Que fai O Fervedoiro?

Xuño.06 - Asinamos pola conservación dos Penedos de Traba e Pasarela.

18.07.06 - Conmemoramos o setenta aniversario do levantamento militar do 36, lembrando en Asemblea aos integrantes cuntienses do Comité Revolucionario e aos veciños represaliados na Illa de San Simón.

18.07.06 – Apoiamos a iniciativa de MpDC, asinando en Internet o documento en contra da Agresión do Exército israelí sobre a poboación do Líbano

18.07.06 – Aderímonos como colectivo a Siareiros Galegos, en prol dunhas seleccións deportivas galegas oficiais.

20.07.06 – Rexistramos no Concello de Santiago de Compostela a proposta de lle conceder o nome do ilustre cuntiense Xohán Xesús González a unha rúa da capital galega. Ao tempo, difúndese a iniciativa na rede e iniciase unha recollida de apoios que recibe rapidamente interesantes respostas.

28.07.06 – Rexistramos no Concello de Cuntis a denuncia do estado actual do vertedoiro, ao noso ver incontrolado, situado detrás do Centro Ocupacional d’A Ran.

15.08.06 – Deseñamos e vendemos as camisetas que, con motivo das Festas de Agosto ’06 (de novo no Campo da Feira), recollen a voz d’O Fervedoiro e que expresan, baixo o título de "As leis de CelaKuntis" e de xeito irónico, o estado actual do pobo cuntiense.

26.08.06Celébrase a Presentación Pública na Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres". Xunto a convidados como Avelino Pousa Antelo, David Otero, Lois Bóveda e outros representantes da cultura e de importantes asociacións galegas, asisten numerosos veciños que ateigan o local da Vila do Baño. É de salientar a numerosa presenza de mocidade cuntiense, así como de varios familiares do lembrado Xohán Xesús González. O acto consta fundamentalmente de tres partes: 1.presentación do colectivo como tal, na que se da conta dos principios constitutivos e das actividades realizadas até o momento; 2.palabras dos convidados, nomeadamente Lois Bóveda, David Otero e Avelino Pousa; e 3.remate con recital poético a cargo de Fernández Abella e Martinho Picallo, co acompañamento musical de Francisco Campos.

04.09.06 - Apróbase o documento interno de posicionamento diante da catástrofe ecolóxica ocorrida a raíz do accidente nunha pranta química de Caldas de Reis.

16.09.06 – Rexístrase no Concello unha denuncia dos vertidos no Gallo e en diversos regatos que levan augas ao Umia, así como neste río. O Fervedoiro cre necesario erguer a voz nun caso que non ocupa minutos de televisión nin follas de xornais, especialmente en tempos nos que por mór do ocorrido logo do incendio dunha empresa química en Caldas de Reis algunhas administracións anuncian planos de protección e rexeneración de ríos. Os medios de comunicación adícanlle atención ao vertido en Caldas mais non aos ocorridos acotío augas arriba, por exemplo, en pleno centro do noso pobo.

25.10.06 – Membros de ADEGA visitan connosco varios puntos que citabamos na denuncia do 16 de setembro sobre os verquidos ilegais ao Gallo e ao Umia e mailo estado da EDAR de Meira. Comprobamos como nada mudou dende aquela agás que debido ao remate das obras que se viñan realizando no centro da vila deixou o Gallo de levar graxas, pinturas, etc. Os dous colectivos decidimos manter os contactos para estudar as accións a realizar no tocante a estes feitos.

17.11.06 - O Fervedoiro celebra a Conferencia "O Terzo de Galegos. Douscentos anos de historia (1806-2006)" que serve como homenaxe a este glorioso batallón que fora decisivo na defensa de Buenos Aires durante a invasión inglesa. O acto ten lugar na Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres" e é impartido pola actual Comandante deste Terzo Don Horacio Vázquez, o principal reponsable da recuperación histórica deste batallón e dos máis importantes traballos relacionados con esta esquecida historia. Ao acto son convidados os Alcaldes da comarca e Corporación de Cuntis, ningún responsable político asiste (tan só un membro da oposición cuntiense se excusou), o que consideramos un desprezo ao noso convidado.

20.11.06 - Rexistramos no Concello de Cuntis a solicitude de retirada da simboloxía fascista que aínda permanece no noso pobo. Logo do traballo de localización, fixemos coincidir a nosa iniciativa coa simbólica data do cabodano do ditador que afogou a nosa Terra.

20.11.06 - Como parte da Campaña de normalización lingüística no protocolo funerario, enviamos unha carta ás cinco empresas funerarias con presenza no noso pobo presentando a iniciativa, argumentando e convidándoas a contribuír no proceso normalizador.

28.12.06 - Organizamos a viaxe ao encontro internacional de futbol entre a nosa Selección e a de Ecuador. Mobilízanse dende Cuntis máis de 65 persoas (alguns/has vidos/as dende concellos veciños), desprazando a medio cento en autobús dende esta vila. A organización no contou con ningún tipo de subvencion económica nin axuda de ningún tipo por parte de ningunha entidade pública nin privada.

10.01.07 - Aderímonos á iniciativa "Deamos o primeiro paso. Entidades Galegas pola Redución dos Residuos" manifestando o noso compromiso na xuntanza celebrada en Compostela.

25.01.07 - Ao sermos sabedores da celebración en Cuntis do Campionato Galego de Caza de Raposo, e coñecendo as informacións que falaban de verdadeiras masacres en actos semellantes nas últimas datas, manifestamos a nosa preocupación e desexo de que todo se celebrara correctamente remitíndolle cartas á FGC, á DX para o Deporte e á Sociedade de Caza de Cuntis.

06.02.07 - O Fervedoiro engádese, de facto, á iniciativa pola reivindicación do dominio galego na rede asinando entre os apoios á Asociación Puntogal.

12.02.07 - O Fervedoiro manifesta o seu incondicional apoio ao historiador de Cerdedo Dionisio Pereira, denunciado por familiares de fascistas trala publicación nun dos seus libros dos nomes e apelidos dalgún dos represores durante a Ditadura Franquista.

03.03.07 - O Fervedoiro organiza o debate "Proceso de Reforma Estatutaria en Galiza", que ten lugar na Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres" de Cuntis. Na procura do maior abano posíbel de opinións e puntos de vista, convídase a participar ás seguintes forzas políticas: BNG, PSOE, PP, Nós-UP, EU-IU, FPG e PG. Finalmente asisten o Partido Popular (Xesús Palmou), Esquerda Unida (Fernando Ramos) e Nós-UP (Maurício Castro) e rexeitan sentarse na mesa do debate as restantes organizacións, salientando a negativa do "bipartito" (PSOE e BNG). Todo transcorre polos vieiros da normalidade e rexístrase unha gran afluencia de público. Ten de histórico o acto que por primeira vez tivo lugar un debate político e público entre unha forza independentista galega (Nós-UP) e o Partido Popular.

08.03.07 - Apoiamos o manifesto da Asociación Ken Keirades (A Estrada) elaborado con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora

31.03.07 - O Fervedoiro denuncia a aparición de centos de troitas mortas no Río Gallo, ao seu paso polo centro da vila. Ao parecer, débese a un novo vertido tóxico de procedencia descoñecida. Esíxense de inmediato responsabilidades e o coñecemento da verdade, así como que os culpábeis sexan debidamente sancionados.

02.04.07 - Ao igual ca o que acontecera un mes antes, de novo aparecen despoxos de carne animal tirados no monte de Calvos. Desta vez é O Fervedoiro quen, mantendo a liña de denuncia dos escándalos ecolóxicos, da a coñecer a nova e difunde as imaxes que incluso conteñen o selo do matadoiro do que procede a carne. Todo parece indicar que este feito pode ser definitivo e de grande axuda nunha suposta investigación, de esta existir.

03-04-07 - O Fervedoiro convoca unha concentración no Rió Gallo para exixir responsabilidades pola desfeita ecolóxica da fin de semana pasada que rematou coa morte de centos de troitas, escalos, miñocas, etc. Colocouse unha faixa coa lenda "Non matemos as nosas augas" na ponte de madeira e sinalouse a prohibición de pescar diante da evidente contaminación do río.

14-04-07 - O Fervedoiro asiste ao homenaxe que a A. C. Ken Keirades da Estrada organiza na lembranza de Manuel García Barros, na súa aldea natal de Berres.

21-04-07 - Celébrase en Cuntis o acto de inauguración das rúas Xohán Xesús González e Olimpio Arca. O Fervedoiro, como impulsor da primeira proposta está presente, malia non contar para nada na homenaxe por parte da Corporación cuntiense.

21-04-07 - Logo de desaparecer a faixa colocada no Gallo a semana anterior e ser atopada no propio leito do río uns metros máis abaixo, procédese á súa recolocación na mesma ponte na que fora colocada nun primeiro momento. Segue sen coñecerse nada da investigación ni da autoría do escándalo ecolóxico que dera pe á dita faixa.

24.05.07 - Con motivo da celebración das  Xornadas Culturais, o CPI Don Aurelio Rei, de Cuntis, convida ao Fervedoiro a participar organizando a actividade "Degradación do medio ambiente", que constou dunha pequena conferencia cos alumnos e alumnas de 4º da ESO nas que puidemos ver algunhas das imaxes que contribúen precisamente á degradación do entorno. Deseguido realizamos un roteiro pola beira do Gallo comprobando o estado de sumidoiros e demais "puntos negros", incluíndo a depuradora de Meira.

02.06.07 - Estamos presentes na xornada organizada por Siareiros Galegos en conmemoración daquel primeiro encontro reivindicativo desputado na Estrada no ano 97. Colaboramos na distribución de entradas e na publicitación, asistimos ao partido de Santa Isabel e posteriormente ao concerto en Compostela.

06.06.07 - Denunciamos un novo vertido ao Gallo. A elevada frecuencia coa que o noso río padece este tipo de agresións tornan máis grave aínd ao problema. Desta volta, todo apunta ás obras que se están a realizar e á rotura, consecuencia delas, dunha tubaxe dos sumidoiros que achega augas fecais e residuais ás augas do Gallo.

06.06.07 - Remitimos á RAG a proposta para que Xohán Xesús González sexa homenaxeado co Día das Letras Galegas. Nas vindeiras semanas comezarase a difusión e promoción da candidatura. É un paso máis no traballo de recuperación da memoria e dignificación da figura deste ilustre cuntiense.

16.06.07 - Asistimos, como colectivo convidado, ao III Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos, en Lourizán (Pontevedra). Ao igual ca o resto de participantes, expoñemos a nosa actividade na comarca no tocante a accións e denuncias medioambientais, especialmente no referente a verquidos ao Gallo. Asimesmo, estamos tamén presentes nas XI Xornadas Independentistas Galegas, organizadas por Primeira Linha en Compostela.

21.07.07 - Inaugúrase na Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres" a Exposición "Lume", composta por 28 imaxes cedidas polos fotógrafos redondeláns Félix e Mundo Cal e que foron tiradas durante o tráxico agosto de 2006 con motivo da vaga incendiaria que tivo lugar en Galiza. Fica exposta durante toda a semana. No acto interveñen o Delegado de Medio Rural, Gonzalo Constenla, e o Xefe do Distrito forestal Caldas - Salnés, Pedro López.

28.07.07 - Ten lugar o acto de peche da exposición, no que interveñen Alberte Vieiro (da AGHN), María Xosé Fuentes (traballadora forestal e delegada de CC.OO.), Lois NOgueira (XORNAGA) e María García (ADEGA)

09.08.07 - Ana Miranda Paz (Vicepresidenta da Alianza Libre Europea, partido do Europarlamento) ofrece en Cuntis, na Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres", a conferencia A globalización e os dereitos dos pobos. Rexístrase unha máis ca notábel asistencia e un elevadísimo grao de participación con preguntas, comentarios, etc.

14.08.07 - Denunciamos a realización das obras do Salto da Ermida, carentes de licenza municipal e a alarmante pasividade  das administracións implicadas (Concellos de Cuntis e Moraña). Do mesmo xeito, criticamos a desfeita medioambiental que se produce cos traballos e exiximos a paralización inmediata de tales obras ilegais.

21.08.07 - Rexistramos no Concello de Cuntis a solicitude de paralización das obras do Salto da Ermida.

07-09-07 - Remitímoslle ao Conselleiro de Medio Ambiente unha carta solicitándolle se implique en contra da destrución do medio e dunha outra agresión ao Río Umia: as obras da minicentral da Ermida.

14.09.07 - Celebramos na Taberna O Chiorta (A Anllada, Cuntis) a festa do noso primeiro aniversario. Consta da actuación de tres grupos (Perdemos o Norte e O Duo sen Nome, de Cuntis; e Odio e Amo, de Moaña), a lectura do repaso de actividades do primeiro ano e a proxección dun DVD coas imaxes dende agosto de 2006.

27.10.07 - Organizamos o "Roteiro polo Umia", no que participan preto de medio cento de persoas e varios colectivos para deixar constancia da oposición á construción da minicentral da Ermida, cuxos traballos están a día de hoxe moi avanzados e teñen provocado xa un impacto medioambiental irreparábel.

16.11.07 - Preséntase en Compostela a rede nacional Galiza Non Se Vende, cuxo obxectivo é a conservación da nosa paisaxe e medio natural. O Fervedoiro fai parte dela dende xa, dende o seu nacemento coma tal (o seu  xermolo é a Rede Litoral Vivo). Integrámonos activamente participando no mantemento da páxina achegando as novidades dos asuntos medioambientais da nosa comarca nos que estamos implicados.

26.11.07 - Denunciamos a rotura dunha estela fálica da época romana que xacía no chan na Vila do Baño. Ao tempo, reiteramos que a conservación do noso patrimonio histórico segue a ser precaria en Cuntis, e este feito é boa proba delo. A parte rachada levámola nós mesmos á Casa da Cultura Roberto Blanco Torres atendendo á petición dos responsábeis municipais.

30.11.07 - Rexistramos no Concello de Cuntis un documento no que solicitamos a toma en consideración de diversa información que recollemos e achegamos sobre os prexuízos da contaminación electromagnética e a instalación de redes inarámicas. Isto ten relación co anuncio da instalación deste tipo de tecnoloxía (wifi e wimax) a comezos do vindeiro ano para espallar a internet sen fíos en diversos puntos do rural cuntiense.

18.12.07 - Denunciamos unha nova agresión ao medio. Trátase desta vez dun vertido de neumáticos nun monte próximo ao Río Umia, na zona da Taboada.

22.12.07 - Organizamos en Cuntis a presentación do DVD de SS.GG. "1996-2006: Dez anos luitando por Galiza". Contamos coa presenza dun deportista galego dos de máis alto nivel, Ezequiel Mosquera, e vén a ser este acto unha previa á viaxe organizada aos encontros das Seleccións Galegas de Fútbol da vindeira semana en Vigo.

27.12.07 - Como xa ocorrera o ano pasado, organizamos a viaxe ao partido Selección Galega. A novidade deste ano foi a estrea da feminina fronte a Catalunya, que xogou antes do Galiza-Camerún masculino. 120 persoas mobilizadas dende toda a comarca, oitenta delas en dous autobuses que saíron de Cuntis son os rexistros de 2007 nunha nova mostra de compromiso coa Selección Galega e o recoñecemento da súa oficialidade.

04.01.08 - Organizamos a presentación en Cuntis (Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres") da obra de Xosé Luna "No pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior". Rexístrase unha notábel afluencia de público entre o que se poderían citar salientábeis persoeiros da cultura galega, que xunto aos integrantes da mesa (o citado Xosé Luna como autor, Francisco Pillado como protagonista e M. A. Fernán Vello como editor) fixeron do acto un fermoso inicio da rolda de presentacións por todo o país desta obra.

20.01.08 - Organizamos, en colaboración coa A. C. O Arco de Merza, a representación da peza “Parodia futurista: ollada a un futuro posíbel” a cargo do grupo Churumbel Teatro, vido tamén desas terras.

30.01.08 - Presentamos a Campaña de Normalización Lingüística en Cuntis '08, rexistrándoa no Concello e difundíndoa. Ao tempo, comezamos a procurar apoios de entidades e colectivos comprometidos en tarefas de normalización lingüística. A campaña consta dunha serie de medidas a pór en marcha, centrándose especialmente na toponimia pero sen esquecer outras medidas, como a creación dunha praza de Normalizador/a lingüístico/a ben sexa a nivel local ou comarcal.

09-02-08 - Conferencia "O colonialismo interior", de Xosé Manuel Beiras.  Celébrase na Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres" e colleita unha exitosa asistencia de público. O peche musical é carga de Roi Casal, integrante do grupo Milladoiro.

15-02-08 - Colaboramos na distribución do novo traballo do grupo vigués Skárnio. "O nosso caminho" é o título deste terceiro disco que está editado baixo licenza copileft e se pode atopar en todos os centros sociais de Galiza.

17-02-08 - Asistimos á manifestación nacional de Galiza Non Se Vende. Como integrantes da rede e colectivo convocante, facemos visíbel na mobilización de Compostela a construción da minicentral da Ermida, que suporá un novo golpe ao xa maltreito Umia.

29-02-08- Asistimos o Ferrol xunto cos compañeiros e compañeiras de Siareir@s Galeg@s para estar a carón da nosa selección nacional de fútbol sala na sua estrea fronte o Uruguai. Somos partícipes da xornada de festa e reivindicación programada por Siareir@S Galeg@s, formando parte da mobilización nacional en prol da oficialidade e asistindo a festa-concerto na Fundación Artabria. 

07-03-08- Recollemos o premio que acadamos no concurso de fotografía en prol da Igualdade de Xénero promovido polo Concello de Cuntis nun acto celebrado no CPI Don Aurelio de Cuntis.

07-03-08- Organizamos xunto coas asociacións Ken Keirades da Estrada, Coto Manguelo de Orazo e A Fervenza de Ouzande o acto reivindicativo-simbólico "Estamos Todas" en prol dos dereitos da muller. Por motivos alleos aos convocantes do acto debemos facelo unha data antes do propio día sinalado no calendario oficial.

17-03-08- Denunciamos un novo atentado contra o noso (o de todas/-os) patrimonio arquitectónico, desta volta tocoulle a igrexa de Couselo ser obxecto dunha nova CHAPUZA nesta terra de arghinas. Un ghalpón, o tapiado dunha ventá e unha escaleira e varandas metálicas son as novas inquilinas do lateral e tellado, repectivamente, da parroquial de Couselo.

24-03-08- Convocamos o concurso Na Nosa Lingua para os rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO do CPI Don Aurelio, co obxecto de potenciar o uso da lingua galega entre os máis novos. Colabora con nós o equipo de normalización ligüístico do debandito colexio.

27-03-08- Denunciamos publicamente os últimos verquidos atopados en diferentes ríos do noso concello, mais concretamente na zona da Bagada e no entorno do encoro da Baxe, atopados nunha inspección realizada por varios membros do noso colectivo. Nos vindeiros días procederemos a facer a denuncia pola vía administrativa.

30-03-08- Denunciamos a aparición dun can asasinado e con claros síntomas de maltrato ao lado da pasarela do río Gallo onde se ergue a nosa pancarta: "NON MATEMOS AS NOSAS AUGAS". Procedemos a denuncialo perante os medios de comunicación, o 062 e a Guardia Civil para que se comecen as pescudas que logren dar co autor/-a ou autores desta atrocidade. 

01-04-08- Rexistramos no Concello da Estrada a denuncia dos vertidos localizados por membros do noso colectivo na contorna do río Vea, ao seu paso pola zona da Bragada.

09-04-08- Rematamos o traballo de traducción levado acabo en colaboración co Xulgado de Paz de Cuntis. Consistiu na galeguización de varios documentos que son utilizados no día a día do traballo nos xulgados de paz.

11-04-08- Remitimos á Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Innovación e Industria e ao Subdirector de Espazos Naturais e Biodiversidade da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel senllas alegacións en relación á pretensión de crear un parque eólico (Touriñán III) que afectaría aos Concellos de Cuntis, A Estrada e Campolameiro.

14-04-08- Completamos alegacións á pretensión de crear o parque eólico Touriñán III, versa sobre diversos aspectos do patrimonio histórico-artístico cuntiense e da contorna.

27-04-08- Organizamos a presentación do libro do noso compañeiro Héitor Picallo: "Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego", na mesa ademáis do citado autor estiveron Francisco Pillado (edicións Laiovento) e o mestre e escritor Carlos Loureiro. A primeira presentación en público desta obra, que recupera a figura do noso veciño, estivo arroupada por un gran número de persoas.  

05-05-08- Presentamos á Consellaría de Industria e Innovación un documento, rexistrado a través do portelo único do Concello de Cuntis, no que pedimos explicacións sobre o estado actual da burga "Lume de Deus", situada na Praza de Galiza (Cuntis) tralos últimos acontecementos ocorridos.

13-05-08- Solicitamos ao Concello de Cuntis, por medio de escrito presentado no rexistro municipal e dirixido ao pleno, solucións aos continuos verquidos localizados en dous puntos do río Gallo o seu paso pola vila do Baño e aos problemas resultantes das obras de "rexenaración" que se levaron a cabo no devandito río.

16-05-08- Asistimos, coma parte integrante de Siareir@s Galeg@s, ao I Torneo das Nacións celebrado no pavillón de Santa Isabel en Compostela. Na primeira xornada a selección galega vence a Euskadi clasificándose para a final.

17-05-08-  Estamos presentes na final entre Galiza e Catalunya que vencen as catalanas, dende a nosa bancada as reivindicacións e apoio para con as nosas seleccións non faltaron durante a fin de semana. Tamén asistimos a homenaxe de David Otero, un noso padriño, na Estrada. 

20-05-08- Rexistramos alegacíon dentro do prazo de exposición pública da ocupación dos terreos onde se pretende fincar un aeroxenerador (A1) no Monte Caeiro, pertencente ao parque eólico Arca Fase 1, expoñendo as distintas razóns polas que o noso colectivo amosa o seu rechazo.

11-06-08- Facemos denuncia pública do enésimo verquido ao Gallo e da localización por parte de membros do noso colectivo de canalizacións ocultas ao longo do mesmo.

14-06-08- Estamos presentes nas I Xornadas lúdico-deportivas organizadas por Siareir@s Galeg@s e o centro social A Esmorga na cidade de Ourense durante toda a fin de semana.

20-06-08- Entregamos o premio do concurso Na Nosa Lingua convocado polo noso colectivo para os alumnos e alumnas do CPI don Aurelio.

Chuzame! chuzame -