dirixentes, xa que hai máis casos coma este que poderían producir danos semellantes, non só neste río e nestas terras senón tamén en toda Galiza.

O Umia é unha das principais vítimas da barbarie antiecolóxica, pois máis dun estudo apuntou xa que é un dos ríos máis contaminados do país. Non debemos esquecer que sufriu un dos maiores atentados coa creación do Pantano (Encoro) da Baxe, no cal, ademais de ser absolutamente ilegal, priman os intereses económicos (e privados) por enriba das necesidades reais e da existencia duns hábitats naturais para especies incluso endémicas –o comunmente chamado “mexillón de río”, do que existen contadas colonias en toda Europa e que unha/s delas estaba (está?) neste Umia. Non é o único caso, posto que en Sebil existe outra minicentral (que secou literalmente non poucos centos de metros do devandito río) e mailo proxecto de crear outra máis por terras do lugar da Ermida.

O río Gallo, afluente do Umia, padece día si e día tamén verteduras ás súas augas na mesma vila do Baño, non tan mediáticos pero igualmente prexudiciais. Capas de graxa impermeabilizan de cando en vez aquel río, residuos domésticos inzan os fondos do seu xa desleixado leito, supostamente obras privadas úsano (de xeito esporádico?) como desaugadoiro, a depuradora de Meira desprende os residuos orgánicos (fecais) directamente ás súas augas,… E lembremos aquí que este tipo de verteduras alteran o PH da auga, o que coadxuva á evidente mortalidade de peixes e outra fauna. A quen queremos enganar? A verdadeira ecoloxía ten un mínimo recuncho nas bicéfalas cabezas do capital (discriminatorio e nepótico) e nas das administracións que consenten estes procederes. Compre mudar, mudar agora, esta nociva “evolución” que, amais de ser neoliberal e favorecer a determinados grupos sociais, vese que ten fechadas a súa conciencia (e a súa consciencia) de cara á Terra que o sustenta.

Esiximos que se espalle o “sentidiño” á hora de conceder licenzas de establecemento a empresas potencialmente perigosas ou que conteñan un risco evidente de dano ao medio natural. Esiximos rigorosidade no cumprimento da lei e contundencia na aplicación da mesma, na defensa das persoas e do medio. É tempo de salvagardar o Umia, a Ría de Pontevedra, os Penedos de Traba, a Serra do Suído, os nosos montes,… É tempo da prevención para evitar verteduras –así nos ríos coma nos mares,… É tempo de buscarmos remedio aos lumes e axustizar a quen os provoca,… Mudemos as nosas miras,… Comemos da Terra, ela nútrenos, mais nós estrámola de inhibidores vitais e nocivos,… Terá algo para nos alimentar mañá? Posíbelmente a uns poucos, aos que administran os nosos recursos (que non só unicamente seus), son os recursos de todos, os da humanidade,…

 

25.11.06 – En solidaridade cos detidos e detidas na “Operación Castinheira”

 

Nas últimas semanas, tiñamos coñecemento polos medios de comunicación da sentenza ditada polo TSXG que decidía que era competencia da Audiencia Nacional de Madrid o xulgamento dos mozos e mozas detidas hai un ano no marco da “Operación Castinheira”. Isto supón que a máis alta estancia da xustiza galega considera actos de terrorismo as razóns polas cales foron detidos membros da organización independentista AMI. A sentenza sorprende polas súas inexactitudes ao dicir textualmente cousas como que “posiblemente” estean vencellados a “grupos terroristas”.

Hai pouco máis dun ano, os “Corpos e Forzas de Seguridade do Estado” asaltaban sen razón algunha pisos particulares sustraendo obxectos persoais, roupa, diñeiro e outras pertenzas totalmente inútiles para poder seren utilizadas como probas dalgún suposto delito. Sen valorar a ideoloxía das vítimas, podendo ser compartida ou non por cada un dos membros do Fervedoiro, consideramos que as detencións tiveron un carácter inequivocamente político. O obxectivo destas actuacións cremos que o amosar unha posición dominante e unha demostración de forza asoballante perante a xuventude discordante galega que pode provocar o que para eles sería un novo problema na suposta desmembración do Estado Español. A visibilidade política dunha realidade como é o independentismo galego, até agora coutada polo antidemocrático sistema electoral, faría que o noso Parlamento acollera a representación dun sector da sociedade que hoxe non se ve representada no Hórreo. Algúns feitos e declaracións parecen indicar claramente que o obxectivo é manter estas circunstancias para evitar que a nación galega mude de apariencia e agrome esa sociedade que non acepta as inxustizas establecidas.

Non é atranco a violación dos dereitos individuais para deter a persoas segundo as súas crenzas políticas. Consideramos abraiante que, trinta e un anos despois da morte do Ditador, neste Estado da moderna UE se siga falando de cousas como “asociación ilícita” (un dos supostos delitos dos que foron acusados) ou ilegalización de partidos e “entornos”.

Queremos manifestar a nosa solidaridade cos mozos e mozas detidos nesta irracional operación política propia das ditaduras de tempos pasados, así como cos seus familiares, compañeiros e compañeiras. Consideramos lamentable o silenciamento por parte dos grandes medios de comunicación, tanto públicos como subvencionados, desta agresión a persoas da nosa terra unicamente por defender e expresar as súas opinións. Rexeitamos a hipocresía residente nas verbas dalgúns gobernantes que nos venden o seu incondicional apoio á xuventude galega e, porén, non aparecen nin tan sequera para valorar publicamente este tipo de acosos. Botamos en falla que algún partido político denuncie perante o Tribunal Constitucional este tipo de actos represivos como denuncia Estatutos que representan maioritariamente a vontade de pobos enteiros.

Proba da non excepcionalidade destes feitos é a nova que coñeciamos esta mesma semana e pola cal estendemos a nosa solidaridade aos agredidos, en especial aos dous mozos detidos, durante a “correspondente” actuación policial con motivo da protesta diante da conferencia pronunciada en Compostela polo expresidente israelita Sholomo Ben-Ami. O testemuño das vítimas é estremecedor e a violencia policial, unha vez máis, desproporcionada. Dende aquí, o noso apoio a todas as vítimas da represión política que segue máis viva ca nunca, trinta e un anos despois…

 

27.12.06 – Manifesto en prol do modelo social cubano

 

De todos é ben sabido a animadversión que os Estados Unidos e aliados máis próximos lle teñen á República de Cuba. Este enfrontamento entre opostos non se queda simplemente na estrutura de goberno ou nas leis electorais, senón que isto vén sendo a punta dun iceberg de ideas e principios que hoxe representan como modelos máis antagonistas Cuba e os EE.UU. A diferenza de potencialidades entre ambos fai desta loita algo desigual e difícil de extraer conxeturas obxectivas no desenrolo de ámbolos dous sistemas no devir social dos últimos 40 anos nos seus respectivos espazos de incidencias.

Non podemos esquecer que os EE.UU. lideran principalmente un bloqueo económico único na Historia que abafa e oprime moitas das posibilidades de desenrolo da estrutura socialista cubana. Ademais, se a isto lle engadimos as consecuencias negativas que levou consigo na economía da illa a caída do bloque socialista do vello continente a fins da década dos 90 e a perda do apoio aportado por este no medio das hostilidades cos EE.UU., así como o posterior illamento co resto do mundo occidental e fomentado polos EE.UU., podemos determinar que á crise económica emerxente tras estes feitos se lle poida atribuír outros “responsábeis” en troques dos até o de agora ditaminados polos media e institucións oficiais máis representativos.

Nembargantes, malia ter ante nós un contexto de capacidades e potencialidades moi desigual podemos analizar certas comparanzas na que son as prioridades de cadanseu coa súa poboación. Como dato máis significativo está a maior fonte de ingresos de cada un destes países. No caso do país caribeño vén sendo a venda de vacinas a países que están en precario estado de desenrolo namentres que o país norteamericano ten a súa prioridade na venda de armas. Este último dato danos unha información bastante reveladora no que atinxe ao tipo de escenarios internacionais que máis convén aos intereses de ámbolos dous países. Este argumento poderíase fortalecer con outros datos igual de esclarecedores como poden ser o índice de criminalidade, o sistema de saúde, tráfico de drogas e a concienciación ecolóxica. Non se trata de xulgar a bos e a malos, senón simplemente de analizar as prioridades que cada un asume coa súa poboación.

Como así dispoñen os Estatutos da Asociación O Fervedoiro, a sensibilidade no respecto ao medio ambiente que nos rodea así como a concepción dun mundo solidario e de iguais, fan que nos identifiquemos de maneira máis salientábel cun modelo de estrutura e xestión como é o caso do cubano; deixando o ámbito da gobernabilidade e das leis electorais para outros “analistas” máis audaces.

Como se se tratara dunha pirámide alimentaria, o peixe pequeño adoita correr o risco de ser engulido polo grande, ou sexa, o sistema neoliberal baseado na competitividade e cun grao desta xa aceptado na sociedade imperante trata de absorver os seus competidores, é dicir, o crisol de realidades que existen no mundo vese acotío ameazado polo cumio desta pirámide. Co dito no paralelismo anterior e a modo de exemplo, vemos a primacía de dominio, manipulación e suxección ben sexa esta tácita ou expresa, directa ou indirecta, consentida ou non á que se someten as realidades e diversidades do mundo actual. E Cuba é un claro exemplo dos efectos colaterais que estas forzas sistemáticas exercen.

Unha das máximas do Fervedoiro é o respecto ás diversidades e o desenrolo das capacidades de cadanseu encol duns beneficios comúns e dentro dos requerimentos da súa propia idiosincrasia. No caso cubano observamos a incomodidade que esta estrutura representa para o capitalismo e o sistema neoliberal, e amósanos unha marabillosa receita contra o cancro da abusiva competitividade e a febre da corruptela tolerábel. Dende hai cincuenta anos, os EE.UU. tentan amosarlle a unha cegada poboación (grazas a un implacábel bloqueo) que a fórmula socialista só leva á precariedade e á miseria ( “digna miseria” ).

Perante a situación descrita con anterioridade, podemos preguntarnos que sería do benestar do pobo cubano no caso de haber un intercambio libre e en garantías non só de mercadorías senón tamén de información e valores?

A guerra dialéctica que se está a producir non é só de posíbeis ideas e valores. O sistema dos barbudos non engloba unicamente unha boa educación, sanidade e sensibilidade medioambiental, senón tamén, por exemplo, actitudes de respecto e solidaridade a un veciño, a un paciente, alumno ou animal; e esas ideas son as que representan para outros un gran perigo para a seguridade mundial até o punto da barbaridade de ser incluída Cuba na listaxe de países do “eixo do mal” elaborada pola Administración Bush.

Partindo dos nosos estatutos fundacionais e, sen falta de conxeturas interpretativas, ponse de manifesto a nosa identificación cos principios e ideas da revolución cubana e coa posterior aplicación, dentro dos posíbeis que permite a natureza humana, de fórmulas igualitarias, sostíbeis e solidarias.

Por todo elo, O Fervedoiro quer manifestar a súa sensibilidade e apoio en prol da defensa da liberdade dun pobo a escoller a súa estrutura de convivencia e a decidir o seu futuro, pero sobor de todo, con aquelas realidades nas que perduran os valores de convivencia e igualdade. O Fervedoiro sempre coa solidaridade internacionalista.

Viva Cuba libre e socialista!!

Viva Galiza libre e socialista!!

Non ás agresións imperialistas!!

 

08.03.07 – Adesión ao manifesto da Asociación Ken Keirades da Estrada con motivo do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA.

 

En 1910 celebrouse en Copenhague a II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, e a proposta de Clara Z

etkin, instaurase o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. O feito de escoller este día non foi casual, xa que uns anos antes nesta data 129 mulleres morreron queimadas polo seu patrón, mentras protestaban polas súas condicións laborais na fábrica de Nova Iorque, onde traballaban.

Son moitos os ámbitos onde se ve patente a desigualdade entre mulleres e homes. Como exemplos podemos destacar o tratamento que recebemos na linguaxe, a minoría representativa na política, nos xulgados…

A incorporación xeneralizada das mulleres ao mercado laboral supuxo un dos cambios socio-económicos máis relevantes nas últimas catro décadas que alterou radicalmente o mapa da desigualdade entre os xéneros, supondo avances incontestables para a sociedade en xeral e, en particular para as propias mulleres.

Aínda así, a progresiva feminización do mercado de traballo é un proceso incompleto e sen consolidar. O obxectivo do acceso pleno das mulleres á vida laboral e, en igualdade, está aínda lonxe de acadarse. Así, a crise do emprego, o aumento e mantemento de altas taxas de desemprego, a crecente precariedade, a reestruturación, o declive do chamado estado de benestar, etc son algunhas das tendencias que na actualidade obstaculizan a conquista dunha verdadeira igualdade.

A situación actual das mulleres galegas no mundo do emprego pon de manifesto a persistencia de discriminacións. Os elementos que contribúen á persistencia de tal discriminación son múltiples e complexos.

Un deles, quizais dos máis importantes, é a asunción das mulleres, case exclusivamente, do coidado e atención dos fillos e fillas, de persoas maiores e dependentes. Esto constitúe un obstáculo na integración igualitaria no mundo laboral.

A violencia de xénero é unha forma máis de discriminación, o expoñente máis cruento da desigualdade.

Neste rematado mes de Febreiro, dúas mulleres galegas faleceron debido ás causas da violencia de xénero, durante o ano 2006 en Galiza morreron tres mulleres, e houbo 3600 denuncias, mentras que no Estado Español as víctimas mortais ascenderon a 88. No escaso tempo transcorrido do presente ano en España 16 mulleres xa perderon a vida debido as consecuencias deste tipo de violencia. Só mediante a condena de toda a sociedade a este tipo de violencia conseguiremos acabar con ela.

(A. Ken Keirades – A Estrada, 8 de marzo de 2007

14.09.07 – Festa Aniversario

 

Celebramos, cuns días de retraso –ben é certo- a data da nosa presentación como asociación cuntinense, como colectivo implicado en todo o que atinxe a esta vila, a esta comarca, a esta nación… Poderiamos dicir que estamos aquí con motivo do aniversario, pero non é doado tampouco fixar a data na que a idea esta comezou a andar polas cabeciñas daqueles que, vai xa para dous anos, nos xuntabamos e falabamos de conformar algo, cando menos parecido, ao que hoxe coñecemos como O Fervedoiro. Formalmente, foi un 28 de xaneiro cando redactamos definitivamente uns estatutos arredor dos cales comezar a ir cara adiante, sempre cara adiante! Ano 2006. Os meses seguintes atopámonos coa lentitude da burocracia, coa preguiza da administración que se demorou máis do agardado en recoñecernos “oficialmente”. Corría o mes de xullo, aquel 18 lembrabamos aos represaliados cuntienses no escuro Golpe de Estado dos fascistas no ano 36. Poucas datas despois rexistrabamos unha solicitude por primeira vez nunha administración, foi no Concello de Compostela e reclamabamos –e seguimos a facelo- unha rúa para o noso ilustre veciño Xohán Xesús González, o loitador cuntiense que foi fusilado por defender unhas liberdades e uns dereitos dos que hoxe todos gozamos, tamén os que seguen hoxe a manter vivo o espírito daqueles que o asasinaron. Non nos esquecemos de que a Capital Galega, os seus dirixentes, lle deben unha rúa ao canteiro, avogado e xornalista de Sebil. Galiza non esquece!

Dun chouto prantámonos no 26 de agosto, sábado. Non por iso imos deixar de lembrar a semana previa, os traballos que daquela coma hoxe, fican detrás de todo o que se ve. Na Casa da Cultura de Cuntis, a que leva o nome doutro dos “bos e xenerosos” que deu este pobo, Roberto Blanco Torres, xunto a tres de nós sentaron á mesa Xosé Lois Bóveda, David Otero e o mestre Avelino Pousa Antelo. Se algo daquel día nos quedará para sempre é a impresionante asistencia de público que nos arroupou no que era a presentación diante do pobo dunha xente que dicía, alto e claro, o que pensaba, o que defendía e que pretendía.

A defensa do noso medio, dos nosos ríos especialmente, a denuncia daquelo que por grave que fora caía en saca rota e tornábase en habitual porque ninguén erguía a voz máis ca o veciño do lado. Iso rematou o dezaseis de setembro de hai un ano. Rexistrabamos no Concello de Cuntis unha denuncia polos vertidos ao Río Gallo e a situación inaceptábel de diversos regatos do noso municipio que levan augas ao Umia. Ao mes seguinte, compañeiros de ADEGA interesábanse pola situación das depuradoras, ríos, regatos e augas en xeral de Cuntis. O Fervedoiro comezaba a coñecerse por ser quen poñía fin á escuridade case delitiva no tocante á xestión medioambiental que nos afecta. Un colectivo coma este non pode facer moito máis ca presionar, instar, denunciar situacións deste tipo. Cremos que tan só a introdución deste tema nos debates habituais de taberna é xa un considerábel adianto.

O mes de novembro trouxo a organización da primeira conferencia e unha das propostas máis soadas e xustas –permítasenos– que neste ano levamos feito e pola que máis fomos criticados, iso si, polos de sempre. A historia do Terzo de Galegos éranos achegada por Horacio Vázquez, o seu actúal comandante e principal reponsábel da recuperación histórica deste batallón e dos máis importantes traballos relacionados con este esquecido e glorioso exército, determinante na independencia da Arxentina e na defensa de Buenos Aires. O 20 de novembro, simbólica data na que nos festexamos e outros aínda choran a morte do Ditador, foi a que escollemos para rexistrar no Concello de Cuntis a retirada da simboloxía fascista que aínda está presente nalgunhas rúas, fontes e edificios públicos desta vila. A iniciativa foi da man dun traballo de localización destes noxentos símbolos polos lugares do municipio, ninguén pode dicirnos que nos adicamos a copiar outras accións en concellos veciños sen facer ren máis. Contestáronnos que o habían consultar con “Patrimonio”. Seguimos agardando!

Temos aínda fresquiño na nosa mente o vinteoito do Nadal pasado. Sen axuda de ningún tipo, nin pública nin privada, con máis trabas das que podería estar citando durante toda a noite, con problemas que nin nos imaxinabamos para organizar unha viaxe… Case setenta persoas, medio cento en autobús dende Cuntis, un xoves pola tarde camiño da Coruña para apoiar á nosa Selección Nacional de Fútbol, para sentir e para reclamar a oficialidade das nosas equipas deportivas en calquera modalidade. Unha das meirandes festas que lembramos os que alí estivemos e, sen dúbida, un dos días máis fermosos deste ano longo de vida do Fervedoiro. Cada un e cada unha gardará unha lembranza que xa terá convencido a quen o ano pasado non estivo, pero que este ano de seguro non dubidará en vir connosco. Non é doado de explicar o que vivimos aquel día, non é doado imaxinar como será cando o partido sexa da fase final dun Mundial…!!!

Os primeiros meses do ano viñeron cargados de actividade. Apoiamos Puntogal, por un dominio galego na rede, unha identificación propia para a nosa lingua e a nosa cultura en Internet. Poñémonos incondicionalmente á beira de Dionisio Pereira, historiador e, sobre todo pozo de dignidade. A mesma que lles falta aos fascistas cobardes que o denunciaron por espallar luz no estudo da nosa historia, por homenaxear dalgún xeito aos que padeceron a barbarie asasina dereitista, militar e clerical. Os primeiros días de marzo de novo atopabámonos coas dificultades da organización e co traballo que supón contar con xentes de escasa formalidade. Ao debate “Proceso de Reforma Estatutaria en Galiza” non asisten algúns representantes do pobo galego polo simple feito de negarse a debater. Con todo, foi adiante un acto histórico. Nunca antes, en ningún punto da nosa xeografía, se celebrara un acto público no que coincidiran un representante da dereita española e outro do independentismo galego. Nós conseguímolo, e ben que podemos presumir! Tivo lugar en Cuntis, o tres de marzo de 2007 e organizouno O Fervedoiro.

O remate dese marzo trouxo un vertido ao río Gallo, un máis, que deu coa morte de máis de douscentos peixes ao paso polo mesmísimo centro da vila, á luz do día e á vista de veciños e visitantes. A diferenza con respecto a outras veces foi que alguén o denunciou, alguén ergueu a voz, alguén exixíu responsabilidades. Si, nós, presentes! A liña de denuncia de diversos escándalos ecolóxicos continuou, desgrazadamente. Prefeririamos non ter que facelo, prefeririamos ser coñecidos por organizar, viaxes, conferencias, festas… Prefeririamos que non acontecera, prefeririamos uns responsábeis que se implicaran na eliminación deste tipo de agresións ao medio, que sancionaran debidademente aos culpábeis, por moi termalistas que sexan… Como expresión visíbel dese continuo rexeitamento a este tratamento ao noso medio, e ás nosas augas máis concretamente, colocamos unha faixa sobre o río Gallo coa lenda “non matemos as nosas augas”. Asinámola, como todo o que facemos. E fixémolo á luz do día, ás catro da tarde, á vista de quen nos quixera ver, apoiar ou criticar. Non coma os que poucos días despois, e de madrugada, se molestou –ou se molestaron- en retirala e deixala no leito do río. Nin que dicir ten que foi reposta, e alí segue aínda hoxe.

O 21 de abril materialízase unha das nosas teimas. Cuntis conta dende aquel día con Xohán Xesús González no seu rueiro. Non contamos, por suposto, para nada nos actos de inaguración nin nos recoñecementos, malia sermos os impulsores da iniciativa. De feito, a homenaxe “oficial e oficialista” tivo como protagonista ao outro veciño que, merecidamente, poñía o seu nome nunha rúa cuntiense: Olimpio Arca. Mais non procurabamos tampouco que, quen estando en campaña eleitoral organizaba un acto como o daquel día, nos prestara atención. Pero nós dicimos: obxectivo cumprido!

En maio recibiamos a proposta do CPI Don Aurelio de Cuntis de participar nas Xornadas Culturais que cada ano organizan. A nosa resposta non podía ser outra máis ca que foi. Unha pequena conversa explicativa das nosas actividades referidas á situación medioambiental do pobo e un roteiro cos rapaces e rapazas de 4º da ESO pola beira do Gallo, dende o Espadenal até Meira.

En xuño estabamos presentes na Xornada de reivindicación da oficialidade das nosas Seleccións Nacionais deportivas organizada por Siarier@s Galeg@s. Seguimos a denunciar máis agresións ao Gallo. Remitimos á RAG a nosa proposta para o Día das Letras Galegas: Xohán Xesús González. Asistimos ao III Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos, en Lourizán, Pontevedra.

A derradeira semana de xullo organizamos a exposición Lume, coa idea de lembrar e concienciarnos da desfeita que os incendios forestais provocaran o ano pasado no noso país. Non nos limitamos a pendurar case trinta fotografías e deixalas durante unha semana na Casa da Cultura “Roberto Blanco Torres”. Preocupámonos por coñecer as distintas opinións que podían ser interesantes e que tiñan algo que achegar ao coñecemento deste problema, por alí pasaron traballadores e traballadoras forestais, sindicalistas, ecoloxistas, políticos, etc.

Seguindo con problemas que nos afectan e amezan a todos, Ana Miranda Paz (Vicepresidenta de ALE no Parlamento Europeo) ofrece unha conferencia máis do Fervedoiro baixo o nome de Globalización e dereitos dos pobos. De novo, o máis positivo, a asistencia e a participación por parte dos moitos e moitas asistentes en pleno mes de agosto.

Xa para rematar, non podemos esquecer a loita na que estamos envoltos arestora, na que Cuntis está implicada agora. Vaise consentir a construción dunha nova minicentral no Río Umia, no lugar da Ermida. Non sabemos se os políticos, unha vez máis, van estar á altura. Se realmente queren, o certo é que non poden perder máis tempo. Pola nosa banda, o que está na nosa man, está feito. Destapamos o conflito e criamos o debate, situamos a nova en todos os medios de comunicaión nacionais –tanto dixitais coma escritos- e incluso entre as follas dalgún xornal de Madrid. Puxemos a situación en coñecemento, mediante carta formal, do propio Conselleiro de Medio Ambiente. Agardamos a súa resposta e, sobre todo, a súa actuación paralizando as obras que lle van asestar outro golpe moi duro ao Umia.

Pero é agora momento para a festa. Celebramos, sen esquecer a loita como non, un ano de implicación, un ano de actividades e dinamización. Un ano de acertos, un ano de críticas, un ano de erros, un ano de loubanzas. Pero por enriba de todo, un ano de convencemento, un ano no que se rachou esa calma e pasividade que tanto lles gusta a algúns e algunhas. Agradecémosvos a todos e todas vos que esteades hoxe aquí, agradecemos a Javier a colaboración do Chiorta, agradecemos aos compañeiros e compañeiras dos grupos que hoxe nos acompañan. Agradecemos, en xeral, a toda a xente que durante este ano nos apoiou e tamen, como non, á que nos criticou e se molestou moito coa nosa presenza. Tan só unha mensaxe: ISTO NON FIXO MÁIS CA COMEZAR!!

27.10.07 – Manifesto lido ao remate do percorrido do “Roteiro polo Umia” ao pé das obras da minicentral da Ermida.

Ano 1995. Falábannos de construír un encoro na aldea da Baxe (Caldas de Reis) que asolagaría terreos das parroquias de Troáns, San Andrés e Santa Cruz de Lamas. Falábannos dun proxecto pensado para un río da Al-Andalus Ibérica ao que o Umia se tería que adaptar coas súas -coas nosas- condicións e características específicas, diferentes e diferenzadas. Queríannos facer crer que non habería problema en afogar a Ponte do Areal, en matar a Fervenza de Segade, os muiños, o mexilón de río, as ribeiras do noso río, as paisaxes únicas e virxes, etc. Querían que calaramos malia que sabían que tiñamos a razón, dábannola os máis prestixiosos informes técnicos de universidades galegas e do extranxeiro, dos máis coñecedores mestres de todo tipo en diferente materias afectadas por esa irracional parede de formigón. Mais non só, tamén nola daba a xustiza galega, a española e a europea. Hoxe podemos contemplar os efectos e non é preciso adicar nin un minuto máis ao estado das augas do Encoro da Baxe, mais o que si é fundamental é telo presente e non esquecelo endexamais. Porque a historia repítese.

Criamos que co cambio de dirixentes chegaría tamén unha mudanza nesta política medioambiental consistente en sementar encoros e minicentrais pola Galiza adiante. Ríos mortos e paisaxes esnaquizadas para roubarlle o río ao pobo e entregárllelo a algún empresario amigo que o aproveitará economicamente. Aquí non foi así. Aquí vaise consentir –estase facendo xa- o levantemento dunha nova minicentral no Umia para que unha entidade privada se lucre grazas aos recursos naturais de todos e todas. E isto é máis grave aínda se temos en conta que a propia Consellaría de Medio Ambiente ten recoñecido en máis dunha ocasión a este río como un dos máis agredidos e con máis problemas de contaminación do país.

O comezo dos traballos víuse envolto no maior dos silencios e en irregularidades como a invasión de camiños públicos, etc. O impacto ambiental, a día de hoxe, é xa irreparábel; a destrución do entorno, intolerábel; a violación de paisaxes virxes, inaceptábel. A posibilidade de que en tempos vindeiros calquera tipo de axente tóxico apareza e contamine o leito do Umia xa aquí, como o está a facer augas abaixo, non a pode descartar ninguén. O problema sanitario multiplicaríase deshorbitadamente, e con el, a posibilidade de que chegara ao ciclo de consumo humano. O xeito de evitalo non é outro máis ca atallar o proceso agora, sen máis retraso.

Pero antes de comezaren os traballos confluíron outros dubidosos procederes nos despachos. Tan só o feito de conceder un río (e con el a paisaxe da contorna) a unha entidade privada para que o aproveite economicamente é simplemente impropio dos tempos nos que vivimos e do sistema no que nos queren facer crer que estamos. É inmoral conceder licenzas a esgalla atopándose en funcións, como así o fixo o Partido Popular antes de ser expulsado da Xunta. É inexplicábel anular esas licenzas dependendo do río e da comarca na que se atopan, como así o fixo o BNG dende a actúal Consellaría de Innovación e Industria atendendo e protexendo as paisaxes dezanas e non estas. É obscena a deixazón de funcións da Alcaldía de Cuntis, do PSOE, permitindo que o permiso definitivo municipal fora obtido por silencio administrativo. Son detestábeis as declaracións posteriores que nestes últimos meses ten realizado a rexedora municipal deste Concello.
Por todo o exposto, pero principalmente por dignidade e por sensibilidade co medio natural no que vivimos, por respecto ao Umia –o río máis maltratado do país, non cansaremos de repetilo nunca-, porque como pobo non lle aceptamos aos que xestionan os nosos cartos que non trafiquen cos nosos recursos naturais:

EXIXIMOS

Á Consellaría de Medio Ambiente, que dite a paralización inmediata das obras atendendo á súa obriga de velar pola conservación do medio. Que priorice a nosa paisaxe e os nosos ríos e non os intereses económicos privados.

Aos Concellos de Cuntis e Moraña, que se impliquen realmente neste asunto e que poñan por diante os intereses dos veciños e das terras que representan e xestionan

Aos grupos políticos con representación en Cuntis e Moraña, que antepoñan as terras nas que procuran votos ás disciplinas e aos intereses dos seus respectivos partidos. Que deixen as declaracións baldeiras e o confronto político nos medios de comunicación e se poñan a traballar por para evitar este atentado ecolóxico.

Aos dirixentes públicos e políticos en xeral, que escoiten ao pobo.

Non aceptamos máis excusas. Non podemos permitir que a historia do Encoro da Baxe retroceda augas arriba e se repita anos despois. Temos o exemplo ben preto. Velaquí está a postura da cidadanía, dicíndolle ao Director de Augas de Galicia que a oposición non responde ao descontento dos veciños que consideran que se lles pagou pouco. A oposición responde á dignidade, a oposición non se basea en intereses económicos.

Hoxe, de novo e máis ca nunca, ENCORO NON!

 22.12.07 – Presentación en Cuntis do DVD de Siareir@s Galeg@s “1996-2006: Dez anos luitando por Galiza

Case setenta persoas da comarca, máis de medio cento delas en bus dende Cuntis. Ese é a marca que o Ferdoiro deixou vai agora para un ano xa. A ocasión ben o merecía: a nosa Selección de fútbol enfrontábase na Coruña ao Ecuador e esta asociación artellou, non sen numerosas dificultades e tan só en colaboración con SS.GG., a viaxe á cidade coruñesa. De manifesto ficou o compromiso da mocidade da comarca co equipo nacional estando na bancada e facendo parte da manifestación para esixir a oficialidade. As palabras que mellor definirían aquel día son dúas: festa e reivindicación. Festa durante o traxecto, festa na Coruña e festa na bancada. Reivindicación durante a viaxe, reivindicación nas rúas e reivindicación no estadio. Lamentabelmente, non podemos deixar de facer referencia aos disturbios que mancharon a festiva xornada. As Forzas de Seguridade do Estado executaron á perfección as ordes represivas de desvio da manifestación, provoacións e finalmente carga desproporcionada e violentas malleiras a todo individou, participante ou non na mobilización, que daquela se atopaba no Orzán. Mais non merecen máis atención os que tan só atenden a unha estratexia premeditada de agresións e criminalización co obxecto de rematar cunha loita que está máis viva ca nunca: a do recoñecemento dos nosos dereitos nacionais no eido deportivo.

E este ano repetimos. O vindeiro xoves partimos ás tres e media dende esta Vila do Baño rumbo ao Sul, a Vigo! Ninguén pode quedar na casa pois as facilidades son importantes: en estreita colaboración con SS.GG., como representación directa na comarca, O Fervedoiro vai encher de novo un bus. Os números son, permitídenolo, verdadeiramente abraiantes se temos en conta que non estamos en ningunha grande cidade nin tan sequera concello medio. Nos tempos nos que vivimos, moi asequíbel consideramos un prezo de sete euros para entrada máis viaxe en bus de ida e volta con direito a gozar de toda a festa que se xera arredor do encontro e demais actos da xornada. Dez euros se aínda non sodes soci@s do Fervedoiro. Tamén podedes adquirir só o billete para o encontro sen necesidade de desprazarvos connosco dende aquí, case de agasallo os seis euros que vos ha custar se a adquirides aquí mesmo! E para a ocasión, cómpre ir ben preparad@s: podedes adquirir a camisola “dereito a decidir, dereito a competir” que con motivo da data poñemos á venda e, por suposto, non podedes ir sen o DVD que hoxe presentamos para velo enteiro unha en outra vez e afacer así o corpo ao ambiente do vindeiro xoves en Vigo.

Este encontro non é máis ca un outro paso no percorrido cara o obxectivo final, que no Fervedoiro temos ben claro e que non nos incomoda afirmar e reafirmar unha e outra vez: a oficialidade! Esiximos o dereito do noso país a competir internacional e oficialmente en todas as modalidades deportivas. Consideramos que vai parello a cada un dos outros que dende este colectivo defendemos dende o noso nacemento: respecto á paisaxe e ao noso territorio, respecto á nosa lingua, á nosa cultura e respecto aos nosos dereitos colectivos como pobo.

Instamos ás autoridades gobernativas do noso país a dar pasos firmes e decididos en prol do recoñecemento da oficialidade que a sociedade está a demandar. En tempos nos que nos aseguran que non van permitir que Galiza fique en calquera ámbito nin un só paso por detrás doutras nacións do Estado Español, temos esixirlles que tornen en realidade este discuro. Temos que alertalos de que outros pobos como o catalán ou o basco camiñan cara o recoñecemento oficial dalgún dos seus combinados nacionais deportivos (hóquei ou surf, por exemplo), polo que cómpre, ao noso xeito e sen necesidade de facer seguidismo de ninguén, traballar tod@s polo obxectivo final. Somos conscientes de que diante temos unha barreira ben contundente e decidida a non escoitar nin atender, por puro electoralismo pero ben saben que sen argumentos, calquera proposta racional que chegue dende o que non sexa Castela. Esa barreira á que nos referimos é a que xestionou politicamente a non permisión, malia os méritos conqueridos, da catalá de hóquei a patíns no Mundial que por resultados lle pertencía. Esa barrerira é o Estado Español, que tan só nos concibe como españois para o que lle convén e nunca para escoitarnos ou pararse a valorar o que reclamamos.

Os que nos negan o dereito a competir teñen as máis potentes armas, os grandes medios de comunicación que son decisivos á hora de espallar a idea que se lles trasmite. En fronte o pobo, que tamén ten as súas: a firme vontade de esixir os seus dereitos. Imparábel.

Xa para rematar, cremos que non é preciso dicir que estades todos e todas convidadas a vir o xoves a Vigo. Tamén aqueles e aquelas que adican algún minuto dos seu prezado tempo a arrincar os cartaces que colocamos para anunciar cada un dos nosos actos. Reciban un saúdo! Para nós están nese grupo que tenta pór trabas á vontade galega en cada un dos seus pasos, e como dicía ao comezo, non merecen nin un só intre máis da nosa atención.

09.02.07 – Conferencia “O Colonialismo interior”, de Xosé Manuel Beiras

Adoitamos entender por colonialismo a dominación dun país por outro que militarmente é máis poderoso. A influencia cultural, económica ou social dalgunha das chamadas potencias mundiais sobre un territorio e incluso, na actualidade, sobre o resto do planeta. Estamos a falar dun termo que pode trasladarnos a centurias pasadas e facernos lembrar os imperios casteláns ou portugueses na América Latina. Corremos o risco de pensar que o colonialismo é unha realidade pasada e ao que con esa palabra nos referimos no presente, só se limita ás influencias culturais a grande escala. Nada máis lonxe da realidade. Convivimos con el, e padecémolo.

Colonialismo non é unicamente o que un estado independente exerce sobre outro ou outros, non é unicamente a expansión duns valores e dun xeito de vida cara a outras terras afastadas que se someten á metrópole. Este fenómeno ten tamén unha face interior, a versión que os pobos inseridos nun marco xurídico estatal padecen cando un deles exerce unha supremacía asulagadora sobre os outros. Describimos o caso galego. Referímonos a unha nación baixo o xugo dun Estado que non recoñece os dereitos dos pobos que o compoñen e como tal, tan só entende e atende ás razóns dun en prexuízo dos outros. Non estamos a falar exactamente de globalización, mesmo diriamos que o fenómeno do “colonialismo interior” é incluso anterior. Xa en tempos de de Faraldo e Solís (1846, canda os “mártires de Carral”) denuncian que Galiza é colonia da Corte.

O colonialismo interior, a súa descrición e análise, contribúen a explicar o porqué da situación actual de Galiza no marco do Estado Español, da Unión Europea e da orde mundial en xeral. Cando a expansión de empresas multinacionais chega á nosa terra e explota os nosos recursos naturais sen deixar beneficio ningún e se vai a tributar a, por exemplo Madrid, aparece unha sorte de colonialismo do que só unha parte, a metrópole, tira beneficios. As súas empresas medran alá, a súa conta de resultados repercute alá, pero o negocio faise aquí e as pegadas (tantas veces irreversíbeis) fican nos nosos ríos, nos nosos montes, nas nosas rías, nas nosas vidas. Mais non só. Cando medios de comunicación nos alienizan facéndonos partícipes de realidades alleas, de preocupacións non propias ou de ledicias que non nos afectan están a introducirnos no mundo que a esas empresas de comunicación, ao sistema, ao conglomerado do poder lle interesa. E se seguimos tirando do fío, o que atopamos son os intereses que eses medios de comunicación teñen detrás. Cando formacións políticas alleas trasladan ao noso país estratexias deseñadas lonxe están a fomentar debates que ocupan o espazo dos verdadeiramente relevantes para nós. Cando formacións políticas propias fixan as súas miras en “seren fortes”, por exemplo en Madrid, e calan diante de, por exemplo o asentamento de Reganosa en Ferrol, están a contribuír á colonización mental que nos invade. Desvían os nosos verdadeiros problemas das preocupacións diarias para discutir doutros alleos a nós.

Pechamos o círculo facendo unha mestura de empresas, forzas políticas, medios de comunicación e problemas nosos e doutros. As multinacionais, ben é sabido, son os novos señores da terra, o verdadeiro poder que domina e manexa os ires e vires dunha sociedade. Os gobernos, as forzas políticas que os compoñen, ceden á chantaxe vendendo silencio e repartindo subvencións tanto ás empresas como ás compañías mediáticas, que á súa vez son as encargadas desoutra colonización: a mental. Todo co visto e prace de administracións e empresas, que en moitos casos son as propias donas desas terminais máis propagandísticas ca informativas ás veces. Círculo pechado, rede artellada. Nesta festa dos poderosos, só falta o cuarto elemento dos que citabamos antes: os problemas reais, as preocupacións verdadeiras. Estas son substituídas por outras que dita o trío: gobernos, medios e empresas. O situar o debate cotiá en se o alcalde de Madrid vai ou non aquí ou alí e facer esquecer, por exemplo, que a poucos quilómetros de nós se regalou un río e se está a construír un encoro para que unha entidade privada se lucre, todo co consentimento de administracións locais e nacionais, ISO É COLONIALISMO. O feito de botar fume nos nosos problemas e luz noutros irrelevantes para nós é a caste de colonialismo interior que distorsiona a nosa sociedade.

Retomamos o colonialismo económico. Describiámolo xa: é o executado polas empresas que destrúen aquí e tributan alá. Pero non imos entrar en termos a grande escala, dos que non ousamos falar nós hoxe diante dun dos maiores coñecedores da temática. Do que si podemos dar conta é dese colonialismo reducido a nivel local, con exemplos ben coñecidos por todos e todas e que en certa medida poderiamos non encaixalos nestes marcos. Corremos o risco de deixarnos levar e pensar que moitas das accións que acotío presenciamos son froito da casualidade, cando non é así, cando non son máis ca representacións rurais do capitalismo salvaxe, universal e globalizador. Atopámonos en terras de augas, así o dixeron xa os romanos, que foron os primeiros en colonizarnos. Augas coa peculiaridade de saíren quentes, augas termais con tanto valor como para seren cobizadas polo poder económico, por unha grande multinacional que da man dun goberno municipal vasalo se fixo con elas para usurpárnolas ao pobo e erguer, con todas as facilidades e subvencións públicas precisas, un imperio termal dende o que se dita máis dunha indicación ao poder político que nos di representar. Indicacións, por certo, que nalgúns casos atopan fin. Indicacións, por exemplo, que fan que se mire para outro lado cando o noso río cheira a produtos de limpeza ou que, para refregárnolo polos peteiros, se organicen congresos mundiais con todo o apoio institucional que sexa necesario…

                O poder económico, o capitalismo salvaxe, ten a liberdade de poder facerse cun río, cunha ría, cos nosos montes ou incluso co noso ar para poder facer negocio, un negocio que se multiplica en termos exponenciais  e ao mesmo ritmo que se deteriora a nosa paisaxe. O poder económico pode facerse coas augas do Baño, coas minas de Serrabal, coa Ría de Pontevedra, co Río Xallas no que provocar un verdadeiro peixicidio no Encoro da Fervenza, faise con solo para erguer urbanizacións, con quilómetros de praias para facer paseos marítimos e incluso pode teledeseñar planos acuícolas beneficiosos para multinacionais estranxeiras e prexudiciais para veciños e veciñas da costa. O poder económico pode dar conta deses beneficios ben lonxe de aquí, que é onde deixa a súa pegada destrutora, e contribuír así a deseñar a irracional idea dunha unidade política inexistente.

                A explicación da situación actual de Galiza non pode deixarse unicamente en mans da casualidade. O afogamento dos nosos sectores produtivos, o deterioro da nosa forza pesqueira, da nosa agricultura, da nosa gandeiría, do sector forestal. Todo ten que ver coa relación de vasalaxe coa metrópole castelá, que impón os seus intereses, que non están loxicamente na pesca nin no mar, nin na agricultura nin moito menos nos montes. Mais, porén, non temos un goberno propio con plenas competencias marítimas, a nosa agricultura ten que acomodarse ás directrices de Bruxelas e nos nosos montes sementaron especies foráneas que son de grande lucro para, por exemplo, ese grupo empresarial que contamina o aire pontevedrés e esnaquiza os fondos da ría da que viven mariscadores e mariscadoras.

                Rexeitamos este sistema capitalista e globalizador que nos afoga e desnaturaliza, que nos fai estranos na nosa propia terra, que se empeña en integrarnos nun marco estatal que, historicamente, non acaba de callar, nin o fará nunca. Remato cunha cita do noso convidado de hoxe que rescatamos do seu libro “A estrela na palabra”:

                “(…) A historia de Galiza, no Estado Español, é a historia da fraude política perpetuamente reiterada. Non ficara xa Galiza excluída do comercio marítimo co imperio español das “Indias occidentais” dende o mesmo século XVI? As colonias interiores non poden participar no espolio das exteriores. Sería un contrasentido que a “razón de Estado” se encarga de evitar sempre”

07.03.08- Estamo Todas. Manifesto pola igualdade real.

A día de hoxe, o noso sistema presume de garantir a igualdade legal entre as persoas, entre homes e mulleres. A nosa loita, xa secular, ten contribuído decisivamente a este feito, que podemos considerar unha conquista de todas as mulleres. Porén, un ano máis, seguimos a estar aquí, celebrendo o noso día, procurando entre todas a igualdade real.

Queremos, nesta data, reflexionar sobre a nosa situación e compartir as seguintes reflexións:

– O 59% da poboación parada en Galiza está constituída por mulleres. Aínda máis: a taxa de desemprego feminino duplica na actualidade a dos homes.

-En 2007, o 77% dos contratos temporais ou xornadas parciais foron para mulleres. É certo que nos últimos anos, moitas mulleres se incorporan ao mercado do traballo. Lamentábelmente esta incorporación non se produciu nas mellores condicións. Xa non eran os tempos dos traballos estábeis ou contratos de longa duración, senón que as mulleres ocupamos unha gran parte dos coñecidos como contratos lixo. En momentos de recesión económica, ou crise, ou estancamento ou desaceleración (como queirades chamarlle), somos as primeiras en caer, tal como demostran os datos que revelan o estancamento da incorporación das mulleres ao mercado laboral no último ano.

-Os medios de comunicación recollen estes días máis exemplos, neste caso referidos ao aspecto salarial. Así podemos saber que as mulleres cobran, como media, uns 4600 euros menos que os homes. Demasiada diferenza para a igualdade.

– E logo, o outro traballo: a casa e a familia. Ocupámonos da casa, das crianzas, das persoas maiores dependentes… Adicamos a cada un destes traballos unha hora diaria máis que os homes. Esta dupla xornada laboral de moitas de nós fai que apenas dispoñamos tempo para o lecer, sempre menos que os homes, como norma xeral. A pesar dos avances legais, seguimos a ser as mulleres as que solicitamos, nun 99% dos casos as baixas por maternidade.

Sírvanos estes datos como exemplo dunha situación que dista moito do noso desexo de igualdade real. É necesario, entón, reaccionar.

Cómpre favorecer a igualdade no acceso ao mercado laboral. Esiximos aos nosos gobernantes, lexislar e facer cumprir a lexislación nesta materia.  Neste ámbito tamén demandamos igualdade de oportunidades á hora de acceder a postos de responabilidade nas nosas empresas e traballos. Do mesmo xeito, débese avanzar, dun xeito decidido e efectivo, cara a unha maior flexibiladade no horario laboral, que hoxe pro hoxe está a imposibilitar a plena incorporación das mulleres ao mercado do traballo.

Cómpre que os nosos gobernantes aborden decididamente a actualización das políticas sociais e familiares e a vixianza coidadosa do seu cumprimento. A pesar dos avances que se deron, aínda non contamos cunha rede de servizos sociais que permitan conciliar, de verdade, a vida laboral, son as úncias vías que as mulleres temos hoxe para cociliar.

Pero cómpre tamén que nós mesmas abordemos decididamente o noso rol na familia, na parella, na maternidade, no traballo, en fin, na sociade en xeral. Cómpre elimnar estereotipos e que nese camiño esteamos todas as mulleres, e todos os homes tamén. Somos imprescindíbeis.

Cómpre coeducar. É necesario que a nosa escola promova modelos de comportamentos igulaitarios. É necesario tamén que nós, homes e mulleres, fóra da escola, nas nosas casas, na sociedade, prediquemos co exemplo repartíndonos reponsabilidades e criando aos nosos fillos e fillas lonxe de prexuízos e estereotipos empobrecedores.

Cómpre, por último, que todas e todos fagamos un esforzo colectivo, moito máis doado ao ser compartido. Conseguir a igualdade real é tarefa común. A súa consecución hanos facer moito máis felices.

Ken Keirades, Coto Manguelo, A Fervenza e O Fervedoiro

28-03-08- Comunicado logo de coñecer que o noso nome aparece nunha listaxe da Guardia Civil.

Dixémos dende o primeiro día cales ían ser os nosos obxectivos e cales os métodos que empregaríamos para acadalos. Endexamais arelamos ou albiscamos outra vía que a palabra, esa mesma, da que botamos man para argallar e dar novos pasos ao fronte na defensa de todos e cada un dos valores da nosa terra: língua, cultura, medioambiente e os problemas sociais que amedrentan o patrimonio común do noso pobo e a loita na defensa do noso acervo. Camiño dos dous primeiros anos de compromiso cos principios que quixemos e seguimos a defender atopamos o nome do noso colectivo nunha listaxe, conxuntamente con outros membros da Galiza non alienada, baixo a denominación “interes policial”, palabras empregadas nun informe do corpo da Guardia Civil ao que tivo acceso Movemento Polos Dereitos Civís.

Nunca ocultamos o que coma colectivo fixemos ou estamos a facer, non nos agochamos detrás dunha falsa identidade que nada ten que ver con nós. Sí, somos eses que defendemos a Galiza en tódolos sensos e expresións do noso pobo, dentro do amplo abano do patrimonio popular: Estivemos na Coruña, en Vigo e no Ferrol para manifestar o noso apoio á loita pola oficialidade das seleccións deportivas galegas, estivemos na rúas de Compostela para espetarlles aos gobernantes que “Galiza Non Se Vende”, na minicentral da Ermida para rescatar do silencio as escuras manobras do poder, nas beiras do río Gallo para denunciar a pasividade das autoridades perante os continuos verquidos… Esiximos a retirada da simboloxía fascista no noso concello (aínda estamos a espera de que se cumpra a Lei!), loitamos pola recuperación dunha figura esquecida por culpa das balas fascistas na longa noite de pedra, conseguimos que os rueiros de Cuntis e Compostela leven o seu nome, Xohán Xesús González. Porén, así mesmo, creamos foros de debate e xornadas nas que achegamos aos nosos veciños e veciñas temas que nos tocan moi de preto pero que son esquecidos e silenciados polo desinterese dos mandamais e que, as máis das veces, semellan molestos á hora de ter que falar de certos temas de interese social: a reforma estatutaria na Galiza, os incendios forestais (e a vaga incendiaria dos veráns), a oficialidade das seleccións nacionais galegas, os dereitos dos pobos, o colonialismo interior,… Transcorreron por Cuntis, grazas a actividades coma estas,  persoaxes máis ou menos coñecidas da paisaxe popular galega, dende a política, o deporte ou a música até literatura ou activismo ecolóxico e social, porén a todos eles debemos agradecer o seu interese en achegarnos as suas experiencias, os seus traballos, os seus puntos de vista e en definitiva o seu grao de area para que todos e cada un dos actos que organizamos puidesen saír adiante.

Aquí mesmo na nosa páxina deixamos rexistrados tódolos pasos dados dende este Fervedoiro, nada temos que tremer por tanto a que nunha desas listaxes apareza o noso nome.  Temos denunciado incluso aquí que durante a pegada de cartaces dalgún acto do noso colectivo, nas rúas do noso propio concello, fósemos identificados pola Guardia Civil. Agora xa sabemos para que querían os nosos datos persoais. Non trememos a nada, non é preciso tampouco que dispoñan dunha unidade especial para controlarnos porque somos de sobra coñecidas e coñecidos no pobo de Cuntis e en gran parte da nosa comarca, a gran maioría dos noso veciños e veciñas podería describir sen problema a árbore xenealóxica de todos e cada un dos integrantes do Fervedoiro. Tan só con leer os xornais saberán de nós, con botar un ollo a internet saberán de nós, con albiscar as loitas populares xurdidas na contorna nestes últimos tempos saberán de nós, con mirar as denuncias e propostas rexistradas en materia de medioambiente, lingüística e arquitectónica no Concello de Cuntis (e doutro lugares do país) saberán de nós, por defender e loitar polo restabelecemento da DIGNIDADE das víctimas do golpe militar e posterior dictadura fascista saberán de nós, por loitar pola oficialidade das nosa seleccións saberán de nós. Saberán de nós porque a nosa voz é unha das moitas que representa a dignidade dun pobo disposto a non afogar aganado nas mans dos arrebatadores de futuro, aínda que hoxe sexamos sinalados e analizados polos especialistas en “seguridade e benestar”.

Sabemos que o problema de raíz atópase nun Estado insultantemente centralista e que endexamais se quixo enfrontar os verdadeiros problemas que se atopan dentro dos seus tentáculos, que non acepta as diversidades, o non pensamento único, o anti-uniformismo español, a existencia de distintos pobos dentro do estado e non un só (concepto este que nos recorda épocas franquistas). Un Estado que ten unha constitución suxeita á súa revisión porque non atopa refuxo o dereito que teñen as nacións sen estado (Galiza, Euskal Herria e Catalunya)  a decidir o seu futuro, e por ende, a decidir a sua maneira de vivir na península Ibérica e na Europa dos pobos. Este problema desenvoca en que os movementos que conforman o corpo social da “Galiza non alienada” nos vexamos envoltos en mentiras e persecucións, por culpa dunha patoloxía que arrastra a España centralista dende tempos dos reis católicos. Arelamos unha Galiza que poida decidir o seu futuro lonxe de xugos e mordazas que a atan a un corpo superior que a castiga con couces cada vez que esta fala en voz alta sobre os tumores que padece, porén sabemos que estes non son terminais porque mentres haxan e existan colectivos dispostos a erguer a voz da nosa terra, seguirase a manter vivo o facho que alumea  o camiño da esperanza para un pobo libre de artificios esmagadores! (Camiño xa iniciado polos galeguistas anteriores ao golpe militar do 36: Castelao, Bóveda, Xohán Xesús González, Basílio Álvarez, Blanco Torres, Lois Soto, Otero Pedrayo,…).

Estamos onde decidimos e nos compretimos a estar, sen imposicións, sen soldos que nos manteñan na defensa dos nosos principios, principios contruídos en base o amor á nosa terra nai: GALIZA!!! 

Xa saben onde atoparnos…máis nunca calarnos!!!

Por certo, o noso labor só ten un cualificativo: DIGNIDADE POPULAR!!!

O Baño, venres 28 de marzo de 2008.


Comments are closed

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa